Amosando publicacións coa etiqueta Novas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Novas. Amosar todas as publicacións

13/09/18

Estamos de aniversario...

Hoxe hai exactamente dez anos que botou a andar este caderno dixital.
Non queremos deixar pasar a oportunidade de celebrar con vós esta data, pois en definitiva sodes vós os que nos animades a seguir publicando co mesmo cariño que cando iniciamos esta andaina.
Naquel comezo de curso 2008/09, e sen termos moi claro o camiño a seguir, iniciamos a publicación de pequenas achegas--todas relacionadas co concello-- que foron conformando o que é hoxe Friol: algo máis que pan e queixo.
Demostrando que os blogs non necesariamente están condenados a un curto percorrido, levamos aquí estes 3652 días nos que con maior ou menor intensidade fomos publicando aquilo que consideramos de interese para Friol.
Este caderno non sería posible sen as múltiples colaboracións e achegas da veciñanza, máis ou menos próxima, e de compañeiros e compañeiras do mundo do ensino que tamén participaron, directa ou indirectamente, a que esta páxina se manteña aínda viva.
Só nos queda, por un lado agradecer aos lectores e lectoras o seu interese e os seus comentarios aclaratorios e enriquecedores e, polo outro, comprometernos a seguir o labor de esculca e publicación iniciado daquela desde a escola e hoxe mantido desde a asociación Carballo Vivo.

Seguir lendo...

14/04/16

IV Xornadas de Carballo

Un ano máis a Asociación Carballo Vivo organiza as Xornadas de Interpretación e Dinamización do Medio Rural, terán lugar o derradeiro sábado de abril,día 30, e os dous primeiros sábados de maio, días 7 e 14.
Nas mesmas desenvolveranse actividades relacionadas co mundo do lobo -que inclúe a proxección da película "Entre lobos"--, a habitual xornada ao redor do mundo da saúde e,para rematar esta 4ª edición, o sábado día 14 de maio terá lugar unha sesión homenaxe ao escritor friolés Xerardo Quintiá.
Desde estas páxinas desexamos acaden o éxito das pasadas edicións e animamos a todos e todas a participar nas mesmas.
Premendo aquí accédese ao programa.

Seguir lendo...

11/02/15

Galicia Encantada

Onte na Librería Trama tivo lugar a presentación do libro "Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías", coordinado por Antonio Reigosa e con ilustracións de Noemí López.
Este proxecto dixital que hai dez anos botou a andar da man do seu coordinador Antonio Reigosa, e que acolle mitos, lendas, contos, sucedidos, romances, xogos... é unha obra colectiva pois son moitos os colaboradores que ao longo do tempo foron achegando pequenas historias que conforman o que hoxe é Galicia Encantada e que queda reflectido na obra onte presentada.
As razóns desta entrada, aparte de felicitármonos polo décimo aniversario da web, é que neste volume editado por Xerais aparece recollida unha lenda relacionada coa Cova da Serpe que empregamos no seu momento para unha das montaxes teatrais, concretamente de "De serpes e segas" e que chegou a Galicia Encantada da man de Francisco Lendoiro Serrano (páx 80); a outra razón é que tamén aparecen publicadas neste libro algunha das achegas que nós fixemos de cando andabamos por terras ancaresas mergullados nun proxecto do Arquivo Sonoro de Galicia.
Precisamente e dada esta colaboración, onte tivemos a satisfacción de participar no acto xunto con María Celina Cruz Rodríguez,  Xosé María Gómez Vilabella, Adela Figueroa, Xose Manuel Blanco Prado, Xabier Moure, Isidro Novo, maila ilustradora e o propio coordinador.
Desexamos desde aquí a permanencia no tempo deste proxecto e que sirva como apoio á necesaria pervivencia na nosa memoria colectiva  de todos estes textos literarios de tradición oral que reflicten o que fomos e o que somos e permítennos soñar cun país máis identificado coas súas orixes.

