Amosando publicacións coa etiqueta Cantigueiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cantigueiro. Amosar todas as publicacións

11/11/24

Proposta da AELG para honrar a tradición oral das mulleres


O pasado día oito, a Asociación de escritoras e escritores en lingua galega, publicou un manifesto relacionado coa celebración das Letras Galegas do próximo ano (ver entrada anterior).
No mesmo, faise unha reflexión sobre a tradición oral das mulleres e, ao tempo, indícanse unhas pautas para a celebración e recuperación das cantigas dende unha perspectiva de xénero e de defensa da nosa lingua, para tratar de evitar esa imaxe morriñenta e melancólica coa que as veces se tratou estas composicións.
Como pensamos de interese, e tendo en conta que este blog é parte interesada e involucrada na recuperación e dignificación do noso cantigueiro, transcribimos o citado manifesto, asinado por Branca Villares e Eva Teixeiro  da Sección de Literatura Oral da AELG

Canta miña compañeira. Proposta para honrar a tradición oral das mulleres.
Manifesto da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG
 
"Nas Letras Galegas do 2025 honraremos a oralidade: recoñecer a poesía da tradición oral das mulleres como elemento fundamental na transmisión da cultura e lingua galegas supón unha validación longamente agardada por un amplo tecido cultural de base do país. Tamén supón un recoñecemento ao importante traballo de investigación e divulgación realizado á marxe das institucións oficiais por numerosas persoas particulares, asociacións e colectivos que permitiron que esta herdanza do pobo galego chegase ata nós hoxe. 
A Sección da Literatura de Tradición Oral da AELG ten unha ampla traxectoria en relación coa recuperación e estudo destas manifestación literarias, que deberan ter a mesma consideración que a produción escrita. Froito da experiencia, propoñemos unha reflexión previa sobre o xeito de abordar a celebración das nosas letras, de cara a futuras programacións institucionais, presencia nos medios e divulgación nos centros de ensino. 
Neste ano que dedicamos á memoria das que nos precederon no verso musicado, a RAG personificou de xeito audaz a tradición oral feminina en 3 figuras: a muller, na persoa de Eva Castiñeira de Muxía; a complicidade do par de mulleres en Rosa e Adolfina Casás de Cerceda, e a pequena comunidade das veciñas da bergantiñá Mens representada por Prudencia e Asunción Garrido e Manuela Lema. 
A oralidade das pandereteiras demostrou ser eficaz na transmisión da cultura e língua, tamén na conformación da identidade e sentido de pertenza, e merece ser tratada con rigor para tirar o máximo proveito deste ano de recoñecemento e divulgación que temos por diante. 
Ademais a coralidade nas letras do 2025 vén dada non só polas 6 mulleres nomeadas, senón por todas as que foron parte da cadea de transmisión oral: todas elas contribuíron ao legado deste imbricado patrimonio inmaterial, que son as cantigas tradicionais e populares. Implicitamente legáronnos o xeito, ese construír comunidade a través da palabra, do verso rápido, da lingua viva.
 
CONTEXTO: A MÚSICA VOGAL EN COMUNIDADE 
As polavilas, seráns, filandós ou ruadas eran puntos de encontro naturais da comunidade nos que a oralidade transitaba múltiples camiños: contos, cantigas, romances, traballos, xogos e demais lerias. Nestas xuntanzas a interacción no baile era tamén un fin en si mesmo, e as cantigas coa pandeireta o medio máis rápido, común e económico para que acontecese. A súa expresión é popular, cotiá e vulgar, e o seu ámbito privado. 
Enunciamos estas condicións a modo de valorización: desa cotiandade e repetición nace a mestría na interpretación vogal, percutiva e na composición, do popular vénlle ser fiel reflexo de tantos elementos da súa sociedade e da vulgaridade vén a súa frescura e atrevemento (fronte ao distinguido ou extraordinario). Na excepcionalidade, no momento que a veciñanza podía xuntar cartos contratábase un gaiteiro, un dúo, cuarteto, posteriormente acordeonistas, charangas e finalmente orquestras. 
Celebrando as pandeireteiras honramos á música vogal feminina, e debemos facer unha lectura en clave de xénero, pois tradicionalmente as formacións musicais de maior prestixio e recoñecemento social nin foron as pandeireteiras, nin incluíron pandeireteiras. 
As mulleres cantadoras estiveron tradicionalmente ausentes da esfera pública, e foron as grandes esquecidas nos diferentes procesos de patrimonialización de elementos da nosa cultura. De xeito tardío acadaron recoñecemento a través da espectacularización do folclore, para finalmente chegar ao punto actual: unha resignificación da súa figura e reificación do seu legado facendo un xusto recoñecemento a elas como piar na transmisión de lingua e cultura, e conformación de identidade. 
Tamén se observa nos últimos tempos certa renaturalización na súa práctica, grazas á remuda da oralidade. 
Non precisamos vestir de gala nin de acompañamentos e artificios a música das pandeireteiras para celebrar a poesía de tradición oral. O minimalismo musical é aconsellable, e a voz da muller debe ser a protagonista. Temos un nutrido sustrato sociocultural do que botar man para iso, e pensalo de abaixo a arriba semella o máis honesto neste ano de celebración. 

SOBRE O CONTIDO FORMAL DAS CANTIGAS HERDADAS 
Un xeito de abordar o estudo de tipoloxías na poesía de tradición oral son os ciclos do ano ou os ciclos vitais: 
 - Arredor do ciclo do ano temos cantigas de Nadal, Panxoliñas, aninovos e xaneiras, Reis, entroidos, cantos de pascua, maios, cantigas de traballos, segundo a zona ou a estación, etc. 
 - Arredor do ciclo vital temos os arrolos, primeiros xogos e cantigas, xogos de roda e recitados, rondas e namoros, cantos de voda, brindos, romances e responsos, etc. 
Mais debemos entender que as mulleres cantaban e compoñían versos non só nestas ocasións, senón en calquera momento ou con calquera motivo, acompañando calquera traballo ou tarefa repetitiva e pesada. Así temos labradas, cantos de segas, mondadeiras de millo, mazadeiras de liño, cantos de mazar o leite, de andar os camiños, etc. 
Cómpre destacar que debido á espectacularización do folclore, nos últimos anos fóronse seleccionando para expoñer e perdurar cantigas de/para contextos festivos. Estas non son necesariamente representativas da riqueza herdada: temos un complexo emocionario explicitado nas cantigas de transmisión oral, e este é o momento de reivindicalo. Temos cantigas que falan e transmiten tristura, soidade, pranto, esperanza, xúbilo, medos, arelas... e que coa súa entoación e interpretación adquiren unha dimensión que transcende a escrita: a consonancia como esencia da comunidade. 

