30/11/09

Os inicios das "feiras do catro"en Friol.

Nestas terras friolesas houbo de antigo feiras de sona. Xa falamos das do 26 de Guimarei , das que xa hai referencia documentada no século XVIII, e non hai que esquecer as de Roimil ( os días 6 de cada mes ) maila de Cotá ( os 18).
Pois ben, rematando o século XIX, e despois duns convulsos anos de vida municipal, aprobouse a construción da estrada que uniría á capital municipal coa capital da provincia.
Corrían os anos 90 e estaba de deputado, representando á provincia lucense, nas Cortes de Madrid o liberal Benigno Quiroga Ballesteros, impulsor e defensor do citado proxecto.
Aproveitando esta nova infraestrutura, os dirixentes locais encabezados polo alcalde do momento D. Ángel Martínez, idearon a realización dunha feira no propio Friol. Así o 4 de xullo de 1.904 comezou a celebración da que sería a "feira do catro".
Cunha boa política de incentivos para promocionar a mesma ( concursos e premios para as mellores cabezas de gando lanar, porcino ou vacún, entre outros) esta feira enraizou rapidamente.
Aínda que, inicialmente, non perderan moito ás outras feiras locais; produciuse certo malestar e algo de envexa, na medida en que o concello miraba máis para a da vila que para as outras. Isto, mesturado co ambiente político do momento xerou fortes controversias, nos primeiros tempos.
Pasado un século, desaparecidas xa hai algún tempo as outras feiras do concello, as autoridades locais decidiron trasladar a feira do catro ao primeiro domingo de mes.
Para facer promoción do cambio, o concello, usando as mesmas prácticas do seu antecesor, realiza actividades que sirvan como reclamo para que a xente se achegue ata a vila.

Seguir lendo...

29/11/09

Santos protectores: San Ramón Nonato.

Dentro da devoción popular, os santos protectores, como intercesores entre os humanos e Deus, eran invocados nos momentos de pánico, incerteza ou desacougo.. Algúns protexían o gando, outros favorecían amoríos, outros aplacaban tormentas... e San Ramón era o patrón das parturientes. A el pedíase axuda cando un parto se presentaba complicado.
A lenda conta que este santo, do S.XIII, naceu cando a súa nai acababa de morrer. Inspirado pola Virxe, ingresa na Orde da Merced, orde mariana dedicada a Santa María da Merced, en cuxo nome, os mercedarios realizaban o ministerio de redención, e que no contexto da época, na que os sarracenos eran unha ameaza no mundo cristián, orientábase ó rescate dos cristiáns cativos no Norte de África. Nesta tarefa, os mercedarios arriscaron a súa vida, e quedaban cativos como forma de pago cando non chegaban os cartos para liberalos. Nesta situación viuse San Ramón: preso en Alxeria comezou a predicar, convencendo por igual ós cristiáns cativos coma ós seus captores. Por este motivo perforáronlle os labios e llos pecharon cun cadeado.
Cando por fin regresa, é nomeado cardeal polo papa Gregorio IX, título que non chega a asumir, pois morre súbitamente. Pouco antes de morrer recibe de forma prodixiosa a Comuñón, pois non habendo ningún sacerdote presente, é o mesmo Xesús quen lla administra. En 1657, época na que o Vaticano "traballa duro en fabricar santos", é canonizado por Alejandro VII.
Coñecendo a historia é fácil entender os atributos iconográficos que o acompañan. As dúas imaxes que ofrecemos pertencen ás igrexas de Carballo (esquerda) e de Cotá (dereita). Os dous portan na man dereita a custodia, e na esquerda a palma do martirio, que indica vitoria. No caso do San Ramón da igrexa de Cotá, a palma leva tres coroas (non no caso de Carballo), que aluden á castidade, predicación elocuente e martirio. Visten o hábito branco da orde mercedaria, símbolo de pureza, completado coa muceta vermella cardinalicia (sobre a iconografía de San Ramón hai moitas variantes).
O San Ramón de Carballo parécenos de maior calidade e tamén máis antigo (probablemente de fins do S.XVIII). As proporcións son máis harmónicas, e a suave cadencia do contrabalanceo do corpo, xunto co minucioso traballo dos pregamentos da roupa, superan ó San Ramón de Cotá. Non sabemos de que época é este último, pois aínda agora se fan tallas semellantes, pero desde logo, eses brillos da pintura delatan unha técnica recente.