Seguir lendo...

22/09/14

Cilistro na memoria viva de Lugo

Mañá martes 23 de setembro no Museo Provincial desenvolverase a primeira sesión  que como homenaxe á figura do pensador friolés vanse levar a cabo de aquí a novembro baixo o título xenérico de “Celestino Fernández de la Vega: mestre lucense nun tempo de sombras”.
As actividades previstas para este martes son as seguintes:
18.00: Presentación 
18.15-19.00: Paco Nieto, xornalista : Celestino Fernández de la Vega, os sons da memoria.
19.00-19:45: Juan Soto, xornalista e cronista oficial da Deputación de Lugo : As colaboracións de Celestino Fernández de la Vega en El Progreso 
19:45-20:00: Descanso 
20:00-20.15: Proxección do Documental: Os espazos vividos e amados do Cilistro (coordinador  Xosé Ramón Veiga Alonso, USC) 
20.15-20.40: Mesa redonda: Os faladoiros do Cilistro (coa participación de antigos tertulianos e tertulianas) 20.40-21:00: Recital: Palabras en tempos escuros (coordinado por Mª Xesús Vázquez Lobeiras, USC) 21.00-21.15: Momento musical
Como dicimos, este é o inicio dunha serie de actos dos que xa falamos na páxina dedicada a Cilistro e que veñen facer xusta memoria deste friolés universal, no Centenario do seu nacemento.

Seguir lendo...

13/01/14

Antoloxía da memoria de Lugo

Desde hai un tempo o diario El Progreso publica diferentes días da semana unha sección baixo a epígrafe "Antoloxía da memoria de Lugo", unha recolleita de pequenas achegas de diferentes personaxes da vida luguesa que reflicten a vida da provincia en tempos pretéritos.Ao tempo as entrevistas, que son a principal fonte de información, son emitidas nun programa da televisión local co mesmo título todos os martes ás dez da noite. Este proxecto está dirixido por José de Cora e nós seguímolo con moito interese.
Xa ao principio chamounos a atención unha achega que coincidía literalmente cunha entrada do noso blog, mais pensamos que o informante que nos facilitara o material puxera o mesmo a disposición de "El Progreso". 
Hoxe unha alumna abordounos para saber se nós lle achegaramos ao citado xornal unha entrada feita por ela--que recollía información da casa do seu avó- e tamén publicada na citada sección. 
Resumindo: como ben sabedes o que se publica tanto neste caderno como no do "Campo da Feira" é material de uso completamente libre e está a disposición de todo aquel que del queira facer uso: nós encantados. 
Ao que se ve "El Progreso" tennos en boa estima e aproveita as publicacións de "Algo máis que pan e queixo", o que dá pé para felicitarnos polo interese xerado e pola multiplicada audiencia que pode saber da vida friolesa ao través do xornal provincial de referencia.

Seguir lendo...

20/10/13

Foro da USC: Proxéctate en galego

Esta fin de semana desenvolveuse en Lugo o Foro da USC " Proxéctate en galego". Dentro das diferentes actividades programadas, este domingo xa no Museo de San Paio de Narla, tivo lugar a 3ª das xornadas baixo o suxerinte título de " O patrimonio é unha mina".
A primeira das intervencións correu a cargo do profesor da USC, xornalista e creador da páxina Capítulo 0, Manuel Gago, que versou sobre O patrimonio cultural: unha poderosa ferramenta de vertebración e empoderamento das comunidades locais en Galicia. Nun ton distendido achegounos a súa visión e experiencia na recuperación de contornas patrimoniais e a súa posta en valor, desde unha 'novidosa' óptica na que interactúan os membros da comunidade na que se realiza a intervención e os técnicos que a levan a cabo. Un xeito de traballar que segundo expuxo dá uns magníficos resultados.
A continuación  tocounos aos coordinadores deste blog falar de O patrimonio por descubrir: o caso de Friol, charla na que expuxemos o noso punto de vista sobre  o desinterese institucional cara o patrimonio friolés, ao tempo que fixemos un pequeno percorrido sobre o noso traballo e a súa rendibilidade didáctica.

