Amosando publicacións coa etiqueta Contos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Contos. Amosar todas as publicacións

30/12/23

Téñenche unha areíña de sal de máis...

Queremos pechar as publicacións deste ano 2023 cun conto.
Non cos contos que nos contan a diario e que chegan a nós polas máis sorpresivas vías e que de non estarmos alerta, xeran expectativas erróneas caendo no engano no que pretenden que vivamos os especialistas das fraudes.
Sen irmos máis lonxe estes días andan engaiolando a orella dos dependentes avellentados co conto dos 5000 euros, que din universais.
E nestoutra ler o DOG onde aparece o contido real. 
O demais sonche contos!
E imos ao noso:  
De Lois Carré Alvarellos  xa falamos nunha entrada anterior e mesmo editamos o conto "Se calo , revento"  do seu libro "Contos populares da Galiza" contos recollidos por Carré  nas súas viaxes por Galicia adiante (viaxes nas que non esqueceu Friol ).
Na recompilación aparecen, xa dixemos,  tres relatos recollidos no concello friolés:
Hoxe publicamos o que leva por título "Téñenche unha areíña de sal de máis"-pax 237- dentro do capítulo dedicado aos contos de curas
Di así :
Foi nos tempos aqueles en que non chegaba o sal pol-as aldeias mais que unha vez en cada ano, cando no tempo da matanza víñano trael-os arrieiros coas suas arreatas cangadas, e daquela, nas casas, poñíase un ataño debaixo do picho do baño pra aproveital-a  salmoira; e, ele foi, que o siñor cura da parroquia, que era moi comillón e gustábanlle moito as papas, tiña un viaxe e deixoulle dito á criada:
--Oes, pra cando veña, xa me terás unha boa cunca de papas. 
--Ben está, si siñor.
E o siñor cura marchou, e cando foron horas, a criada fixo as papas; dun barcal tirou a i-auga que o siñor cura non quería senón da fonte do picho, que tiña sona de sel-a millor da parroquia, e do ataño da salmoira botou unha pinguiña coa garfela. 
Cando chegou o siñor cura xa era ben tarde, e traguía tanta fame, que engulipou ele soio meio pote de papas, e xa arrotaba de farto cando dis a criada:
-- E logo, siñor cura, seique están boas? 
-- Oooáaa ! , téñenche unha areiña de sal de mais, -- respondeu. 
E foi daquela que a criada deprocatouse que fixera as papas na salmoira; craro, figurádevos, cómo non había pasar se todol-os ataños eran imitantes? 
Recollido en San Xian de Friol.
(Respectamos a propia grafía do autor)

Seguir lendo...

09/01/20

Madialeva (II)


O sábado pasado presentouse en Miraz, como xa dixemos, e con gran afluencia de público, a novela gráfica Madialeva de Ana Moreiras
O libro recolle diferentes historias locais contadas desde esta parroquia friolesa e nas que aparecen os diferentes personaxes que conforman e conformaban a sociedade tradicional. Así aparecen as figuras de dúas mestras de distinto e distante proceder, caciques, señores, curas, veciñas afoutadas, a emigración, os primeiros pasos de Inditex, a ilusión xerada pola República, o drama da guerra e por último como algo novidoso o empoderamento da muller.
Todo isto que a autora recolle en Miraz reflicten, coas variantes que cada lector teña a ben segundo a súa propia novela persoal, historias que ben puideron suceder en Mondriz (Castro de Rei), Ove (Ribadeo) Ferreira ( Guntín) Palmeira (Ribeira),…ou en calquera outro punto da nosa xeografía.
Coa lectura deste texto, nós lembramos as tardes que, dentro do proxecto Algo máis que pan e queixo, dedicamos á escoita da veciñanza que se xuntaba no local social de Carballo e que debullaba historias, esas pequenas historias que non aparecen nos libros de texto e que conforman o noso ser e estar, e que neste caso quedaron recollidas neste blog.
Animamos á lectura desta novela sobre todo á veciñanza friolesa pois de seguro que nomes e historias, con certo grao de implicación faranse facilmente recoñecibles e, aínda que hai pingas de ficción, permítesenos percorrer e acompañar a xeografía humana da parroquia e do concello e lembrar outras contadas da citada freguesía das que nestas páxinas temos dado conta. 
En hora boa á autora.
En Lugo os exemplares, que nós saibamos, pódense adquirir nas librerías Trama e Totem

Seguir lendo...