Seguir lendo...

23/11/09

Do Castro de S. Martiño e da Casa do Fidalgo

Rastrexar o pasado, ás veces resulta difícil, sobre todo ao carecer de fontes de información máis ou menos fiables. Estas dificultades provocan o termos que achegarnos ás fontes orais. Estas, que moitas veces mesturan cousas sen se decataren,--'tal como mo contaron así o conto'-- o que si permiten é abrir novos camiños de investigación e cando menos deixan, como pingas dunha orvallada, algunha anécdota, lenda ou acaecido da historia local nada desaproveitables e que dan pé, cando menos, a unha entrada neste caderno de bitácora. Por outro lado, os datos que facilitan practicamente non están contaminados por iso que denominamos "o mundo culto", o que nos permite irmos atando cabos e pechando e abrindo novas portas.
Chegamos a S. Martiño coa intención de resolver algunhas dúbidas que nos acompañan dende hai tempo e , así, achegámonos á Casa do Fidalgo, actualmente en estado total de abandono. Permanece inmutable o que foi unha ventá na que o seu lintel acolle unha gravadura en forma de ballesta que non é obxecto desta entrada.
Esta ventá foi testemuña secular das pisadas abaixadas dos labregos que ano tras ano tiñan que lle pagar a renda ao Señor. Como símbolo do mudar dos tempos, esta ventá leva xa tempo tapiada como redimidas foron as rendas tampouco hai tanto.
Desde esta vivenda, nunha rápida subida puidemos achegarnos ao Castro de San Martiño, do que se pode apreciar con bastante nitidez o que foi o foxo.
Ao redor do castro hai un folklore nada desdeñable, desde alusións a unha Pena Moura, á lenda do chamado "monte ou leira dos cartos" no que, segundo algúns, os romanos enterraban os seus cartos. Como nos indicou un veciño "esas cousas cada un as conta como quere e vaia 'usté a saber'.
Tamén temos escoitado o relato que menciona a unhas pitiñas que desaparecían nas pedras deste castro e ían saír ao castro de Narla.
Memoria que esperamos permaneza viva por moito tempo.

Seguir lendo...

21/11/09

Os Rosón no concello de Friol (2)


Como apuntamos na entrada anterior, o escudo da Casa de Caitano ten trazas neoclásicas: de corte plano e sen excesos decorativos. Trátase dun escudo ovalado con timbre de coroa voada. En campo único figuran as armas dos Arias (un castelo de torre única e catro faixas horizontais na base) e as dos Taboada (once caldeiros en bordura).
Tamén podedes ver o panteón da familia Rosón citado na entrada anterior, de características neogóticas.

Seguir lendo...

Os Rosón no concello de Friol

Xa citamos a casa dos Rosón en Lousende -- A Casa Grande--, na parroquia de San Martiño de Prado e quedábannos pendentes a actual casa de Caitano en Samede de Nodar e a antiga dos Rosón nas Pardellas.
A das Pardellas, no Fondo da Vila, tamén debeu ser nos seus tempos unha casa grande- quizais de non tanta importancia como as outras dúas. Nela houbo e hai unha capela.
A casa emprégase como almacén. Os actuais propietarios construíron unha nova casa ao lado e empregan a vella con esa finalidade.
A capela --non estivemos no seu interior-- segue sendo utilizada para a liturxia, e, segundo os veciños, non é raro que haxa misa ás cinco da tarde con relativa frecuencia.
Da casa de Caitano de Samede, Nodar , hai referencias tanto na obra de Yebra de Ares " Pazos y Señoríos de la provincia de Lugo" como nos diferentes estudos realizados por X. M. Abel Expósito.
Esta vivenda , en pleno uso na actualidade, ten planta cuadrangular , lousada a catro augas. A súa fachada principal aparece brasonada cun escudo de corte neoclásico no que aparecen cando menos as armas dos Taboada.
No adro da igrexa parroquial, a escasos metros da casa, está o panteón familiar destes Rosón afincados en Friol.

Seguir lendo...

