Amosando publicacións coa etiqueta Lendas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lendas. Amosar todas as publicacións

08/02/24

Tres novas, algún considerando e unha addenda


Hoxe xoves de comadres, sen orde de prelación ningunha, facémonos eco de tres (boas)  novas ás que engadimos uns considerandos e unha addenda como reza o título. 


En primeiro lugar celebrar a esperada proxección do vídeo que resume as actividades de “Cóntame un mundo” realizadas na vila friolesa o pasado mes de xullo, da man de Raquel Queizás e Alba Vales e que tan boa acollida tiveran (ver ligazón).
Poderase ver o próximo sábado dezasete de febreiro no centro sociocultural, aínda sen rematar de dixerir o Entroido e en plena xornada de reflexión ( lembrade que o domingo dezaoito podemos optar por seguir co desmantelamento dos servizos públicos ou non. Somos nós quen decidimos).

En segundo lugar celebrar o traslado da feira para o centro da vila. Aínda que máis ben habería que dicir que a feira volve ao lugar de onde nunca debeu saír. 
Corre a lenda entre a veciñanza que fala que o anterior alcalde gabábase de non facer gasto no comercio local. Nós non sabemos se sería certo, pero se cadra ese desleixo foi o que orixinou o desterro da feira ás aforas da vila, deixando esta orfa dun mercado que animaba ao pobo friolés a achegarse e facer algo de gasto nos locais comerciais (que nestes tempos toda achega é pouca). 
Pois ben, aínda que tardou máis do desexado ( este goberno municipal está na súa terceira lexislatura) e non sabemos se aproveitando a coxuntura electoral, devolven a feira á vila.
O que en tempos foi "feira do catro”, (ver ligazón) que no 2006 pasou a celebrarse o primeiro domingo de mes, e que desde hai máis de dez anos levábase a cabo no Mercado gandeiro volve ao seu. 

Por último unhas palabras para o cocido e posterior corrida do Entroido que se desenvolverá este sábado dez de febreiro. Organizada desde tempo atrás pola asociación Carballo Vivo vai collendo xa ton tradicional. Como todos os anos o punto de encontro é o seu local social ( antiga escola de Carballo). Á actividade está convidada toda a veciñanza, non só @s soci@s. 
Cremos que chegou o momento de propoñer un estudo serio e pormenorizado do vello Entroido friolés. Algunha entrada hai neste blog con información textual e mesmo gráfica tanto do Entroido nalgunha parroquia, como do carnaval vilego. Porén, é necesario recoller, revisar e recuperar toda a información que de seguro as persoas de idade teñen na súa memoria dos Entroidos da súa mocidade, ou da dos seus antepasados. 


Entroido 2006

No colexio friolés en tempos de Pepita Regueiro, Teresa Vila, Ana Núñez, Carlos Veiga,... desenvolvéronse actividades no propio centro co correspondente desfile pola vila. 
Nós mesmos temos participado elaborando unidades didácticas sobre este ciclo festivo onde non faltaba as coplas tan típicas destas festas.
O entroido xa está aquí 
darémoslle volta a todo!
Se quedase algo a dereitas 
dirían que estamos tolos. 
Das coplas do Entroido 2001 

Por non falar dos mecos ( xa tradición) elaborados polo alumnado de 4º da ESO na área de Plástica
Devecemos por ver a creación deste ano! 
Meco do Entroido 2007


Pois iso: alguén debería animarse a completar o estudo. 
Dicimos isto porque observamos como en moitos lugares da xeografía galega estase a facer esta recuperación, ben a través dos propios concellos ou pola diferentes asociacións culturais, e pensamos: por que en Friol non ? 
Mercado, Colmeiro