07/06/17

Se calo, revento (sic)

Lois Carré Alvarellos (1898-1965), fillo de Uxío Carré Aldao, fixo ao longo da súa vida unha máis que interesenate recolleita de romances, lendas e contos da tradición oral galega.
No ano 1968 publicouse polo Museo da Etnografía e Historia da Junta Distrital do Porto, o seu libro Contos populares da Galiza no que aparecen un monte de historias recollidas polo autor nas súas viaxes pola nosa terra.
Nesta recompilación aparecen tres relatos recollidos no noso concello:
Un co título de "Téñenche unha areíña de sal de máis"-pax 237- dentro do capítulo dedicado aos contos de curas, outro titulado "As fabas"-pax 405- dentro do capítulo dos contos porcos, irreverentes e ouscenos, e o que nós publicamos aquí -pax 167-: "Se calo, revento".
Reproducimos o texto tal como foi publicado, respectando a grafía empregada polo autor: 
"Ela era unha rapaza que tiña un mozo que lle non querían na casa; o seu pai lle non deixaba tunar, e tampouco podía ir â misa a non ser cando a levaba de par a nai; os domingos, as mozas do seu tempo adivertíanse no turreiro, e, ela, miña xoya !, estábase na casiña como as vellas. Pra poder sair un pouco, xuraba e perxuraba que lle non daría lado ao mozo, e se a nai quería de deixala ire, o pai, terne que terne, seguía a negal-o consentemento.
Un día, foi tanta a teimosía da rapaza, que a nai en cabo deixouna ir vel-o baile do turreiro, mas impoñéndolle como condizón que non había falar cô mozo, e pra se asegurare de cómo o non facía, pois de vela, o pai íâ escadullar,fíxolle levar a unha irmán pequecha que había dicir canto vise.
Foise a rapaza, e de chegando onda mozarría , viu decontado o rapaz a lle facel-as veiras; ela botábao fora, mas, dicíalle ele tan lindas cousas, que cando a irmanciña a lle turrar pol-a saia lembráballe o que a nai dixera na casa, tirou unha perra que levaba no peto do mandil, e díxolle â pequena: 
--Toma, e cala ; ti lle non dirás cousa â madre , non si?. Si ês boa, heiche dar máis.
A cativa atolecía coa súa perra no peto, cantas cousas podía ela mercar… 
E, a moza, falou canto quixo cô seu rapaz, e ainda botou unhas xeiriñas no baile. Ao chegal-a noite, cando na casa perguntoulle a nai:
--Tí non falarías cô rapaz?
A moza moi perena asegurou que non ,e como se estrevera no seu falar a dicir como a irmanciña podía de o revorar así, baise a pequena e volvéndolle a perra berroulle alritada:
--Toma, garda a tua perra, que eu se calo revento"

Seguir lendo...

01/04/13

Contos da avoa Matilde (III)

