Na procura dunhas pedras, achegámonos ata A Torre ( S. Martiño de Condes) e a casualidade, levounos a dar cun cabeceiro que non responde ás normas arquetípicas deste tipo de construcións adxectivas ( non queremos con isto dicir que sexa peza única, pero si ben escaso, cando menos na actualidade).
Apoiado nunhas padias, a súa estrutura rectangular , ben estreita, está formada por pólas entrelazadas--corras-- e que, debido ao paso dos anos, está axudada por algún arame enferruxado. A cuberta vexetal está reforzada por plástico agrícola tan abondoso no noso agro. Unha pequena porta dá acceso ao interior. Na actualidade parece que o tempo vaino vencendo e vaino tirando cara á dereita sen disimulo ningún.
Aínda está en uso. Felipe Rebolo, o noso informante e tío da propietaria, indicounos "que aínda onte sacaron o maíz".
Este tipo de construcións con data de caducidade, é unha mágoa que se perdan, e cando menos, pretendemos, no camiño iniciado por A Ulloa en fotos, deixar constancia virtual do que foi, e polo que comentamos aínda é, elemento complementario dunha forma de vida.