E vai a addenda:
O cartel anunciador do cambio de lugar da feira ( védelo nesta entrada) ) indica “A feira do mes volve ao pobo” 
Ao pobo non pode volver, porque o pobo é a alma máter da feira! Sen el non hai feira! 
Explicámonos: Como temos unha lingua moi rica, pobo en galego é exclusivamente o grupo humano,... de persoas cunhas características propias que o identifican , así falamos (pouco) do xenocidio do pobo palestino, do pobo galego chamado ás urnas, e mesmo podemos falar dun pobo friolés ben guiado. 
Porén se nos queremos referir a unha entidade de poboación, sexa a que sexa, debemos empregar outros substantivos e non trasladar o “pueblo” castelán ao noso “*pobo”.
Así podemos falar da vila de Friol, do concello de Friol, da parroquia de Carballo, da aldea de San Martiño, do barrio da Milagrosa,... Sería máis correcto, entón, que o citado cartel fixese gala de que 
“A feira do mes volve á vila”

Bo Entroido!

Seguir lendo...

26/02/15

De meigas

De todo o concello temos recollido ben no noso blog ou "No Campo da Feira", que é onde publica o alumnado do colexio, unha chea de retallos da literatura de tradición oral aínda viva por estas terras. 
Da parroquia de Condes traemos hoxe aquí esta lenda recollida no ano 2008 cando aínda andabamos remoendo na idea do que foi, é, "Friol: algo máis que pan e queixo". Foi recollida por Ana Fariñas Rodríguez ( alumna daquela de 2º de ESO que na actualidade cursa estudos na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago). Di así:
"Hai moitos anos había meigas que liñaban de noite, en sitios que non as visen, enriba duns penedos, no medio do monte… Cada vez que pasaba xente , elas empezábanlles a insultar, botábanlles meigallos e se lles respondían, maldicíanos e agoirábanos de que lles ía pasar algo malo. As meigas metíanse en sitios escuros para que non as visen e non as recoñecesen . Adoitaban ter uns sitios fixos para reunirse de noite para liñar. Un deles era o muíño da Calzada. Case sempre ían vestidas de negro. Din que saían polos montes sobre todo os días de lúa chea.
O muíño hoxe non se chama así senón que é coñecido como o muíño de Santa Eufemia".
A fotografía precisamente é Santa Eufemia (Condes) e se queredes ver e completar a información sobre o muíño da Calzada tedes aquí o enlace á entrada feita polo alumno Juan Manuel Sobrado o curso pasado sobre o mesmo.

Seguir lendo...

02/06/11

A Pena Castrela: Outra versión.

Deixamos aquí, outra versión da coñecida lenda da Pena Castrela. Di así:
"Conta unha lenda que hai moitos anos vivía unha bruxa coa súa filla nesta pena. Un día, a filla cortoulle a cabeza á nai. Entón esta, cunha unlla, atravesoulle o corazón á filla e morreron as dúas. Nese momento a pena abriuse ao medio; a filla quedou entalada entre as dúas metades da rocha e a nai desapareceu, quedando soterrada debaixo da pena. Ao morreren nai e filla, toda a casa se volveu de pedra. Debaixo da casa, que está sen tellado, hai unha cova na que se ven cinco marcas de dedos e 'arañazos'. Nesa cova, hai un túnel subterráneo. Antes de subir á casa, nunha pena, están os pasos da bruxa".
Achegóunola Alba Lamas, alumna de 4º de ESO a quen lla contou o seu avó José de 84 anos, veciño das Petas na parroquia de Silvela.

Seguir lendo...