Na aldea onde nacín e naceron os meus ancestros --relata Quiroga--, contaba miña avoa, dun coetáneo dela, un pouco máis vello se cabe, que tiña fama de ser un bo gadañeiro. O mellor sen dúbida de toda a  contorna. Tal home era coñecido polo tío José de Guntín. 
Deuse o caso de que o cura da parroquia tiña un prado moi bo e, chegado que foi o tempo de segar a herba seca, falou con el e chegaron ao seguinte acordo: 
--Se es capaz de segar o prado ti só, los denorios! (dito que adoitaba dicir o cura) en só un día, apóstoche tres olas de viño. 
O tío José que non lle facía ascos ao viño, aceptoulle á primeira.
Chegou o día da faena, e pola mañá a criada do cura, foille levar a 'media mañá' dándose conta que empezara a segar en círculo, elevando unha boa xeira de herba segada. De tal xeito que de volta na casa, comentou co crego, que polas trazas ía perder a aposta; entón o crego pouco amigo de perder a aposta díxolle á criada: 
--Los denorios!.Cando lle leves o xantar mestúralle unha pouca de herba do rato, para que "ande lixeiro”. 
Dito e feito. A menciña fixo o efecto esperado, mais o tío José, lonxe de arredrarse, tirou de pantalón, e "renca de herba, renca de merda", ganando a aposta sin ningún problema.
A fotografía que ilustra esta entrada correspóndese co antigo Mesón dos Quiroga ao pé da igrexa de Carballo

Seguir lendo...

31/03/13

A avoa Matilde ( II )

Quedaran sen publicar, por descoido, estoutras achegas que a continuación transcribimos:
"I) Diálogos entre vexetais:
Regueifa do trigo e do centeo
Dicía o trigo: 
--Oiche! altas canelas! A que non vas bailar coma min diante dos señores e das doncelas? 
Respostaba o centeo: 
--Cala ti, bicho barbudo! Moito ti fas, se eu non che axudo. 
O millo e maila liñaza
Dicía a liñaza: 
--Ou millo millón, que eres capaz de estar tres anos debaixo dun terrón
Respostaba o millo: 
--Cala ti, esfameada!, que o cabo de tres días xa es nada
Diálogo das aveas 
--Somos mouriñas e feas, pero… sacamos os nosos donos de portas alleas!. 
II) Relacionado cos animais
--O gando vacún: Chover, chover hastra o meu corno amolecer.
--O gando equino: Xear, xear hastra o meu bico regañar. 
III) Outros ditos  
Relacionada coa sementeira do millo, sempre dicía a avoa Matilde: Polo San Marco (25 de Abril) nin nado nin no saco.
Un dos seus comentarios , relacionados co matrimonio, era sempre: “O home debe ser o saco e a muller a abraza(sic)”. A referencia é que o home debía ganar os cartos e a muller gardalos.
Tamén comentaba que a roupa falaba:  Aséame ben na casa que eu te asearei na praza.
Lémbrolle tamén un dito que dicía: Ave de pico, nunca fixo a seu amo rico."

Seguir lendo...

30/01/10

Dos raposos...

A fin de semana pasada, no concello de Portomarín, levouse a cabo unha batida de raposos. A asociación ecoloxista ADEGA, vén de denunciar que estas cacerías carecen de rigor científico e afirman que a necesidade destas batidas por un exceso de poboación do citado animal, non é tal. Por outra banda sinalan que botarlle a culpa da escaseza doutras pezas de caza ao raposo é infundada.
Por outra parte os ecoloxistas denuncian tamén a celebración  da "V Copa de España de Caza do Raposo "V Copa de España de Caza do Raposo" no mesmo concello, a celebrar esta fin de semana.
Nós aproveitando que o Miño pasa por Portomarín, publicamos aqui dous contos relacionados cos raposos.
Sen lugar a dúbidas, é o animal que máis aparece nos nosos contos tradicionais, unha boa mostra é o libro de Antonio Reigosa "Memorias dun raposo" no que de xeito novelado pega un repaso á todas as historias nas que o raposo fai acto de presenza.
Este primeiro conto foi recollido por Patricia Marqués na Hedreira, Condes. Contoullo o seu avó.
"Había unha vez un raposo que colleu unha pita polo rabo con ganas de darse unha boa panzada, pero a pita escapoulle ao bo do raposo e a este quedáronlle na boca algunha das plumas da ave.
O raposo dicíalle á pita:
-- Ai cabeciña louca, volve pola túa roupa !
Ao que a pita respondíalle:
-- Non volvo, non , que Deus hame dar outra!
Estoutro foi recollido por Luís Pena na Agruñá, Cotá, e foille contado polo seu pai. Di así:
" Hai moitos anos, chegou un raposo a unha aldea en busca dalgunha galiña ou un galo co que matar a fame. Achegouse a un galiñeiro e o galo que estaba vixiando avisou ás galiñas para que se agochasen antes de chegar o raposo. Así o fixeron , pero o galo non tivo tempo de facelo e empezou a convencer no raposo para que non o comese.
-- Non ves que estou moi fraco. Se viñeses polo  tempo do millo novo estaríache mellor mantido.
O raposo deixouse convencer e contestoulle:
--Pois vale, convencíchesme. Hei vir no mes de outono. Dime por quen hei preguntar cando chegue.
--Pregunta por Coidado -- dixo o galo--
E así foi; pasou o tempo e acordou o raposo do trato que fixera co galo e alá marchou outra vez.
Cando chegou, novamente o galo deu avisado ás galiñas para que se escondesen, e el tivo tempo de subirse a un poleiro ben alto para esperar a chegada do raposo. Este ao chegar chamou:
-- Ei Coidado !
O galo desde o poleiro contestoulle:
-- Xa cho teño.