Seguir lendo...

04/06/13

Hortipintura

Este pasado sábado desenvolveuse na Torre de San Paio, como estaba previsto, o obradoiro de Hortipintura coordinado polo profesor de Educación Plástica do C.P.I. Dr. López Suárez, Modesto Fernández.
Unha vintena larga de rapazas e rapaces entre os tres e os doce anos, participaron no mesmo, coa ilusión e interese que só eles son capaces de achegar a calquera actividade.
Realizaron unha visita guiada á exposición de acuarelas que daban pé ao obradoiro, para despois recibir unhas sinxelas explicacións para iniciar a dinámica da actividade co que xa se pasou directamente á fase creativa co que a rapazada púxose "mans á obra" e foi creando froitas e verduras imaxinativas ás que daban ganas de lles meter o dente.
Xa como remate Paquita e Ana agasallaron aos participantes cunhas lamberetadas moi agradecidas pola concorrencia.
Só queda felicitar ao artista e esperar que se repita a experiencia.

Seguir lendo...

31/03/13

Xornadas de Dinamización e Interpretación do Medio Rural de Carballo

A Asociación "Carballo Vivo" organiza unhas Xornadas que se desenvolverán na antiga escola de Carballo os próximos sábados 27 de abril e 11 e 18 de maio.
Neses tres días, en sesións de mañá e tarde, desenvolveranse diferentes actividades relacionadas coa necesaria dinamización do medio rural, enfocándoas desde a perspectiva desta activa parroquia friolesa.
Desde o achegamento á historia da parroquia (na que participará alumnado de Carballo do CPI Dr López. Suárez), pasando por unha análise da visión do lobo no mundo rural, as enfermidades propias da terceira idade, o pasado, presente e futuro do medio rural, herdanzas testamentos e sucesións, axudas ao medio rural, horticultura ecolóxica,etc, serán diferentes as achegas que xirarán todas sobre a necesaria dinamización do medio rural.
Nestas xornadas farase tamén a presentación da páxina web da Asociación e a proposta de creación dun Obradoiro da Memoria e Patrimonio.
Non menos importante é a presenza de Xerardo Quintiá e a súa obra, sen esquecer ao  grupo "Xesta Verde" no musical, Ana Carreira como contacontos, e o noso grupo de teatro coa representación dunha nova versión da "Serpe da cova".
Para ter unha visión completa das Xornadas podes premer aquí e neste enlace podes descargar a folla de inscrición, inscrición que é totalmente gratuíta.

Seguir lendo...

23/03/13

Castronela nº 2

Hoxe, na Torre de San Paio, como estaba previsto, desenvolveuse o número 2 da revista oral  "Castronela". 
Cunha nutrida asistencia de público interviron Mª Rosario Fernández :"Para matar a sede: utensilios da auga", Higinio Martínez Fernández de la Vega: "Medicina popular: o mal do sartego" e Fernando Arribas: "O cruceiro de Cotá".
Concha Blanco presentou dun xeito lúdico e instrutivo uns cantos poemas da súa produción e Ángel Buján Zas e J. Manuel Iglesias Espiño presentaron a nova asociación Carballo Vivo que botou andar hai  un par de meses na citada parroquia. Na mesma intervención presentaron as I Xornadas de Interpretación e Dinamización do Medio Rural que se celebrarán na Antiga Escola de Carballo os sábados 27 de abril e 11 e 18 de maio.
Todo isto acompañado da música do grupo de pandeireteiras do CPI Dr. López Suárez que coordina Branca Nazaré Guerreiro e que desmostraron a súa calidade e mellora nas técnicas de percusión e canto.

Seguir lendo...