19/02/11

Lume Novo

Como máis de un sabedes, Lume Novo é a cabeceira da revista do Centro escolar friolés. Iniciamos aquí un repaso á historia da publicación que recollerá aquelas cousas que consideremos de interese e que foron publicados ao longo dos anos na citada cabeceira.
Remataba o curso 1983-84, o Día das Letras Galegas dedicábaselle a Armando Cotarelo Valledor, e precisamente nese maio do oitenta e catro sae a luz o primeiro número de Lume Novo. Como era de rigor neste primeiro achegamento, recóllense as dúas lendas da torre de San Paio, traballo feito por dúas alumnas daquel 4º A, Mª Teresa Ceide Arias e Mª Fe Ferro Viña.
Todo el manuscrito, recolle tamén unha lenda sobre o lume -- traballo feito por unha alumna de 6ºA que asina como Basilisa--que recuperamos aquí:
"Contan que hai moitos anos cando aínda os avós dos nosos avós non naceran, os homes non eran quen de facer lume. Daquela homes e animais levábanse ben, respectábanse e axudábanse uns aos outros.
Un día, un paporroibo vendo esta situación e a necesidade que o home tiña do lume, queréndoo axudar, marchou na súa procura. Sabía que o que buscaba só o tiña o Sol e que era unha empresa non doada, pero aínda así, tentou chegar a el na súa procura. Chegou onda o Sol e este deulle un pouco que trouxo de volta á Terra. Mais na viaxe queimou unhas poucas plumas do papo.
Para axudalo a curarse todas as aves déronlle cadansúa pluma, menos a curuxa que non quixo ser solidaria. As outras aves, en castigo, non a deixaron nunca máis, saír a voar nin cantar polo día.
Cando o paporrubio chegou á terra co lume, os homes acendérono e conservárono así para sempre".
Con traballos sobre o Entroido, os Maios, algúns contos, refráns e pasatempos,... completouse este primeiro número do que deixamos a súa portada como ilustración desta entrada.
Non esquecemos tampouco o nome das "pacienzudas"alumnas que deseñaron a portada: M.C. Carreira e Divina.   

Seguir lendo...

Os encantos da Rodela

Rodela do Castro de Guldriz
Do castro de Guldriz e das lendas a el asociadas, xa deixamos referencias neste blog. Agora publicamos unha nova que baixo o suxerente título dos "Encantos da Rodela" achegounos Rubén Ceide Cruzado, alumno de 1º A de ESO do noso centro: 
"Contaban os vellos de antes, que había unha muller chamada Carmiña en Guldriz que era moi pobre. Un día, ía cunha porca para levala á feira por ver se facía uns cartos. No camiño, atopouse cunha muller da rodela que lle propuxo cambiarlle a porca por unha toga na que envolvía unha bolsa. Díxolle tamén que se non a abría ata chegar á súa casa --esa era a única condición-- que de seguro a quitaría de pobre.
Carmiña decidiu cambiarlle a porca e, cando ía camiño de Guldriz, e se afastaba da muller, esta volveuse para recordarlle a condición..., pero Carmiña non lle fixo caso. Cando estaba chegando á súa casa, a curiosidade levouna a abrir a toga e desatar a bolsa. Nesta só había carbón. Carmiña enfadada, botou un berro e maldiciu o nome da muller da rodela e tirou todo o carbón no chan.
Cando chegou á casa sacudiu a bolsa e a toga e delas caeron unhas pedriñas de carbón que cando rozaron o chan convertéronse en ouro e pedras preciosas.Carmiña saíu correndo da casa en busca das outras pedras pero xa non estaban alí. Foi á rodela na procura de aquela muller que facía aquelas marabillas,pero non a encontrou.
De regreso á casa contoulles o sucedido e todos tiveron perda daquela riqueza perdida.
Isto demostra que nin a curiosidade nin a cobiza son boas para ninguén.
Hai moitas lendas sobre este lugar e esta é unha delas".
A lenda recolleuna Rubén da súa avoa Mercedes Salgado Carreira de 84 anos, veciña de Guldriz de Arriba.

Seguir lendo...

23/12/10

Os misterios das Pardellas

Xa hai algún tempo( xaneiro 2009),publicamos baixo o título de "Unhas aparicións nas Pardellas" a referencia  a uns feitos ocorridos no ano 1949 e nos que os xornalistas do momento, relatan como a posible aparicición da Virxe neste lugar da parroquia de Condes.
A fins de novembro deste ano observamos como se achegaban ao noso blog visitantes de diferentes puntos da península, interesados na entrada que comentamos. Chamounos a atención, pero non prestamos maior atención ao feito.
Días atrás,deixaron na mesma un comentario facendo alusión ao programa "Cuarto Milenio" dirixido e presentado polo xornalista especializado no mundo do descoñecido, Iker Jiménez.
Efectivamente en youtube, están colgados un par de vídeos nos que o citado xornalista xunto con Marcelino Requejo e Carlos Ollés estudosos do mundo "OVNI", falan do feito xa mencionado e das súas investigacións ao longo destes últimos dez anos.
Aquí deixamos os dous enlaces por se queresdes botarlle unha ollada aos citados vídeos que reproducen a parte do programa destinado ás Pardellas.O segundo recolle a participación de Requejo e Ollés.
Constatar tamén o desinterese manifesto que as cadeas de ámbito estatal teñen coa toponimia oficial galega.