11/11/09

Copla dos guardias de Guitiriz (II)

Nunha entrada anterior fixemos a transcrición do texto destas Coplas dos Gardas Civís, quedando pendente o acadar a pertinente autorización dos que realizaron o traballo de campo e posterior publicación da mesma.
Unha vez solucionada a cuestión , incorporamos por un lado a partitura das citadas coplas e por outro o audio recollido da Recopilación de Mini e Mero :"Cantos, Coplas e Romances de Cego. (I)".
Agradecemos as facilidades para a incorporación desta gravación aos autores do traballo, membros como é público e notorio do grupo "A Quenlla" e loitadores incansables na recuperación e defensa do noso patrimonio etnográfico.
Para oír a gravación clica aquí

Seguir lendo...

09/11/09

A Fonte do Ouro. Lenda

Na memoria dos veciños de Cotá pervive a historia que fala da "Fonte do Ouro", con lixeiras variacións.
Hai moito tempo, había unha fonte que era da que se tomaba a auga para Cotá --"agora non hai rastro dela"-- e dela cóntase que había alí unha galiña cos seus poliños e que un veciño tapounos cun manto que lle deran na misa e a pita e os pitiños convertíranse en ouro.
Outra versión di que "saían unha pita cos seus pitiños da cor do ouro. Cando os veciños intentaban velos, agochábanse na fonte. A xente ía mirar nela, pero alí non se vía nada, só a auga nacer"
A primeira versión recollémola do traballo "Prospeccións no Concello de Friol (I) Mámoas e Folclore arqueolóxico" de J. F. NÚÑEZ JATO e L.RODRÍGUEZ VARELA, publicado no nº 6 da revista Croa.
A segunda recolleuna Lucía Cabado que lla contou a súa avoa Oliva Pena ( 75 anos) , da Rexidoira, Cotá.

Seguir lendo...

08/11/09

Unha regueifa recollida no Freixido. Xiá

Chegou ás nosas mans o texto desta regueifa recollida no Freixido, Xiá  no mes de abril do ano 1.997. O papel con membrete impreso reza así: "Asociación Cultural FOLIADA FRIOLENSE. Friol. Lugo".
O que inicialmente era unha bola de pan feita de fariña de trigo , azucre, manteiga e ovos, que viña sendo o pan do xantar da voda e que era disputado entre os mozos bailando e executando os puntos máis lucidos coa intención de gana-la regueifa, acabou sendo un baile tradicional no que se ían improvisando coplas rimadas alternativamente e respondendo sempre ás alusións previas do regueifeiro actuante. Estes desafíos entre os mozos, mozos e mozas… están presentes desde antigo en todas as culturas.
Dominio da palabra, enxeño e axilidade mental son as características que debía presentar calquera regueifeiro ou regueifeira. Precisamente por isto , seguramente destacaban as mulleres nesta arte.
Chegou un momento, en que xa había unha serie de coplas que se aproveitaban como comodíns en calquera regueifa antes de quedar en branco.
Esta tradición foi decaendo ata practicamente a súa desaparición. Somos coñecedores que polo concello adiante había bos e boas regueifeiras.
Esta que traemos aquí di así:
- Vaite de aí sapoconcho
que mañá quero cocer,
se non teño varredoiro
contigo hei de varrer.

--Tes unha lengua Carmiña
que afé chegaba pa sete,
¿Cando borracho me viches
pa decir o que dixeches?

--Vinte no mes de febreiro
que era o día de San Blas,
inda me pediches un beso
e máis algunha cousa máis.

- Eu non era por borracho 
nin por cousa parecida,
era por saber, Carmiña,
como era a túa vida.

- Levaches chasco, Manolo
que te quedaches con ganas,
que eu non son desas rapazas
que me fío das palabras

-- Nena que estás na ventana
coas puntas do pano fóra ,
deseaba verche a cara
que o pano non me namora

-- Se o pano non te namora
a cara non cha ensino,
anda ti mal ensiñado
seguira-lo teu camiño

-- O camiño non o sigo
que inda che hei dicir adios,
pa que todo o mundo saiba
que ben nos queremos nós.

Seguir lendo...