16/03/13

O Grupo de Cotá

Xa tiñamos falado nunha entrada anterior, das actividades do Partido Galeguista por estas terras de Friol alá polos anos trinta do pasado século. 
Hoxe completamos aquela entrada coa inestimábel axuda de Encarna Lago González, que foi quen nos facilitou o material que hoxe incorporamos ao blog. 
O pasado 14 de febreiro no Museo de Lugo inaugurouse unha mostra sobre D. Xosé Ramón Fernández Oxea, destacado membro do Partido Galeguista, que co título Ben-Cho-Shey 50 anos de maxisterio cultural (1918-1968) recolle con toda clase de documentos escritos, gráficos e sonoros, un período histórico cargado de esperanzas e truncado traxicamente pola barbarie da sinrazón. 
Unha mostra que paga a pena visitar devagar porque máis ca unha mostra é unha verdadeira lección de historia, e nesa historia, ten un espazo estas terras da que nós deixamos constancia nesta entrada. 
O material aquí exposto pon de manifesto as inquedanzas que percorrían estas terras naqueles anos de grandes proxectos e ilusións.
Este grupo de Cotá como recolle A Nosa Terra, estaba presidido por Xesús Piñeiro López como presidente, Xosé Vilela Pena, como secretario e verdadeiro impulsor do  grupo, Eduardo Cabado coma tesoureiro e Manuel Rivas, Xosé Longarela e Manuel Cruz como vocais.

Seguir lendo...

09/03/13

Andaina organizada pola Asociación "Carballo Vivo"

A Asociación "Carballo Vivo" organiza para o sábado 23 de marzo,unha 'Andaina pola parroquia de Carballo'.
Na carta que fixeron achegar aos socios detallan o percorrido que, segundo teñen previsto, iniciarase ás 10 da mañá , tendo como punto de partida a área recreativa de Carballo.
Achegan un mapa (o que ilustra esta entrada) no que reflicten os lugares de paso: muíños, mámoas, enclaves naturais singulares, a explotación silvopastoral do monte veciñal,... e ao tempo avisan dalgunha sorpresa máis.
Esperamos sexan moitos os que se animen a estirar as pernas e coñecer esta dinámica parroquia friolesa.
Esta é unha das múltiples actividades deseñadas por esta nova asociación, que semella nacer con moita forza e ilusión.
O percorrido inicialmente previsto pasa por Froxelle, o muíño de Candaíde e o de Jalete, Bernadal, e A Laxe para facer un alto para comer nas Sete Fontes, continuando xa pola tarde polo Corno do Boi, Foxo do Cabrito, Bullo das Cabras, Curro das Bestas, A Fraga, A Freiría e o seu muíño, O Manxadoiro, As Penelas, Currás, Barallobre con chegada ao punto de partida sobre as cinco e media da tarde.

Seguir lendo...

24/11/12

Friol en Póvoa de Varzim

Grazas á invitación que nos fixo a organización do "III Congreso: A Fenda Dixital", o noso concello , a través de "Algo máis que pan e queixo", tivo presenza na sesión matinal que onte abriu o citado Encontro.
Aproveitamos o foro, para presentar o traballo que levamos feito ata o día de hoxe, non sen antes dar unhas pinceladas sobre os aspectos socioeconómicos que definen o noso concello, que de xeito maxistral --hai que dicilo sen pecar de inmosdestia- presentou Blanca Castro.
Tivemos a sorte de compartir a mesa redonda con, entre outros, David Rodriguez, alcalde do concello ourensán de Manzaneda que explicou como é posible establecer unha cobertura dixital -real- en todo un concello e, a verdade, con non moitos cartos. Parabéns!.
Só queda agradecerlle á Comisión organizadora o terse acordado de nós e a Daniela Gonçalvez, en particular, por achegarnos a fotografía que acompaña esta entrada.

Seguir lendo...