A CREACIÓN E COMPOSICIÓN COMO EXPRESIÓN DE COMUNIDADE 
As músicas de tradición oral son unha expresión colectiva do pobo: hai cantigas que son flor dun día e outras que se repiten e mesturan coas seguintes. Sempre hai unha mestura entre o herdado e o que xorde pola necesidade de narrar algo novo, ou polo mero gosto de xogar coa linguaxe e a sonoridade. 
A propia comunidade regula o que perdura: o que se escolle para seguir cantando, o que vai de boca en boca e percorre distancias e tempos, o que o pobo vai facendo variar para preservar o sentido. Sen creación e actualización, só nos queda recreación: un cativo atisbo da riqueza doutrora. Honrar a oralidade é necesariamente traballar na creación e expresión orixinal e propia, e vivir a experiencia de entoalo en comunidade. 

O POUSO DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER NAS CANTIGAS 
Moitas coplas de tradición oral reflexan o que hoxe denominamos violencia contra as mulleres. O adoutrinamento está implícito, mais non implica necesariamente aceptación das violencias, pois as coplas contan aquilo que queremos que sexa escoitado a modo de denuncia, burla/caricatura, ensinanza ou advertencia. 
A poesía popular ten tamén linguaxe retórica e figurada, os seu propios códigos e tamén contextos: non é o mesmo unha copla insidiosa nun contexto de entroidada ou desafío entre iguais que noutra cantiga.
As nosas cantigas son reflexo do tempo e sociedade que as compón, e non xurdiron con vocación de trascender. Por isto mesmo, non semella pertinente tildalas simplemente de machistas e relegar á propia muller ó papel de vítima. Isto sería xulgar coa moralidade do presente elementos do pasado. 
Pero sendo nós quen as elevamos a canon cando as seleccionamos para cantar ou espectacularizar, si é nosa, entón, a responsabilidade de explicar debidamente os contextos e tamén as modalidades de violencia. Non aconsellamos obvialas nin censuralas, senón que recomendamos promover a reflexión e debate sobre elas. Poden ser poderosa ferramenta de educación social, e espertar conciencia crítica cara a outros tipos de violencia. 
Especial mención merecen tamén tódalas cantigas herdadas que falan dos oficios de mulleres: muiñeiras, costureiras, panadeiras, taberneiras, criadas... incluso pandeireteiras foron historicamente vilipendiadas pola súa condición de mulleres traballadoras. É tempo de falar de memoria, e explorar posibilidades na busca de certa reparación. 

O CASTELÁN NAS CANTIGAS 
A presenza do castelán nas cantigas de tradición oral ten múltiples causas. 
A oralidade é permeable e faise eco de modas e influencias no rural e urbano, e arremedar o castelán foi unha delas. Isto documentouse abondosamente no caso das parrandadas, petitorios ou testamentos de entroido (sarcásticos) ou no romanceiro vulgar. Máis tamén temos cantigas chegadas de outras zonas da península ou da emigración que foron naturalizadas, xunto coas súas melodías, cadencias e ritmos. A oralidade transcende fronteiras, e o seu carácter lúdico fai que acepte influxos regularmente. Non podemos pensalas simplemente como froito dunha subordinación política ou cultural,e tampouco ten sentido negalas ou desbotalas, pero si podemos e debemos facer unha escolla. 
Pese á presenza destas cantigas en castelán, as aulas e espazos da música tradicional foron nestes anos bastións de sensibilización e normalización do galego, e un medio natural no que mocidade puido aprender e practicar a língua, e finalmente soltarse a falala de xeito habitual. 
Promoveremos a creación en galego. Tamén podemos seleccionar ou desbotar libremente as cantigas herdadas para traballar a nosa lingua. Incluso podemos traducir ao galego coplas que atopemos en castelán, e dicilo con honestidade: son camiños que se percorreron en ambos sentidos en diferentes momentos da historia. 
O importante é non desaproveitar este ano de celebración da tradición das pandeireteiras para crear novos espazos de normalización lingüística e consolidación de falantes. 

O PERIGO DA FOTO FIXA 
A oralidade nútrese do cotián, é lixeira e fugaz. Non sente o peso da relevancia ou a coherencia perpetua, pois non ten vontade de trascender. Ten sentido no aquí e agora. 
Chegaron a nós na cadea de transmisión versos sublimes en significante e significado. 
É recomendable facer pequenos achegamentos ao corpus folclórico e familiarizarse coa linguaxe deste arte da man das mulleres de referencia: coñecer coplas, entender cómo se constrúen métrica e musicalmente, os ritmos bailables que as acompañan, algunhas das figuras poéticas que empregan, as posibilidades narrativas, as variedades dialectais e léxico, etc. Todas estas son cuestións relevantes, que fan rico e complexo o legado das pandeireteiras, pero nas que corremos o risco de nos perder. Corremos o risco de esquecer os principais valores da tradición oral, así que non confundamos a práctica deste arte coa mera selección e reprodución. Entidades uniformizadoras como a Sección Feminina percorreron ese camiño, e a súa selección, estandarización e espectacularización case matan por completo os valores fundamentais da oralidade. Non nos limitemos a reproducir os sucesos, ou a sesudos estudos dos procesos se contamos con pouco tempo. 
A destreza na expresión oral non se adquire con tediosas explicacións e transmisión de coñecemento en vertical: practícase en horizontal. Celebrar a oralidade é outogar a palabra. Escoitar, retroalimentarse, contar e cantar libremente o que somos, o que nos move, o que nos divirte, o que nos preocupa. Facilitemos espazos e formatos para que teñan lugar experiencias significativas ao redor da linguaxe.
Coidamos que estas consideracións serán útiles de cara á patrimonialización da poesía popular de autoría feminina e a oralidade. Agardamos que traian froitos significativos para a normalización lingüística e cultural do país, rachando co desleixo institucional e dando comezo a unha nova maneira de entender a produción oral da colectividade, libre de prexuízos. 
Branca Villares e Eva Teixeiro, da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG."