Seguir lendo...

02/11/08

Un conto de cazadores

Estamos no tempo da caza. Que menos que contar un conto, dos moitos que se escoitan, sobre esta actividade. En concreto este que vai a continuación foi recollido o pasado ano polos alumnos de 1º de E.S.O.

Era un cazador que sempre que saía ao monte topaba cunha perdiz que nunca daba cazado. Un día , xa farto de que sempre se lle escorrentase, decidiu saír tras dela e darlle caza fose como fose. Marchou para o monte e ao pouco saíulle a perdiz tras dunha matogueira. O home prepara axiña a escopeta, dispara e pum ! pero non lle atinou, que a boa da perdiz saíu, algo asustada iso si, voando. Seguiu serra adiante ata volver dar con ela e repetiuse a operación, pero nada, nin pluma ! .

Xa ía máis da metade da xornada, o cazador estaba canso de andar polo monte adiante sen resultado ningún e mesmo cada vez con máis carraxe contra a perdiz esquiva. Parou comeu algo, bebeu dun regato de augas cristalinas e continuo coa súa persecución.

Entre unhas silveiras movíase algo e observou que era a perdiz que andaba buscando: Apunta, dispara e ... o resultado, o mesmo, nada.

Xa era a tardiña e o cazador estaba farto de tanto fracaso continuado. Viu a perdiz e sen tino ningún empezou a dispararlle : pum…pum…pum !

--Dar, non che hei dar

pero de España heite botar!

Seguir lendo...

05/10/08

Cando os animais falaban

Moitos son os contos nos que os animais falan entre si. Disto debe haber ben anos que agora, mesmo os humanos falan pouco entre eles. En fin.

Esta é a historia dun burro e un lobo famento:

Era unha vez un lobo que tiña moita fame e non daba encontrado ningún animal para comer.

Un bo día atopou a un burro que estaba pacendo e díxolle o lobo :

--Voute comer que teño moita fame pois levo moitos días sen levar nada á boca.

-- Home non me comas, que levo traballando todo o día e mañá hei seguir igual – faloulle o burro—

Tanto se queixou o burro ao lobo que este díxolle.

--Vouche dar unha oportunidade: Primeiro vou cantar eu e despois has cantar ti. Se ti cantas mellor ca min non te como senón xa sabes…

O lobo botouse a cantar:

--Ahuuuuuuuuuuuuuu….

Unha vez que acabou díxolle ao lobo:

--Agora tócache a ti

O burro deu en cantar.

--Hiiiiihiiihiiihiii

Pero ao tempo levantou o rabo e empezou

--- purru purru… hiihiihiihiiiiiii purrupurru

Entón o lobo faloulle así ao burro:

--En cantar parece que estamos igualados ¡ pero as voltas que lle dás ti por tras non lle quedan nada mal!

Así o lobo non comeu ao burro

Conto recollido por José Ángel Corredoira Romero. 1º E.S.O. Curso 2007/08

Seguir lendo...

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.