04/11/12

III Congreso Internacional: Fenda Dixital

Os próximos 23 e 24 de novembro, celebrarase na Pòvoa de Varzim o III Congreso Ibérico:A fenda dixital baixo o título "TIC / ESCOLA E DESENVOLVIMENTO LOCAL" organizado por diferentes entidades do ámbito universitario galaico-portugués e destinado preferentemente ao mundo dos docentes.
Animados pola comisión organizadora , o noso blog foi convidado a presentar a experiencia que estamos a desenvolver que baixo o título "As Tics no mundo rural: unha lenta incorporación" estamos a preparar estes días. A presentación realizaremola dentro dunha mesa redonda na que participamos co relatorio do Centro de Investigação Paula Frassinetti e  con compañeiros de Manzaneda.
Deixamos aquí o enlace ao programa por se alguén ten interese.

Seguir lendo...

06/03/12

Xerardo Quintiá: Hotel Cidade Sur

A Editorial Galaxia, vén de publicar o mes pasado, un novo libro de relatos do autor friolés Xerardo Quintiá: "Hotel Cidade Sur". con esta publicación retorna á narrativa, logo do seu "Fornelos&Fornelos" co que acadou, o pasado ano, o XI Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, convocado pola Agrupación Cultural Ergueitos e o Concello de Sarria.
Se o poemario reflicte unha permanente nostalxia dunha infancia perdida que lle serve de eixe para a súa creación literaria, neste libro de relatos recóllense, oito historias que teñen como elemento aglutinador a súa relación co Hotel Cidade Sur.
Non é difícil localizar o escenario dos oito relatos, nunha pequena cidade onde conflúe o rural e o urbano nun continuo difícil de desmestar. Relatos entrañables e sempre narrados por un perdedor ou "desubicado"personaxe que, ao tempo que relata o seu presente, volve --sempre--á infancia para tentar explicarse o que lle ocorre. Para o noso gusto, maxistrais o "Romeu & Xulieta" ou "The Poporrubio's Band" sen desmerecer por suposto os outros relatos.
Lecturas ambas que non deixan a ninguén indiferente, e que veñen a consolidar, se non o estaba xa, a un autor que desde o seu "Finísimo po nas ás" achega cunha prosa cargada de lirismo recreacións dun mundo que é o noso e que demostra que Friol, desde Fornelos, e moito máis que o pan e o queixo.
Realmente, temos un veciño, que cunha chea de publicacións tanto na literatura "adulta" como na "infantil" fíxose un oco no difícil mundo literario. Só queda felicitalo e esperar á súa, ben seguro, próxima publicación.

Nota: A fotografía foi feita na visita que o autor fixo en maio de 2011 ao CPI Dr. López Suárez.

Seguir lendo...

04/02/12

John Thompson en Friol

O pasado venres, 27 de xaneiro, achegouse ata Friol o investigador norteamericano, John Thompson, coa fin de procurar información sobre a actividade desenvolvida por este blog ao longo destes últimos anos...
Xa tiveramos a ocasión de establecer contacto con el, en maio de 2010, cando veu dar unha charla ao alumnado de secundaria sobre a "Memoria Histórica", visita da que demos conta no blog da biblioteca escolar. Este profesor, titular do Departamento de Linguas Modernas da Universidade de Montana, dedica parte do seu tempo á investigación sobre a incidencia ou plasmación da memoria histórica na narrativa galega do século XX; procura que reflectiu na súa publicación "As novelas da memoria. Trauma e representación da historia na Galiza contemporánea" publicada por Galaxia.
Nestes días percorre Galicia, facendo entrevistas ao profesorado de Educación Secundaria que, dentro da súa actividade docente, non esquece o relacionado coa Memoria Histórica (tema sobre o que segue investigando).
Nunha charla amena e distendida, tentamos explicar o que esta páxina significa para o Centro Escolar, para a Comunidade Educativa e para o conxunto do concello.
Ao tempo debullamos o que, aínda que colateralmente, imos atopando e publicando sobre a memoria da guerra, tema que por estas terras aínda semella ser un tabú difícil de esquecer.
Esperando o seguro bo resultado do traballo que anda deseñando, dámoslle as grazas por se lembrar de nós e , ao tempo, felicitalo por un traballo que, curiosamente, está impulsado desde (xeograficamente) lonxe, o que demostra un agarimo especial por unha cultura minoritaria como a nosa.