Seguir lendo...

10/07/24

O Cancioneiro Popular Galego no Día das Letras Galegas do 2025

Pandeireteiras de Mens (1982 ( RAG)
O pasado cinco de xullo, venres, a Real Academia Galega decidiu establecer o Cancioneiro Popular Galego como protagonista da celebración do Día das Letras Galegas do próximo ano 2025. 
Toma o relevo de Luísa Villalta, homenaxeada este ano, que precisamente escribía 
 "...cansada coma min no cansazo do pai cego 
no cansazo do avó en silencio 
e da nai rota de recoser as coplas aprendidas na saia da avoa"
Nomear o Cancioneiro Popular Galego lévanos a lembrar o inxente traballo de recollida a finais dos anos setenta do pasado século de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina por Galicia adiante que quedou reflectido no traballo publicado pola Fundación Barrié na década dos oitenta. 

Volumes do Cancioneiro  de Schubarth e Santamarina
Ese saber que acubillan centos e centos de mulleres que permitiron que eses cantos de seitura, de festas,... sucesos locais, romances, coplas de cego... non se perdesen e chegasen a nós son o eixo da celebración do próximo 17 de maio.
Personifica a RAG a homenaxe en Adolfina e Rosa Casás Rama, na pandereteira Eva Castiñeira e nas Pandereteiras de Mens (Prudencia Garrido, Asunción Garrido e Manuela Lema). 

Foliada na Vila da Igrexa ( Ver notas)
Pero son moitas máis as que non aparecen pero si están: Manuela da Barro, as tocadoras das Festas da Pandeira do Piornedo: Dolores de Villariños (a homenaxeada este próximo agosto) a nosa benquerida Inés de Naipes (arca ben grande de sabedoría), Marilú do Corralín; de Anxeriz (Tordoia) a Julia Vázquez Rosende coñecida pola súa particular versión do "Resistirei" pandémico, a recitadora Erundina López Pérez, de Cumeiro , Vila de Cruces, que vía Reme López (anteollinhos) tennos achegado romances, coplas, cantigas...
E tantas e tantas outras mulleres que cantaron, cantan e cantarán.

Festa da pandeira, Piornedo, 2022
Friol non queda á marxe desta celebración e deste recoñecemento. Nos anos que mantemos este caderno foi interese primario a recollida e recuperación do cancioneiro vivo no concello. Publicamos todo o que fomos capaces de recoller, pódese ver nesta ligazón que nos achega ao patrimonio cantareiro friolés 
Mención especial hai que facer do traballo pretérito que fixera a asociación "Foliada friolense" á que todos os adxectivos que poidamos imaxinar serían poucos para pór en valor o labor realizado. Non esquecemos tampouco ás irmás de Anxeriz Lola e Carme Lage Morandeira (falecidas no 2017 e 2011 respectivamente) que a través de Álvaro Santos achegaron a esta páxina parte importante da súa memoria cantareira. 
Carmen Lage Morandeira gravando un canto de Nadal
E tampouco non esquecemos a achega que o alumnado do colexio friolés fixo ao longo de moitos cursos deste século XXI e que nos permitiu coñecer versións de romances e coplas cantadas ou recitadas por, por exemplo,  Mª Paz Viñas , Julia e Gloria Corral todas elas veciñas de S Martiño de Prado. 
En resume unha celebración pangalaica na que son moitas as que estarán de festa e moitos os que seguiremos aprendendo da súa memoria e cariño polo noso.
Queremos aproveitar tamén a entrada para indicar que neste apartado da memoria , aínda que a RAG fixouse na figura feminina, tampouco non debemos deixar de lado aos cantareiros que tamén os hai e moi bos.
E sabendo que a homenaxe vai ser ao Cancioneiro Popular Galego sería ben non esquecer para próximas edicións o resto do corpus da Literatura Oral tan abondosa coma rica.

Notas
A fotografía da Foliada no Vilar da Igrexa é sacada do libro "Fuliada na Vila" de Richi Casás

Seguir lendo...

02/04/14

Foliada Friolense ( III ) : O Farruco

Tempo atrás achegada por unha alumna tiñamos publicada nestoutra entrada esta copla de cego, que como ben di o informante, aprendérona coas follas que nas feiras levaban canda si os cegos que ían contando as historias.
Neste caso achegamos a versión recollida no Albeiro (Carballo) por "Foliada Friolense" na década dos noventa. O informante foi Paco Rodríguez-- Paco Damil-- ao que lle podemos escoitar cantar esta versión que transcribimos a continuación.
Preme aquí para escoitalo


"--Boas tardes miña sogra
véñolle pedir a filla,
se ma dá séntome un pouco
senón marcho máis axiña.
--A miña filla, Farruco
é moi nova pra casare,
sólo ten corenta anos
e pódese destragare´.
--E alabado sea Diose
o que dixo miña sogra:
que vai destragar a filla,
xa non ten dentes nin moas!
--Pois a filla non cha doue,
non teño que che facere,
que ti es un folgazanhe
non a vas poder mantere.
--Eu téñolle un bon oficio,
xa sabe que son gaiteiro,
Sempre ando de festa en festa
e gano moito diñeiro.
(..................................)
--Pois pa poñela tranquila
debe deixala casare
que despois de casadiña
gaita non lle ha de faltare.
Y aquí termina el relato
deste famoso gaiteiro,
que pra engañar a rapaza
tocoulle a gaita primeiro."

Seguir lendo...

01/04/14

Foliada Friolense (e IV ): material musical recollido pola Asociación

Dentro do traballo de recollida por parte de Foliada Friolense deixamos aquí a partitura e melodía da muiñeira do Albeiro interpretada por Paco do Albeiro e Emilio do Campo. A transcrición musical foi feita por Efraím Díaz e a achega do material sonoro é de Pepita Regueiro.
Premendo aquí escoitarás a melodía 




Nestes enlaces que deixamos aquí podedes achegar ás diferentes pezas recollidas por Foliada e transcritas por Efraím Díaz 
1) Xota danzarica 2) Xota do Paco 3) Xota das Corredoiras 
4) Rumba do Albeiro, 5) Pasodobre de Paco e 6) Pasodobre Campeiro 
Xa para rematar deixamos o enlace ás partituras destas pezas  

Seguir lendo...