Seguir lendo...

01/09/10

Lenda do Castro da Aurela ou da Ourela

"Contan os nosos avós que, en tempos da nenez dos seus pais, neste castro había unhas columnas de ouro. A lenda di que os veciños vían subir un burro por unha costa cargado de cousas, e que ía por debaixo do castro ata chegar a eses piares do metal tan prezado".
Achéganos esta lenda, Estefanía Pena -alumna do Centro-- da parroquia de S. Martiño de Prado.
Precisamente desta parroquia e do seu castro xa temos comentado outras lendas. Neste caso o elemento central son as columnas de ouro que soportaban o castro e –isto sobreenténdese—estaba habitado por mouros que serían os que recibirían as mercadorías que lles levaba o burro que vían os veciños.
As trabes de ouro normalmente, nos relatos lendarios, van emparelladas coas de alcatrán. Aqueles interesados na procura dese ouro poderían topar coas vigas de alcatrán e a desgraza estaría servida.  No "Diccionario dos Seres Míticos Galegos", podemos ler que "é evidente a relación deste mito co chamado Mito do Centro" e é que resulta que estas trabes serían o soporte do mundo. Seguimos lendo no libro citado:  "Para algúns xeólogos e historiadores, o das vigas soterradas, podería ter explicación (...) nos relatos dos mineiros que desde o neolítico, e sobre todo na época romana, perforaron galerías e usaron de técnicas "máxicas" para separar metais nobres doutros compostos ( ...)".
O topónimo podería facernos ver unha posible orixe relacionada co “aurum” (ouro) aínda que semella que ten máis que ver con ourela ( en tanto orela, beira ou límite).
Agradecemos a Estefanía a achega.
Deixamos a imaxe do Sigpac no que se pode observar a coroa do castro.

Seguir lendo...

08/04/10

A Cova da Serpe ( outra versión)

A riqueza de matices nos relatos, é unha das características básicas da literatura de tradición oral. Mantendo o fío argumental, a ampla gama de detalles e adxectivos que poden aparecer na narración, fai que estas historias adquiran diferente carga emocional dependendo do sentimento co que o informante relate o sucedido.
No ano 1.967, D. Vicente Devesa Jul, publicou no diario "El Progreso" o 6 de agosto, unha variante da coñecida Cova da Serpe.Reproducímola a continuación, indicando que fixemos unha pequena adaptación do texto, sen modificar o sentido da lenda.
"Vivían hai moitos anos uns señores con moito poder e riqueza, que eran os donos da fortaleza. Din que cando o Señor da Torre chamaba a calquera para que fose velo , non era para cousa boa; se non accedía ao que lle pedía , que podían ser fanegas de pan de renda ou outra obriga parecida, que o tiraba a un pozo e que alí morría sen que ninguén o soubese.
Estes señores da Torre tiñan unha filla moi ben feita, recatada, xeitosa, boa, que lle chamaban Relinda. En certa ocasión , encontrándose de caza un aposto mozo, labrego el, cadroulle pasar por diante do Castelo, no momento en que a garrida rapaza se asomaba a unha das ventás. O galán saudouna con moito donaire e emprendeu a conversa con ela. Despois dunha longa parola, quedaron citados para se veren en días vindeiros, cumprindo as súas citas. Chegou a tal punto o asunto, que se namoraron perdidamente un do outro. Sabedor o Señor da Torre dos tales amoríos, privoulle á súa filla de saír ás ventás, para que non puidese parolar co descoñecido galán, xa que segundo estaba informado, non era do avoengo do tal señor. 'Destonces' vendo como se poñían as cousas, entre os dous rapaces, acordaron de se escapar, e para levar a fuga a cabo, viría o rapaz unha mañá de madrugada dacabalo e ela estaría preparada para saír. Así o acordaron e así o fixeron. Unha mañá cediño apareceu o galán motado nun bravo cabalo, e collendo á moza, púxoa diante súa e fuxiu; mais ao darse conta o pai da rapaza, mandou a varios criados a perseguir ós fuxitivos. Estes galoparon polos termos de Ramelle, Roimil e Anafreita, co fin de pasar a serra e meterse na provincia da Coruña, pero, véndose alcanzados polos perseguidores, e xa no alto do monte, metéronse nunha cova que viron debaixo dunha pena , deixando á besta na boca da cova. Ó meterse máis para adentro, atopáronse cunha gran serpe ou cobra que coa boca aberta trataba de os degolar; mais o rapaz era moi valente, quitando un coitelo de dous fíos, emprendeu a loita coa tal cobra, dándolle morte, pero o pobre do rapaz tamén morreu ao pé dela, e a moza que tal cousa viu, quedou desmaiada. Nestes intres chegaron os que viñan no seu seguimento e entraron na cova , encontrándose con aquel cadro de dor. Trouxeron á rapaza para o castelo de San Paio de Narla , e axiña que lle volveu o sentido, pediulle ao seu pai que lle trouxeran o galán para o enterrar nos termos da súa casa. Así o fixeron e, aos poucos días, morreu tamén a pobre da mociña de sentemento, e seu pai ao ver tal cousa, mandou que a enterrasen ao lado do pobre mozo.
Desde entonces aquel monte leva o nome de Cova da Serpe."