07/11/09

A Casa Grande de Lousende ( e II )

Falamos, na entrada anterior, de que tiñamos razóns para pensar que as imaxes da desaparecida capela da Casa Grande de Lousende permanecen na propiedade.
Por un lado é a opinión da veciñanza –"cando o río soa…"-- pero por outra parte, así o cremos porque o descubrimento da casa foi produto da casualidade...
Achegámonos ata o cruceiro de Lousende para fotografalo. Coñeciamos a lenda e queriamos facer unha entrada coa mesma. Unha vez cumprido co traballo continuamos camiño e chegamos ata Lousende e quedamos 'impactados' polo que, a primeira vista, parecía o que era – unha casa grande—e polo que non era – unha capeliña flanqueada por dous cruceiros.
Explicámonos: Da Casa Grande xa falamos, e ao tempo comentamos que houbera unha capela ao pé da mesma que fora derruída. Pois ben a cruz que a coroaba foi trasladada ao pendello, que nos fixo crer estar diante dunha capeliña ( fotografía).
Por outro lado tamén nos chamou a atención os dous cruceiros, cunha imaxe da Virxe por un lado e un Cristo crucificado polo outro. Un á esquerda e outro á dereita do “pendello-capela” .
Pedestal e fuste dos mesmos observábase claramente que eran de factura posterior ao cruceiro en si.
Chamounos a atención tamén o que nos pareceu as diferentes pezas dunha fonte ornamental da mesma feitura dos cruceiros. Ao pouco demos tamén cun escudo labrado en pedra…
Facendo cábalas estabamos cando apareceu a actual propietaria da Casa Grande e aclarou todo: A cruz do que crimos capela fora colocada cando se demoleu a verdadeira capela. Os cruceiros, o escudo e as pezas da fonte foran comprados a un señor que se dedica á compra-venda deste tipo de patrimonio. A fonte aínda está pendente de ser colocada no lugar diante da casa que lle teñen reservado.
Polo tanto todo estaba “des-ubicado”, pero deunos pé a coñecer unha historia que tiñamos diante e que non deramos con ela. Así se escribe… o blog.

Seguir lendo...

A Casa Grande de Lousende

A Casa Grande de Lousende mantén a estrutura característica das construcións destas terras, cunha planta rectangular, sen engadidos, feita en cantaría , con poucos vans e coa cuberta a catro augas. Chama a atención a galería , da que supoñemos sería un engadido posterior á construción da mesma. Os actuais propietarios están pendentes de reparar o lousado.
Desta casa xa se ten constancia a principios do s.XVIII, cando menos, pois xa D. Gregorio López de Lamas, familiar do Santo Oficio, morreu na mesma no ano 1726.
O seu fillo Bartolome, herdou a casa e o cargo, e foi o que edificou unha pequena capela ao pé da vivenda dedicada ao S. Xoán Bautista.
Máis adiante, a principios do s.XIX, pasa a mans dos Rosón ( familia coas orixes na parroquia de S. Xoán da Agüeira- Becerreá) que por vía matrimonial inician a presenza desta familia en Friol.
Na actualidade, a capela foi demolida por deterioro e risco de derrubamento, pero ata hai pouco mesmo se misaba nela e había imaxes – supoñemos cando menos cunha delas sería o S. Xoán citado-.
Por razóns das que falaremos nunha próxima entrada, supoñemos que as imaxes permanecen na propiedade.
Estes Rosón foron tamén propietarios do Pazo de Nodar e doutra casa grande sita nas Pardellas.
Contan que a última dona desta familia , Dona Elena, andaba detrás dos seus caseiros para ver como facían o traballo e mesmo indicándolles como tiñan que facer. Mesmo "cando ían sacar as patacas ía ela detrás dos caseiros para vixiar. Sei que lles levaba un  terzo do que colleitaban. Eran outros tempos. Canta miseria!" dinos un veciño falando do asunto.

Seguir lendo...