02/02/14

A canción da Ramada

Da man do profesor Fidalgo Santamariña, (falecido hai dous anos) e do seu traballo de investigación Antropología de una parroquia rural, do que xa publicamos outras cantigas en anteriores entradas, achegamos esta que titula "A canción da Ramada". Nela reflíctese a burla que se lle fai a un pretendente de fóra da parroquia. 
Ben sabedes que A Ramada é un lugar da parroquia de Trasmonte; aparecen tamén no romance outros lugares da mesma: Bouzaboa, A Muraza, A Devesa. 
O pretendente foráneo pertence á parroquia de Anxeriz, ao lugar de Ferreira, nome co que é citado na burlesca historia.
Escribía  Fidalgo: "..se narra como un joven foráneo no sólo fracasa repetidamente en su intento de conquistar a la joven trasmonteña , sino que aparece burlado por la joven y sus pretendientes locales".
A xeografía da nosa comunidade está chea de romances e cantigas que manifestaban o escaso gusto polo foráneo. Mesmo había (hai) pequenos romances desprezativos sobre membros doutras aldeas da mesma parroquia. Lembramos algunha recollida nos Ancares nos anos noventa e que poñían cualificativos nada ortodoxos. 
Esta di así:
Últimos días de Navidad
en vísperas do ano novo,
chegou Ferreira a Trasmonte
levou un pase coma un toro.
Foi á romaría a Taín
e baixou coa da Ramada,
o máis que puido chegar
foi á cantina a Muraza.
Ó apartar da carreteira
presentóuselle Xulián
quitoulla de diante os ollos
quedou solo coma un can.
O Xulián seguiu con ela
iba rindo coma un tolo 
e el quedou na Muraza
orneando coma un burro
Ela, e amais os rapaces, 
marchaban por alí abaixo 
dicindo que iban quedarse
na Bouzaboa de Abaixo.
E el saleu da Muraza
de alí a un bo pedazo
correndo polo camiño
parecía un desesperado.
Ö chegar a Bouzaboa
prendérono no portal
e saleu o tío José
darlle toxos por pisar.
E de alí a dúas horas
pola influencia dun primo
foi Casilda abrirlle a porta
e meteuno no pasillo.
Estivo alí un pedaciño
co frío estaba temblando,
foi Casilda da Ramada
abrirlle a porta do cuarto.
E subíronlle unha vela
metida nun candelero
porque o burro de Ferreiras
ás escuras tiña medo.
E iba, de onde a vela
pra onde a ventá do cuarto,
o que o vía desde abaixo
mesmo parecía un canario.
Volvía desde á ventana
pró sitio do candeleiro
paseando pola sala
parecía un camareiro.
E pasou ó outro cuarto
andando moi amodiño
marchitou aquelas flores
que había no balconciño.
E cando marchou Xulián
cansado de estar con ela;
foi el e botouse a escape
e asomouse a la escalera.
Foi Josefa da Ramada
e, por ser tan animal
baixouno pola escaleira
collido polo ramal.
Pasouno pa tras do lume
porque tiña moito frío
e despois de dez minutos
xa ruxía coma un lisco.
Levantouse Encarnación
e sentouse xunto del
e el deu en ventear
porque olía como o mel.
E díxolle Encarnación:
As de ter que te marchar
que fas peso nesta casa
xa nos queremos deitar.
E levantouse o Ferreiras
de caras a súa casa
pa volver ó outro día
pa xunto das da Ramada.
E volveu ao outro día
e traía moita présa
cando chegou á Ramada
encontrouna con Devesa.
Díxolle Devesa a ela:
Estache o burro alí enriba
vai quitarlle os aparellos
e bótao na chafarina.
Foi entón Encarnación
decirlle á esquina da casa:
has de ter que te marchar
que agora estou ocupada.
Respondeulle o Pepe a ela:
ti non cres no que eu che digo
veño aquí todas as noites
e non vés estar conmigo.
E díxolle Encarnación:
márchate, vén outro día
en que non teña a ninguén
que eso é a túa alegría.
Foise el por alí abaixo
marchaba moi aburrido
cando chegou á Muraza
consolouse cun cuartillo.
Corres moito prá Ramada
coido que te has de cansar
porque ao cabo da conta
nunca nada has de lograr.
Sempre que vai prá Ramada
anque o teñan detrás
o burriño de Ferreiras
aínda lles leva mazás.
Se vai moito prá Ramada
vai sufrir unha ruína
non solo llas leva a ela
tamén llas leva a Balbina.
Aquí remata esta historia
do burriño de Ferreira
se todas lle fan así
non atopa quen o queira.

Seguir lendo...

29/05/13

Muller miña non bebas viño...

Xa había ben anos que non escoitabamos esta cantiga acumulativa que recollemos no seu momento no concello de Taboada
No APOI ( Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade) demos con esta versión que enlazamos aquí, por se a queredes escoitar -paga a pena--e que está recollida en Friol, no ano 1996 por Mini , Xosé Luís Rivas Cruz.
Desta clásica cantiga de bebedela e das súas variantes portuguesas, asturianas e castelás, hai un interesante traballo publicado por J. Manuel Pedrosa: "La canción báquica de "La borracha" en las tradiciones orales luso hispánicas".
Aquí deixamos a letra recollida por nós que é unha variante da que podemos escoitar no APOI.



Muller miña non bebas viño (bis)
que che hei de comprar unhos zocos (bis) 
E iso non maridiño non (bis)
que os pés tortos non queren os zocos 
e veña viño prós nosos corpos.

Muller miña non bebas viño
que che hei de comprar unhas medias.
E iso non maridiño non.
As pernas feas non queren as medias 
e os pés tortos non queren os zocos 
e veña viño prós nosos corpos 

Muller miña non bebas viño.
que che hei de comprar unhas braghas.
E iso non maridiño non,
cachas delgadas non queren as braghas,
as pernas feas non queren as medias,
e os pés tortos non queren os zocos
e veña viño prós nosos corpos 

Muller miña non bebas viño
que che hei de comprar un xustillo.
E iso non maridiño non ,
corpo sencillo non quere o xustillo,
cachas delgadas non queren as braghas,
as pernas feas non queren as medias
e os pés tortos non queren os zocos 
e veña viño prós nosos corpos.