Seguir lendo...

21/12/09

Guldriz (II). O castro na memoria

Perfectamente visible co perímetro aínda perfectamente definido, do castro de Guldriz contan os máis vellos que lembran como no propio castro víanse claramente os restos das vivendas e os muros que defendían o recinto "e disto que haberá? corenta anos?". Máis tarde utilizouse toda esa pedra na construción de novas vivendas e valados e ese patrimonio perdeuse para sempre.
O que si que o tempo non deu conseguido facer desparecer son as historias e lendas que o castro xerou desde antigo.
Mesturando feitos reais cos lendarios temos noticia dos seguintes relatos que pasamos a expoñer a continuación :
"O que si é certo é que se atoparon moitas moedas. Cando levabamos o gando ata alí arriba, entre os toxos e a nada que removeses no 'suelo' aparecían moedas amarelas, non de ouro, non sei de que serían pero moedas téñoas vistas. Das outras cousas, de que se os mouros,... que as pitiñas... iso xa serán contos pero as moedas, aínda sei dalgunha persoa que seguro as ten" . O que así fala é Antonio da  Casa De Mera citada na entrada anterior.
Outra historia fai referencia tamén aos cartos atopados no castro e din que un home atopou un saquete de moedas de ouro . Foi vendelas a Lugo e cos cartos mercou dous becerros. Non lle dixo nada a súa dona. Cando esta, despois de moito insistir, conseguiu que o home lle contase o sucedido, os becerriños apareceron mortos.
Contan tamén que "ao pé do castro había unha fonte onde de cando en vez aparecían uns pitiños cunha galiña  pero cando os querías ver desparecían, non se sabe como" . Este relato xa o escoitamos e publicamos nunha entrada anterior relacionada coa parroquia de Cotá.
Núñez Jato e Rodríguez Varela no seu traballo citado noutra entrada, recolleron tamén estes dous:
"Un señor de S. Martiño de Condes chamado  Cacharelo ía vender viño á rodela. Os veciños deste pagábanlle ben coas moedas que atopaban no castro. Con este negocio o Cacharelo medraba moito pero non podía dicir de onde lle viña o diñeiro. A súa muller estrañada co benestar que disfrutaban, pedíalle arreo explicacións ó marido. Tanto e tanto porfiou que un día o Cacharelo contoulle a verdade. A próxima vez que foi levar o viño ó Castro, os veciños dixéronlle:
-- Bueno home, dixeches de onde sacas ti os cartos pero como somos amigos, matar non te hemos matar pero temos que facerche sangue.
E cortáronlle dous dedos dunha man"
A segunda relata que "os veciños de Guldriz querían abrir a rodela porque pensaban que alí estaba a riqueza da parroquia. Dixéronllo ao cura e un bo día foron todos ata o Castro co cura diante. Ó chegar alí, o cura empezou a ler un libro e a terra abriuse, saíndo da greta toda clase de bichos, encantos, cabalos con pés de rodas, o demo cuns cornosmoi grandes e outras cousas. A xente berraba:
--Señor cura, mire, mire !
O cura mirou e quedou cego. toda a xente escapou, quedando só o cura que tivo que desler o que lera para poder saír de alí"
Contos vellos que se repite con pequenas variacións na nosa xeografía e que de xeración en xeración foron pasando de pais a fillos. Hoxe co risco de que todo este patrimonio quede no esquecemento, nós desde estas páxinas tratamos de fixar esta parte da nosa historia --real ou non que máis dá?-- para que os netos dos nosos netos non sexan uns desleigados e descoñezan a rica cultura que nos permitiu chegar a onde chegamos.