Seguir lendo...

11/06/11

"Algo máis que pan e queixo" nas VII Xornadas Interxeracionais Rurais

Hoxe desenvólveronse na Torre de San Paio,ao longo de todo o día, as actividades previstas nas VII Xornadas Interxeracionais Rurais organizadas pola Asociación de Veciños de Cabreiros, o Concello de Xermade e a Universidade de Santiago de Compostela.
Como xa fixeramos mención tempo atrás, fomos convidados para facermos a presentación deste blog e escenificar a montaxe teatral "De serpes e segas".
Calquera das dúas actividades foron moi ben acollidas polos participantes. Dicir que nunca viramos tan cheo o salón como esta tarde na representación da obra.
A xornada completouse tal como estaba previsto con diferentes actividades relacionadas co liño.
Aproveitamos esta entrada para agradecer á organización, que tivo a deferencia de contar con nós, e ao tempo expresar a nosa envexa sa ao ver a capacidade de convocatoria que hoxe demostraron.
A fotografía reflicte un momento da presentación de terrasdefriol.

Seguir lendo...

20/01/11

O noso blog na Revista Galega de Educación

A Revista Galega de Educación, publicación da Nova Escola Galega, vén de editar o seu número 48.
Hai algún tempo, púxose en contacto con nós o Vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación da USC, Xesús Rodríguez Rodríguez. Entre outras cousas, quería que na revista que el dirixe publicásemos un artigo no que se reflectise a historia e  evolución deste noso  blog.
Hai uns días que o número 48, dedicado ao mundo das Bibliotecas Escolares, saíu do prelo e no apartado dedicado ás Novas Tecnoloxías, aparece publicado o pequeno artigo co título Terras de Friol.
Só queda agradecer á Revista, á Facultade e ao Vicedecano o interese polo traballo que desde este recuncho da nosa xeografía estamos desenvolvendo.

Seguir lendo...

02/11/10

360 graos

A orixe dos nosos visitantes
Rematamos un xiro completo. Iniciamos a andaina en setembro de 2008, e con esta entrada facemos o número 360. Nelas tratamos de expoñer os diferentes perfís que conforman o noso concello.
Coincide esta, cunha valoración sobre a entrada do vídeo que sobre o programa que "Vivir cada Día ", dedicou a Friol alá polo ano 1979.
Dada a audiencia que acadou este vídeo - houbo momentos que superamos as 130 visitas no momento, cousa que nunca ocorrera anteriormente-- esperamos que á auga volvese á nai, e despois dos cincuenta comentarios deixados polos nosos visitantes, queremos facer un par de reflexións a modo de "despedida e peche" -- como facía a televisión por aquelas datas ao final da programación diaria--.
Por unha parte agradecer tanta visita e felicitármonos pola audiencia acadada. Ao mesmo tempo, agradecer a todos aqueles que vendo de interese a entrada enlazáronnos, facendo uso das boas prácticas que deben regular a praxe diaria na rede. ( Certo é, que algúns "copian e non citan", e isto xera situacións valleinclanescas, como a que vivimos nós cando chegaron a negarnos a autoría da entrada...). Pero como dicimos: Alá cada quen coa súa conciencia. Publicamos baixo unha licenza Creative Comons, e respectamos en todo momento os dereitos dos demais. Só queremos, como indica un "banner" da nosa páxina que "se copias cita", nada máis.
Por outro lado gustaríanos facer unha contextualización do programa que, se para a maioría non é necesario, se callar aclara unha situación bastante frecuente nas escolas de fins dos setenta.: Efectivamente estamos comezando a saída dunha férrea ditadura. Non hai un ano que fora aprobada a Constitución democrática ( decembro 1978), aquí careciamos de normas propias, o Estatuto de Galicia aínda tardaría un tempo. Iso no relacionado coas normas que organizan á sociedade. Sabemos que esta, xeralmente, vai a remolque sobre todo no que ten que ver cos dereitos das minorías  - a día de hoxe, trinta anos despois ,temos exemplos na vida diaria que así o testemuñan--.
De Pepita Regueiro, non fai falta que digamos nada que non se saiba, só deixar este enlace que subscribimos ao cen por cen e que define perfectamente o perfil deste mestra incombustible e loitadora polos dereitos da nosa lingua.
Se acaso, habería que reflexionar sobre o pouco interese da TV pública -daqueles momentos--(como ben di unha nosa compañeira) por respectar os nosos dereitos lingüísticos, pero repetimos, non debemos esquecer a contextualización. Aínda teriamos que pasar polo intento de golpe de estado do 1981.
Aquela escola que aparece nas imaxes, onde, polo xeral, zumega o nacional-catolicismo, deu paso ,co devir dos anos, a unha institución desde a que a día de hoxe mantemos este blog, que podémosvos asegurar está ben distante dese pousos.
Xa para rematar estes 360º, agradecer a todas as  persoas que se achegaron a "Algo máis que pan e queixo" e que navegaron pola nosa páxina. A día de hoxe superamos os 640.000 clics. Como non temos avoa, podemos dicir e dicimos que non está nada mal !.
Continuamos. 