Muller miña non bebas viño
que che hei de comprar un pañuelo.
E iso non maridiño non,
cabeza de anzuelo non quere pañuelo,
corpo sencillo non quere o xustillo,
cachas delgadas non queren as braghas,
as pernas feas non queren as medias
e os pés tortos non queren os zocos 
e veña viño pros nosos corpos 

Nota: A ilustración é a fotografía da tapa dunha caixa dos chamados palillos portugueses, que na década dos trinta se popularizaron polas tendas e tabernas das terras luguesas, lugares nos que, ben seguro, se entoaba esta cantiga

Seguir lendo...

17/12/12

Achégase o Nadal

Achegamos un novo video, neste caso cunha panxoliña cantada por Dª Carmen Lage Morandeira , o 20 de decembro de 2009. A gravación foi feita daquela, polo seu neto Álvaro Santos Ramos. Estamos achegándonos ao Nadal, e é un bo momento para lembrar o recoñecido "Antes de las doce a Belén llegar".



Ao tempo , aproveitamos para informarvos que o grupo de pandeireiteiras do noso centro escolar, CPI Dr. López Suárez, xunto co alumnado de 1º de ESO, sairán este xoves día 20 a partir das 11 da mañá, cantar os reis pola vila friolesa .

Seguir lendo...

09/05/12

Romance de San Antonio na voz de Alejandro Ramos Pereira

Dentro do noso cantigueiro popular, o romance que narra os feitos milagreiros deste San Antonio, é unha peza que pola súa musicalidade, fóra xa do seu contido, é unha verdadeira xoia que nesta ocasión podemos escoitar na voz de Alejandro Ramos Pereira.
Esta cantiga que pertence ao romanceiro tradicional de todo o territorio peninsular, puidose escoitar, e aínda se escoita por toda a xeografía galega.No seu "Cancioneiro popular galego" de A. Santamarina e Dorothé Schubarth aparece recollido en diferentes lugares da nosa comunidade.
Nós, grazas á achega de Álvaro Santos Ramos deixamos esta interpretación do citado romance.
A gravación foi feita polo propio Álvaro o 20 de decembro do 2009 na casa de Laxe, no Sisto, na parroquia de Anxeriz. Contaba Alejandro 77 anos.
 




Seguir lendo...

31/01/12

Romance parrafeado

Na revista "Lume Novo", publicación do noso centro, e concretamente no número 6 editado en maio de 1987, o que posteriormente ocupou a conserxería do colexio e na actualidade forma parte da "plantilla" de laborais do concello de Friol, Carlos Sánchez Pazos --daquela un rapazolo do antigo 7º de EXB-- recolleu na súa casa de boca do pai --tristemente falecido-- este romance parrafeado.
Outra versión do mesmo romance é cantada polo músico Pancho Álvarez no seu disco "Florencio, o cego dos Vilares".
Nós, despois de termos falado co citado Carlos, achegamos esta versión recollida na Laxe (O Carballo) :

"--Boas tardes Maruxiña,
vouche dicir unha cousa:
Se ti me queres a min,
eu non me caso con outra.
--Que te quero ben o sabes,
non fai falta preguntar;
hai un ano que che dixen
que me eu quería casar.
--Ti tomaralo de risa,
pero eu digocho de veras,
ando pra casarme agora,
non encontro quen me queira.
--Se non encontras con quen
será porque serás malo,
ou porque che teñen medo
que non cumpras co traballo.
--Eu por malo non me teño,
só será por folgazán,
que todas as mozas din
que eu son un grande larchán.
--Se o dicen non se engañan
que pareces un babullas
porque te ofreces con todas
e non cumpres con ningunha.
--Todo iso é boa mentira.
Só é por pasar o tempo,
que ti es a preferida
que teño no pensamento.
--Pois non me veñas con contos
que eu xa non che fago caso,
que eu son unha coma as outras
para facerme outro tanto.
--Non desconfíes de min
que eu contigo hei ser formal,
dáme un biquiño de amor
e non me fagas rabear.
--Agora queres un bico,
despois queres un abrazo
e así pouquiño a pouco
vas entrando no palacio.
Teño o xuramento feito,
mentres estea solteira:
Nin ti nin ningún lambón,
ha verme a chocolateira.
--Pois eu teño que cha ver,
senón non caso contigo,
que tamén podes levar
algún defecto escondido.
--Vaite de aí gran lambón
boca de cadelo mouro,
que xa non te quero ver
anque te cubran de ouro.
--Pois eu tampouco te quero,
ollos de gata mamada,
que te tes por boa moza
e pra min non vales nada"

Seguir lendo...

11/01/12

A memoria cantareira de Anxeriz

Xa fixemos mención noutras ocasións a Lola e Carmen Lage Morandeira - falecida en setembro pasado--. Estas dúas irmás da parroquia de Anxeriz , son,foron, un exemplo da memoria viva da tradición oral destas terras friolesas. Noutras entradas deixamos retallos da mesma.
Hoxe achegamos unha serie de romances, coplas e cancións, recollidos no seu día por esa parella incansable de recuperadores do noso cancioneiro que son Mini e Mero. Atopámolos --os cantares--na páxina que eles coordinan “O canto do pobo” e son os seguintes:
Copla de Entroido de Anxeriz , A máquina de mallar ,Cantar de Amelia , Cantar da guerra civil ,
Cantar do instrumento dos mouros, Cantar sobre dirixentes republicanos , Lola tiene un chiquillo
A través destes enlaces, poderedes ler os textos e escoitar a melodía, mesmo na maioría dos cantos aparece tamén a partitura.
A maiores, deixamos tamén outro enlace da mesma páxina, onde Alejandro Ramos, viúvo de Carmen achega estoutro cantar.
Unha nai que abandona ao fillo
Curiosamente Carmen e Alejandro, son os avós do concelleiro e deputado provincial, Álvaro Santos Ramos; mentres que Lola é a súa tía.

Seguir lendo...