06/11/09

O cruceiro de Lousende. Lenda

Na parroquia de San Martiño de Prado, no lugar de Lousende, atópase un cruceiro do que se conta unha lenda.
O cruceiro é simplemente unha cruz, sen ningún tipo de adorno, de ao redor dos dous metros de alto e sen pedestal; chantado directamente na terra. Está situado ao pé do río Narla , actualmente na estrada que une Prado coa citada aldea, mesmo ao lado da ponte que salva o río.
Uns dez metros río arriba vese a estrutura e os vargos da vella ponte, máis ben pontella, que debía dar servizo ao camiño vello, hoxe só ‘adiviñable’.
Conta a historia ( “xa a contaban os pais dos meus pais… e a miña nai vai para 103 anos o dezanove de marzo, vaia ‘usté’ a saber”..., di o informante, veciño de Lousende) que hai xa moitos anos viñan dúas mulleres, de noite , de volta para a casa, despois de ir a unha festa. Ao cruzar o río atopáronse cun lobo. Unha delas tivo a fortuna de “dar subido a un albelo”, pero a outra non gozou de tanta sorte e foi morta alí mesmo polo lobo.
Non se sabe moi ben se en memoria da defunta , ou como ofrenda pola salvación da que salvou a vida – quizás polas dúas razóns—o feito é que se fixo un cruceiro que rememora tal feito e que aínda segue en pé.
Dicía Castelao que “cada cruceiro é unha oración de pedra que fixo baixar un perdón do ceo, polo arrepentimento de quen o pagou e polo gran sentimento de quen o fixo”.

Seguir lendo...

05/11/09

Fantasías friolenses

No concello de Friol atopamos fabulosos exemplos de hórreos. Case todos son construcións mixtas, nas que se combina a pedra e a madeira. Algúns teñen uns acabados de cantaría que demostran unha sensibilidade estética digna de apreciar, ben por destacar entre os veciños como donos de casa forte e exhibir un hórreo como elemento máis de distinción, ou ben por puro hedonismo. Outros seguen a pauta máis repetida no contorno por iso de non dar a nota, e outros, sinxelamente, optan por dar a nota. Exemplo disto é o hórreo que mostramos, da parroquia de Trasmonte, no que a fantasía e o capricho veñen dados polos remates ornamentais. Polo xeral, estes remates facíanse nunha cruz, se ben hai miles de variantes que dan pé á libre imaxinación. No caso do presente hórreo, o dó de peito vén dado por eses dous galos que coroan a construción, e que nos pareceu unha imaxe ben curiosa de como os seus donos se tomaron a molestia en buscar dúas figuras iguais, de proporcións harmónicas, afrontadas, e case diríamos que en actitude de vixía, coidando de que ninguén se atreva a espoliar o que aquí gardamos, pois do contrario cantamos.
Probablemente estén substituíndo ós primitivos remates que por algún motivo se perderon. En todo caso, a molestia que os donos se tomaron en solucionar esta perda, é digna de reflexión e esperta unha curiosidade: onde os adquiriron?, foi premeditado?, foi casualidade?.
Certas fontes denominan a estes remates "turulecos", e realmente, este galos fan honor a tal denominación. A nós parécenos unha imaxe chea de ironía, e un exemplo de como, cada época, cada xeración e cada familia, revitaliza e reinterpreta o pasado ó seu gusto....
....mágoa do pasamáns metálico.

Seguir lendo...

29/10/09

Páxina web do C.P.I.

Hoxe , despois de algo máis dun ano de tela solicitada recibimos a noticia da activación da páxina web do C.P.I. Dr. López Suárez. Sen tempo non era... Queda agora darlle forma, estruturala, enchela de contidos... en definitiva adaptala ás nosas necesidades.
Esperemos que non tardemos moito en conseguir unha conexión á Internet como goza o núcleo de poboación no que estamos situados. É penoso que practicamente non poidamos acceder á rede por ter unha conexión que nin de lonxe se axusta ás nosas necesidades máis perentorias. Seguiremos insistindo e petando nas portas correspondentes para que esta situación sexa dunha vez resolta e poidamos entrar realmente na Sociedade da Comunicación.
Polo demais, iremos de a poucos dándolle forma á páxina e facendo da mesma unha ferramenta de traballo.

Seguir lendo...