Seguir lendo...

02/05/10

A Torre de San Paio estrea iluminación

O pasado día 20 de abril inaugurouse á noitiña a iluminación exterior da Torre de San Paio.
Se xa o continente é por si unha marabilla, tanto por fóra como por dentro, que dicir agora que, ás noites, e grazas á luz acolledora e cálida que a ilumina, vainos permitir gozar dunhas imaxes nas que luz e sombra vanse entremesturar permitíndonos deixar voar á nosa imaxinación coa única limitación que nós queiramos autoimpoñernos. Felicidades pola iniciativa e polo resultado.
A fotografía tomámola prestada do blog de Encarna Lago

Seguir lendo...

01/05/10

Palabras para un baleiro



Onte na Libraría Trama de Lugo, ás oito da tarde, tivo lugar a presentación do libro Palabras para un baleiro de Baldo Ramos. Fomos convidados ao acto pero problemas de última hora impediu a nosa presenza no mesmo. E ben que o sentimos.
O poemario foi o vencedor, no 2009, do IX premio “Fiz Vergara Vilariño” que convoca o Concello de Sarria e a Agrupación “Ergueitos”.
Este celanovés, ligado a Friol, desenvolve a súa creatividade mesturando poesía e pintura e, como ben di de si mesmo concibe "a poesía como plástica verbal e a pintura como escritura visual”.
O libro reflicte a filosofía deste profesor interesado non na realidade que ven os seus ollos senón na “realidade que aínda non saben comprender”.
De lectura amena, os poemas xeran un desacougo provocado pola expresión nidia e clara duns pensamentos tan persoais, fondos e nus. Poderíamos dicir que a existencia está en xogo.
Deixamos aquí uns versos destas Palabras para un baleiro, libro dedicado á súa filla Aldara.

esperarás un tempo.
asentarás a credulidade.
entrarás nos ollos do teu fillo sen esperar resposta.
aprenderás a brir as portas que sempre estiveron aí.
pechadas.
quizais pola indiferenza.
quizais polo medo.
un outono máis.
non sei quizais un outono menos.
este outono.
/no que non se cumpren os propósitos que dignifican
a confianza
que nos impide comprender a tempo.
respiras o espazo circunscrito á memoria estéril.
da que nunca se retorna.
a memoria que nos fará esquecer.
/este outono.

Seguir lendo...

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.