15/01/11

De vodas

O pasado nove de xaneiro saía en "La Voz de Galicia" unha referencia a unha das persoas máis lonxevas -- senón a que máis--do noso concello. Na pequena reportaxe sobre Dona Concepción Fraga,  a piques de cumprir os 104 anos, fanlle recordar a súa voda. Tiña noivo, era polo tempo da guerra civil e houbo que casar de noite.O motivo da voda en secreto non era outro que ,aínda sen casar, xa levaba á súa filla no colo.
Non hai moito tempo que visitaramos a casa de Dona Concha, en Lousende, e precisamente esta súa filla mailo seu xenro, abríronnos algunha porta para seguirmos con este blog.
Fala Lisón Tolosana no seu Antropología cultural de Galicia, da relativa frecuencia coa que antano, na Galicia tradicional se realizaban estas cerimonias case en secreto, á noite ou mesmo de madrugada. As razóns para estes casorios eran múltiples pero en moitas, subxacía unha ocultación dos chamados "fillos ilexítimos" --chegados ou non--. Aínda hoxe pesa na Galicia máis profunda esta forma de pensar que aos poucos imos desbotando da nosa conciencia colectiva.
Non era este o motivo da entrada pero quixemos aproveitalo por introducir un novo romance recollido por J.A.Fidalgo Santamariña no seu Antropología de una parroquia rural.
Neste caso a voda da tal María da Vinculeira co Xan do Ferreiro --ficticios ou non-- deron estes versos cheos de inquina. Xa fixemos mención noutra entrada a outros sobre a mesma temática.
"Alabado se Dios 
agora lles vou contar
un conto moi bonitiño 
que moito lles vai gustar.
Voulles dicir a verdá,
que lles foi desta maneira,
que botou as municións
María da Vinculeira.
Todos preguntan con quen.
Do máis grande ó máis pequeno,
saben ben que as botou
co tío Xan do Ferreiro.
Xan foi á aldea de abaixo
e confesou o segredo:
--Que lle parece Luísiña,
do meu novo casamento?
-- O casamento é moi bo--
contestou a tía Luísa,
de non se marchar do sitio
rebenta alí coa risa.
O tío Xan é bo mozo
pero tenche moitas faltas
cunha xoroba nas costas
que lle fai andar a gatas.
Mais o conto foi despois,
cando foron onda o cura;
preguntoulles a doutrina
e non sabían ningunha.
--Non sabedes a doutrina
eu non vos podo casar,
se Dios vos dá unha criatura
non a sabes ensinar.
Respondeulle a tía María
que era moi desvergoñada:
--Eu ben lle sei, señor cura,
a obriga da casada.
--Se Dios dá unha criatura
arreglala e limpiala
gobernar a miña vida
e durmir co home na cama.
O día que se casaron
era de inverno e  chovía,
esbarrou o tío Xan
caeu de patas arriba.
Cando viñan de casar,
toda a xentiña da voda,
entrou un can na cociña
e levou a carne da ola.
Todos corren tras do can,
na mesa quedan os pratos,
entra un porco na cociña
e puxo todo en anacos.
--Aí vos vai miñas meniñas
facédelle caso á copla
que non quero que casedes
con vellos que teñan xoroba."

A fotografía que acompaña á entrada apareceu publicada no mesmo xornal citado, e reflicte ás claras o bo aspecto de Dona Concepción . 

Seguir lendo...

20/12/10

Das Xornadas aos Cantos do Nadal

O sábado, como estaba previsto, desenvolvéronse no Centro Sociocultural de Friol, as actividades programadas polos organizadores da Xornada de Convivencia arredor da Ruta das Feiras.
Aproveitamos a primeira parte das sesións da tarde para presentar o blog "Friol: Algo máis que pan e queixo" e para que o noso grupo de teatro puxese en escena "Deixémonos de Dindirindainas!".
O presidente da Asociación Terras de Lugo, Álvaro Santos fíxonos entrega dun agasallo ( a reprodución dun pendello, construción característica dos nosos campos das feiras) o que agradecemos desde estas páxinas.
Cambiando de rexistro só queda por informar que o próximo mércores día 22 a partir das once da mañá o grupo de pandeireteiras do C.P.I. Dr. López Suárez, xuntos cos alumnos e alumnas de 1º de E.S.O. sairán cantar os reis pola vila friolesa adiante.
Este ano incorporamos a algún dos cantos, algunhas estrofas ( unha recollida na parroquia de Xiá e outra na parroquia de Silvela) que achegaron os avós dos alumnos Luís Miguel Márquez Carregal e Alejandro Sánchez Estraviz.Pasan a formar parte do noso repertorio. Son dúas estrofas do clásico canto de despedida e din así:
Cantámosche os reises
canelas de cabra
Cantámosche os reises
non nos deches nada
 Non nos deches nada
nin sequera cousa
de hoxe nun ano
estés baixo da lousa
  Cantámosche os reises
canela de cabra
Cantámosche os reises
non nos deches nada
Aquí non nos deron,
aquí nos darán
o cu da cadela
e o rabo dun can. 

As  fotografías son do diario El Progreso e do blog dos Amigos do Patrimonio de Castroverde. 

Seguir lendo...

06/12/10

Chega o Nadal

De seguir á publicidade, ás áreas comerciais e á luminaria das cidades, é evidente que estamos xa no inicio das festas do Nadal. Nós, que tampouco queremos quedármonos atrás --aínda que os motivos sexan outros-- aproveitamos este ciclo festivo para recuperar algún dos cantos que se escoitaban por estas terras nas propias datas "navideñas". A fins dos anos noventa do pasado século, Mini e Mero andaron estes "países" recollendo o folclore típico, investigación da que deixaron constancia na páxina Nadal en Galicia.
Aquí traemos un canto presente en toda Galicia, con diferentes variantes. Así Dorothe Schubarth e Antón Santamarina téñeno recollido no seu "Cancioneiro Popular Galego" en Mazaricos, Dumbría, Vimianzo, Ribadumia, Frades, Arzúa,... O que transcribimos foi recollido na parroquia de Trasmonte, polo, múltiples veces citado, Fidalgo Santamariña. Di así:
"A noitiña de Nadal,
noite de grande alegría
naceu un reisiño novo
fillo da Virxen María.
Camiñando vai José
camiñando vai María;
camiñan para Belén
a fin de chegar con día.
Cando a Belén chegaron
xa toda a xente durmía,
menos un pobre porteiro
que estaba na portería.
--Abre as portas porteiro,
a José e a María.
--Estas portas non se abren
hastra que dios traiga o día.
Cando o día xa saleo,
a Virxen tiña un meniño;
tanta era a súa pobreza
con que envolvelo non tivo.
Botou as mans ó pescozo
e dunha cofia que tiña
fixo dela tres pedazos
con un  a Cristo envolvía.
Baixou un ánxel do ceo
e bos pañuelos traía;
unhos eran de hilaza
outros de hilaza fina.
Subeu un ánxel pró Ceo
cantando a Ave María;
preguntoulle o Padre Eterno
cómo quedaba María.
--María queda moi ben
na súa cama recollida;
e o Neno queda chorando,
polos pecados que había". 
Se queredes escoitar unha versión desta panxoliña interpretada poas voces do grupo "Xacarandaina" premede aquí .