26/10/09

Os Escritos de Cotá ( e II )

O Dr. Rodríguez López ( 1859 -1917) no seu "Supersticiones de Galicia" no capítulo que títula " Supersticiones de culto superfluo" fai referencia ao costume de "pegar en las puertas de las casas y de las cuadras esos papeles llamados escritos para liberar a los animales de los maleficios y traerlos las personas a modo de escapularios..." coa mesma finalidade.
Estes escritos son uns textos que funcionan como amuleto protector contra algún meigallo ou mal de ollo.
Podían recoller fragmentos dos Evanxeos, un texto xaculatorio ou mesmo unha oración.Normalmente escritos en latín ou castelán.
En concreto, nos Escritos de Cotá aparece unha cruz cunhas letras no su interior , rodeada por un texto en latín e unha oración na mesma lingua. Máis abaixo explícanse o significado das letras do interior da cruz e indícase a aprobación eclesiástica outorgada no ano 1.894 polo Arcebispo de Santiago.
Estes de Cotá, personalízanse escribindo na parte superior dos mesmos o nome da persoa que pide protección e a dedicación do mesmo. Previamente e en cada esquina do escrito faise unha pequena cruz. Remata o manuscrito cun "amén".
Dos escritos, en xeral en Galicia, hai constancia do seu uso e propagación xa no século XVIII - descoñecemos se antes se empregaba este ritual protector--. No concello de Friol tamén se empregaban uns escritos semellantes na parroquia de Narla para descontar as lombrigas, pódese ler nunha entrada anterior.
Esta actividade coñecida e estendida por toda a comunidade galega debeu producir certo incomodo ás xerarquías eclesiásticas de aquel entón pois o autor citado máis arriba indica que o Arcebispo de Santiago Payá y Rico que exerceu nos anos 1874-1886 prohibiu a venda dos citados escritos na súa diocese; o que provocou grande malestar entre os partícipes da mesma , que pregoaban por Santiago adiante a súa mercadoría deste xeito:
" Escritos, mulleres, baratos e benditos
para a porta da horta, do cortello e pra toda a casa".
Anos máis tarde o Cardeal Martín de Herrera, Arcebispo de Santiago entre os anos 1889-1922, autorizounos mediante un decreto de data 11 de xuño de 1894, coa salvedade do seu nulo valor sen a competente bendición ( como reza no final dos Escritos estudados).
Como din os veciños, reflectindo a alma galega na súa fondura interpretativa: "ben non farán, pero desde logo, mal tampouco".

Seguir lendo...

Os Escritos de Cotá.( I )

Na parroquia de Cotá, concretamente na Casa de Rosende, tamén coñecida por Casa dos Escritos, seguen a tradición iniciada, segundo cren os seus propietarios, por un frade que veu do Mosteiro de Sobrado, enfermo para esta casa, xa hai moitísimos anos.
Os escritos -- ler entrada posterior-- empréganse como elemento protector, tanto para os animais como para as persoas. Veñen sendo un amuleto que anualmente hai que anovar. É esta a razón polo que pola parte de fóra do escrito quede reflectida a data na que se fixo o mesmo.
Informan que en Sobrado tamén hai algún veciño que fai o propio.
Na actualidade, tanto Manuel como Encarnación (os dous irmáns que quedan na casa) din que xa non vén a xente como viña hai tempo.
Razóns? . Por un lado o deixárense de celebrar as feiras do 18, reduciu considerablemente o tránsito de persoas na aldea; polo outro a perda da crenzas "nestas cousas" por parte da xente nova fai que se reduza considerablemente as solicitudes dos mesmos.
A principios dos anos 80 do pasado século, aínda recoñecendo a baixada das petición, con respecto a anos anteriores, falaban de máis de mil escritos ao ano.
Aínda así, teñen os escritos preparados e impresos, para só ter que completalos co nome do peticionario e a protección solicitada, pola parte dianteira ,no propio escrito; mentres que por tras escriben a data en que foi outorgado. Enrólano para que non se vexa o texto do interior.
Segundo o estudo feito por Fidalgo Santamarina as propiedades protectoras do mesmo perden o seu obxecto se o escrito é aberto e lido polo solicitante.
Dependendo da finalidade cólgabanse ou colocábanse no lugar apropiado, que podía ser a corte, se de animais se trataba, ou de levalos a persoa canda ela.
A día de hoxe son os máis vellos os que se achegan á casa en busca dun escrito para colocarllo no coche daqueles máis novos e con carné e coche recente. Mesmo ás veces colócanllos sen que eles -- os propietarios dos vehículos-- o saiban. A finalidade é obvia.
Na actualidade cobran o escrito a 0'50 ctms. de euro

Seguir lendo...

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.