Seguir lendo...

23/11/09

Do Castro de S. Martiño e da Casa do Fidalgo

Rastrexar o pasado, ás veces resulta difícil, sobre todo ao carecer de fontes de información máis ou menos fiables. Estas dificultades provocan o termos que achegarnos ás fontes orais. Estas, que moitas veces mesturan cousas sen se decataren,--'tal como mo contaron así o conto'-- o que si permiten é abrir novos camiños de investigación e cando menos deixan, como pingas dunha orvallada, algunha anécdota, lenda ou acaecido da historia local nada desaproveitables e que dan pé, cando menos, a unha entrada neste caderno de bitácora. Por outro lado, os datos que facilitan practicamente non están contaminados por iso que denominamos "o mundo culto", o que nos permite irmos atando cabos e pechando e abrindo novas portas.
Chegamos a S. Martiño coa intención de resolver algunhas dúbidas que nos acompañan dende hai tempo e , así, achegámonos á Casa do Fidalgo, actualmente en estado total de abandono. Permanece inmutable o que foi unha ventá na que o seu lintel acolle unha gravadura en forma de bésta que non é obxecto desta entrada.
Esta ventá foi testemuña secular das pisadas abaixadas dos labregos que ano tras ano tiñan que lle pagar a renda ao Señor. Como símbolo do mudar dos tempos, esta ventá leva xa tempo tapiada como redimidas foron as rendas tampouco hai tanto.
Desde esta vivenda, nunha rápida subida puidemos achegarnos ao Castro de San Martiño, do que se pode apreciar con bastante nitidez o que foi o foxo.
Ao redor do castro hai un folklore nada desdeñable, desde alusións a unha Pena Moura, á lenda do chamado "monte ou leira dos cartos" no que, segundo algúns, os romanos enterraban os seus cartos. Como nos indicou un veciño "esas cousas cada un as conta como quere e vaia 'usté a saber'.
Tamén temos escoitado o relato que menciona a unhas pitiñas que desaparecían nas pedras deste castro e ían saír ao castro de Narla.
Memoria que esperamos permaneza viva por moito tempo.

Seguir lendo...

09/11/09

A Fonte do Ouro. Lenda

Na memoria dos veciños de Cotá pervive a historia que fala da "Fonte do Ouro", con lixeiras variacións.
Hai moito tempo, había unha fonte que era da que se tomaba a auga para Cotá --"agora non hai rastro dela"-- e dela cóntase que había alí unha galiña cos seus poliños e que un veciño tapounos cun manto que lle deran na misa e a pita e os pitiños convertíranse en ouro.
Outra versión di que "saían unha pita cos seus pitiños da cor do ouro. Cando os veciños intentaban velos, agochábanse na fonte. A xente ía mirar nela, pero alí non se vía nada, só a auga nacer"
A primeira versión recollémola do traballo "Prospeccións no Concello de Friol (I) Mámoas e Folclore arqueolóxico" de J. F. NÚÑEZ JATO e L.RODRÍGUEZ VARELA, publicado no nº 6 da revista Croa.
A segunda recolleuna Lucía Cabado que lla contou a súa avoa Oliva Pena ( 75 anos) , da Rexidoira, Cotá.