Seguir lendo...

19/11/10

Canción das mozas de Carlín.

Nesta ocasión recuperamos esta cantiga da man de J. Antonio Fidalgo Santamarina no seu libro xa citado "Antropología de una parroquia rural". O propio Fidalgo Santamarina comenta como o propio trasmonteño compoñedor desta cantiga non tivo reparo algún en citar na composición ás súas coñecidas das que dá boa serie de detalles para seren identificadas.Digamos que a rivalidade, a falta de resposta concesiva ou simplemente ese machismo inveterado plurisecular que aínda hoxe percorre as veas dun amplo sector da nosa comunidade, dá orixe a unha composición que seguro tivo éxito no seu momento entre a rapazada da parroquia. Estas cantigas son socioloxía pura, etnografía no seu estado máis ancestral. Queda moito camiño que percorrer.Nós só incorporamos estas composicións como referente cultural que definen o perfil dunha terra que é a nosa. Di así:

Imos dar principio á historia
das rapazas de Carlín
o día que se inventou
houbo gaita e mais violín.
Subindo pola Devesa
e chegando a cas Mingacho
atopamos tres rapazas
que xa che fan un bo fato.
Empecemos pola Carme
porque ela é a maior
antes era a máis formal
agora xa é a peor
Falemos xa da irmá
que lle chaman Anxelita
é un pouquiño máis alta
por ter pernas de cabrita
Xa chegamos á máis nova
chamada Presentación
ten unha lingua tan longa
que atesta a un batallón
Imos, seguindo coa historia,
na casa do Morandeira
alí hai tres rapaciñas
que as tres fan boa feira.
Falaremos da máis vella
que é o sargento da tropa
nunca quere o viño en vaso,
haillo que servir en copa.
Seguiremos coa súa irmá
a que foi cortar o pelo
por crer que ao telo cortado
íase casar máis cedo.
Falaremos doutra irmá
que lle chaman Asunción
se lle falaran os mozos
ela non diría que non.
Vamos seguindo coa historia
ata a casa do Castelo
alí hai unha Perfecta
que lle compraron un velo.
Seguimon con esta historia
a falar da cas da Igrexa
alí hai unha rapaza
que parece unha marquesa;
eu, de noxo non a quero
comendo comigo á mesa.
Aquí termina esta historia
das rapazas de Carlín
o día que se inventou
houbo gaita e mais violín.

Seguir lendo...

21/09/10

A canción do "paragüeiro". (Trasmonte)

Balcón nunha casa de Trasmonte*
Non esquecemos a literatura popular a pesar de que nestes últimos tempos non publicasemos grande cousa con ela relacionada. No libro xa citado noutras entradas de  Fidalgo Santamarina: Antropología de una parroquia rural, aparece recollida esta cantiga popular que leva por título a "Canción do paragüeiro".
Os afiadores e paraugueiros, xuntos cos talabarteiros, canteiros, xastres , músicos e un longo etc, percorrían as terras galegas ofertando as súas artes para poder ir indo.
Homes, solteiros ou casados, tanto tiña, homes eran e nas aldeas as rapazas recibíanos expectantes co quel de ser alguén de fóra do entorno o que conlevaba certo misterio que os facía ser centro de atención. 
A presenza destes ambulantes orixinou máis de un malentendido e seguramente máis dunha liorta co mundo masculino foráneo.
Nesta cantiga que pasamos a transcribir queda claro o que aquí deixamos escrito.  
Podemos escoitar  outra versión na web Vou nun Bou .

Preguntei se sería certo
o que lin nunha revista
que os mellores paragüeiros
saen da terra da chispa.

Afiador e paragüeiro
arregla potas e porcelanas,
compra ferraganchos de cobre
trapos vellos e mais lanas;
e tamén teñen o vicio
de subir polas ventanas. 

Mina irmá ten unha filla
de trinta anos e pico
que non a deixa casar
ata que lle veña un rico.

E ela ben o merecía
porque era moi elegante
ten unha casa ben posta
cun bo lameiro por diante.

Veu un día o paragüeiro
e subiu pola ventana
alá pola media noite
xa se atopaban na cama.

E de alí a pouco tempo
atopuse moi maliña
eu mesmo funlle chamar
ó médico da familia

Deulle fregas á barriga
púxolle inxeccións de suero
tamén lle dixo que tiña
principios dun paragüeiro.

Mina irmá e o meu cuñado
ó saber ó contenido
empezaron a chorar
formando grande alarido.

Pensaron dentro dun pouco
que chorar é perder tempo
chamaron ó paragüeiro
e tratouse o casamento.

Pero o malvado do home
non se quixo conformar
e iba xunto das veciñas
que o deixasen amar.

*Trasmonte é a parroquia motivo do estudo do libro que citamos nesta entrada.

Seguir lendo...

27/04/10

A canción da lebre.

No citado libro de Fidalgo Santamariña aparece recollida esta composición na que se citan diferentes lugares do concello de Friol e da parroquia de Parga (Guitiriz) (hai que pensar que tanto Trasmonte como O Seixón, Miraz, Carlín e Anxeriz tiñan moita relación con esta parroquia do concello veciño). Faise alusión a personaxes coñecidos da contorna e á súa afección á caza. Do Culleireiro dicir tan só que, a pesar de que aparece citado en relación coas súas capacidades xinecéticas, o que a nós chegou é que no que realmente era bo era na arte da pesca-- supoñemos que de aí o seu alcume-- A letra di así:


"O día cinco de xaneiro
vaia día máis fermoso,
pasou un caso en Roimil :
escapoulle a lebre ó Coxo.
Escapoulle a lebre ó Coxo
aínda cha ha de estrañar
desde o mes de setembro
que a tiña a cebar.
A lebre estaba viciosa
roeulle as varas ó cesto
e saíu daquel encerro
despois de catro meses dentro.
Chamou o Coxo ós cazadores
pra que lla foron pillar
saíu Lucas e Quiroga
non a puideron matar.