Seguir lendo...

06/11/09

O cruceiro de Lousende. Lenda

Na parroquia de San Martiño de Prado, no lugar de Lousende, atópase un cruceiro do que se conta unha lenda.
O cruceiro é simplemente unha cruz, sen ningún tipo de adorno, de ao redor dos dous metros de alto e sen pedestal; chantado directamente na terra. Está situado ao pé do río Narla , actualmente na estrada que une Prado coa citada aldea, mesmo ao lado da ponte que salva o río.
Uns dez metros río arriba vese a estrutura e os vargos da vella ponte, máis ben pontella, que debía dar servizo ao camiño vello, hoxe só ‘adiviñable’.
Conta a historia ( “xa a contaban os pais dos meus pais… e a miña nai vai para 103 anos o dezanove de marzo, vaia ‘usté’ a saber”..., di o informante, veciño de Lousende) que hai xa moitos anos viñan dúas mulleres, de noite , de volta para a casa, despois de ir a unha festa. Ao cruzar o río atopáronse cun lobo. Unha delas tivo a fortuna de “dar subido a un albelo”, pero a outra non gozou de tanta sorte e foi morta alí mesmo polo lobo.
Non se sabe moi ben se en memoria da defunta , ou como ofrenda pola salvación da que salvou a vida – quizás polas dúas razóns—o feito é que se fixo un cruceiro que rememora tal feito e que aínda segue en pé.
Dicía Castelao que “cada cruceiro é unha oración de pedra que fixo baixar un perdón do ceo, polo arrepentimento de quen o pagou e polo gran sentimento de quen o fixo”.

Seguir lendo...

27/06/09

Dúas lendas con serpes polo medio.

Na procura de información sobre o mundo da serpe en Galicia, as súas orixes e a súa evolución; demos cun par de relatos que teñen como protagonista á serpe e, segundo testemuña o recompilador das mesmas, ocorren ou cando menos foron recollidas nestas terras.
Ámbalas dúas historias aparecen publicadas na páxina de Galicia Encantada.
A primeira relata a presenza dunha serpe nunha corte das vacas e leva como título A serpe de Miraz , e a outra conta a historia doutro ofidio que daba en mamar nunha muller acabada de parir. ( Nos enlaces respectivos podedes facer a lectura completa das mesmas)
Deixamos constancia das dúas, ao tempo que confirmamos a estendida presenza do réptil no folclore destas terras, pois xa son varias as historias nas que este animal é o protagonista , amén da que dá pé ao emblema municipal.

Seguir lendo...

10/06/09

Unha serpe con ás no Pacio.

Xa nunha entrada anterior falamos dunha serpe alada por terras de Samede de Nodar. Agora seguimos coa mesma temática pois Nerea Varela Busto, alumna de 4º e veciña do Pacio recolleu a seguinte historia que lla contou o seu avó, Manuel Varela Carballal e que nós transcribimos a continuación:
"Cando ían gardar as cabras e ovellas ao monte, os animais máis pequenos desparecían, sen saber nada máis deles.
Ocorría o mesmo cando a xente ía de caza cos cans, pois desaparecían ao meterse entre as matogueiras. O único que sabían deles é que os cans daban uns cantos ladridos e pensaban que ían detrás dunha peza de caza.
Un día, un veciño do Pacio ( José Mariño Blanco) foi de caza ao monte de Presas e, viu como unha serpe con ás lle matara un dos seus cans. entón disparoulle e matouna.
Hai que di, que ese mesmo día, chegaban dous homes de Madrid para levar a serpe viva para un zoo, pero cando chegaron xa era tarde".
Relacionado co topónimo anterior tamén informa que " hai xente que di na parroquia que antigamente había unha pequena aldea ( onde hoxe hai prados e monte) que foi asolagada e que por iso agora se lle chama Presas a ese lugar".