Non a puideron matar
a bo fe, viñan cansados:
ela quedaba escondida
na chousa de Quitarrabos.
Lucas de tanto correr
xa lle pingaba o bigote
e dixo: Non corro máis
sen o viño do pipote
O Coxo de visto tal,
deu en 'reñer' coa Racha;
mandou aviso a Trasmonte
ó Ferreiro da Muraza.
O Ferreiro en vista disto
preparou a carabina
pasou a noite tras dela
ata o marco da Valiña.
E a pobriña da lebre
por onde ela andará,
o día sete de xaneiro
pasou a ponte de Saa.
Pasou a ponte de Saa
xa non leva moito medo
púxose a comer as herbas
no anabado de Cubelo.
A lebre ten moita forza
porque estamos en xaneiro;
non estaría hoxe viva
se vivise o Culleireiro"

Seguir lendo...

13/04/10

Voda do Xan do Caínzo e a María da Silvela

O máis achegado, era elemento noticiable que ben a través das feiras, nas romarías ou festas locais, ían pasando de pais a fillos nun 'continuum' que facilitaba a integración no grupo ao que se pertencía.
Nestes "libelos" versificados era habitual falar mal ou rirse das cousas que ocorrían no de fóra-- entendendo como tal aos veciños doutras parroquias ou mesmo veciños cos que a relación non era moi boa-- Abondosos exemplos temos no cantigueiro, no que dependendo da localidade onde se cantase a cantiga ,a letra era modificada, para que os criticados na mesma fosen sempre os de fóra.
Estas composicións que detrás tiñan unha mente elaboradora de fácil verso, pasaban a ser propiedade do pobo e como tal chegaron ata nós.
No libro "Antropología de una parroquia rural", J. Antonio Fidalgo Santamariña ten publicadas unhas cantas destas cantigas locais que recolleu na parroquia de Trasmonte a principios dos anos oitenta.
Os comentarios que orixinaron a voda dun tal Xan do Caínzo maila María da Silvela quedaron recollidos nesta composición:
"Casouse Xan do Caínzo
con María da Silvela;
Xan era un home de ben,
María unha trapalleira.
A voda foi en xaneiro.
Cando estes dous se casaron,
xente de sete parroquias
viñeron acompañalos.
Xan levaba unha pajilla
mesmo parecía un cubano,
chaqueta de pana negra,
pantalón de lenzo branco.
Un gran cinto de badana
frebilla de uro enchapado
regalado polo pedáneo
do aparello dun cabalo.
Os zapatos do Servizo
tíñaos moi ben conservados
con agulletes patelos
e tres rengleiros de cravos.
A noiva, hai que dicilo,
ía moi ben preparada
levaba longa mantilla
e boa saia estopada.
Rica chambra de picote,
medias de la calcetadas
uns escarpíns de baieta
e zocas repeniscadas.
E pra que fora máis guapa
e pra que atención chamara,
puxéronlle unha peinetea
ao estilos das sevillanas.
Mais alí tamén dicían,
as xentes de lingua larga
que as vinte uñas pequenas
pola barriga lle andaban.
Ao acabar de casalos,
comezou a calloubada;
había puros de cuarta
que xa case non tiraban.
Houbo viño por garrafas,
pan duro e carne asada
e para postre trouxeron
roxóns de cocho e castañas.
Houbo baile toda a noite
do órgano amais da gaita
e tamén houbo flamencos
que tocaron a guitarra.
Houbo tiros e pelexas,
tamén houbo puñaladas,
un rapaz coas tripas fóra
pola xustiza berraba.
E tamén catro rapazas
alí che andaban tumbadas;
Eu na miña vida vin !
Debía se-lo Severiano
que lles tocaba o violín"

Seguir lendo...

21/02/10

Unha cantiga da Guerra Civil: "Una quinta de mujeres"

Publicamos aquí outra cantiga recollida pola A. C. Cova da Serpe ás irmás Carmen e Dolores Laxe Morandeira de Anxeriz. Nesta ocasión , trátase dunha versión dunha cantiga que inicialmente apareceu cando a guerra de África e que posteriormente recuperaron as forzas sublevadas na Guerra Civil.
Deixamos un audio recollido da páxina O Canto do Pobo.com na que precisamente cantas estas dúas irmás.




Una quinta de mujeres
dicen que se va a formar.
Con este fatal acuerdo
la gherra se acabará.
Prepárense las mocitas
que van hacer una quinta,
de esto librarse no pueden
ni las pobres ni las ricas.
Sólo se libran las tuertas,
las tontas y jorobadas,
sólo sirven las bonitas
con colores como ghrana
Corresponderá la quinta
desde quince a venticinco,
esas jovenes bonitas
que tiran a tiro fijo.

Aprendida la instrucción
se destinarán a cuerpo,
y todas con ilusión
cuidarán de su armamento.
Las mas guapas y morenas
irán a caballería,
las robustas y trigueñas
se echarán a infantería.
Y las que tengan buen talle
todas irán a ingenieros
las delghadas de cintura
al escuadrón de lanceros.
Y a todas las chiquititas
a trompetas y a tambores
las delghadas de cintura
se echarán a zapadores.
Se forma la preferencia,
las sastras y las modistas
unas irán a intendencia
otras a telegrafistas
Se formará un batallón
de infantería marina
estarán de guarnición
en la plaza de Sevilla
Les darán un uniforme
de paño muy eleghante
fusil, cartera y machete
abanico y unos ghuantes.
Unas botas de charol
que lleghen a las rodillas
unas espuelass de plata
que luzcan las pantorrillas
Para almorzar les darán
café con leche y un bollo,
para comer a las doce
sopas de ajo y repollo.
Para cenar es preciso
después de buena ensalada
dos ghuevos y un chorizo,
café y media tostada.

Seguir lendo...

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.