Seguir lendo...

31/03/09

A Pena Castrela

Unha lenda tamén moi coñecida e identificativa de Friol, é esta da Pena Castrela. 
Esta pena situada na parroquia de Narla deu pé a algunha lenda, unha delas é a que pasamos a relatar. 
 
Contan que hai moitos anos vivía unha bruxa coa súa filla nunha pena.
Un día, a filla cortoulle a cabeza á nai. Entón esta, cunha unlla, atravesoulle o corazón á filla. Morreron as dúas. Nese momento, abriuse a pena á metade. A filla quedou entalada entre as dúas metades da rocha. A nai desapareceu, quedando soterrada debaixo da pena. Ao morreren nai e filla, toda a súa casa se volveu de pedra.
Debaixo da casa, que está sen tellado, hai unha cova na que se ven cinco marcas de dedos e arañazos. Nesa cova, hai un túnel soterrado. Antes de subir á casa, nunha pena, están as pegadas da bruxa.
Recollida por Alba Lamas a quen lla contou o seu avó.
A fotografía foi tomada por Lorena Núñez.

Seguir lendo...

07/02/09

A igrexa de Guimarei: Lendas


Estas lendas están relacionadas coa construción da igrexa da parroquia.
Nunha delas cóntase que a igrexa foi construída nunha soa noite e que a pedra necesaria para a edificación da mesma, foi transportada por unha parella de bois que carrexaban a pedra sen necesidade de ninguén.
Outra é unha mestura de feitos históricos e propiamente lendarios. Chega a nós a través de J.M. Abel Expósito , ao explicar a orixe das armas dos Berbetoros.
No medio das guerras entre Pedro I e Henrique de Trastámara , das que xa falamos en anteriores entradas, D. Gonzalo de Ozores foi feito prisioneiro, ocasión que aproveitou D. Basco Gómez das Seixas para apoderarse das súas propiedades. Liberado D. Gonzalo, mobilizou aos seus homes de armas , entre os que estaban os señores do Castelo de Pena Mourelle, na freguesía de san Miguel de Valvetouros, sendo estes, parentes dos señores de Virís, partidarios, pola contra, do señor de S. Paio.
Sendo os cabezas de cada casa homes afoutados e soberbios, acordaron medir as súas forzas a medio camiño entre os dous castelos. Así decidiron enfrontarse ao pé da calzada que unía Lugo con Sobrado, no lugar de Guimarei onde se celebraban as feiras.
Chegado o día, e xa no fragor da batalla , implorou o señor de Pena Mourelle o amparo da Virxe. Ao pouco deron en medrar as pólas dun piñeiro vello, que alí estaba, de tal xeito e rapidez que alí quedaron os partidarios do de Virís envoltos e entrelazados pola ramaxe, momento no cal apareceu a imaxe da Virxe, que cos seus brazos abertos facía acenos de que se separasen. Cada un marchou para o seu castelo vivindo o resto dos seus días retirados do mundo.
Tal foi a impresión, que despois do suceso cambiaron as armas do seu escudo -- que era un prado onde descansaban dous touros á sombra dun piñeiro--pasando a ser dous touros enfrontados ao piñeiro.
Pero non quedou aí a cousa. Cambiaron tamén o xentilicio e desde tal día pasaron a ser Berbetoros.
A imaxe que ilustra a entrada é o debuxo do escudo dos Berbetoros na igrexa parroquial de Guimarei feito polo autor antes citado.

Seguir lendo...

03/02/09

Lenda da Ponte do Batán

Hai moito tempo, as meigas aparecían nas pontes. A todo aquel que pola ponte pasase , mandábanlle botar unha "perra" --moeda de cobre--. A moeda , claro está, tiña cara e cruz.
Unha noite, un señor chamado Xan, ía cara a súa casa e ao pasar pola Ponte do Batán atopou cunha delas fiando nunha roca.
A meiga, moi alporizada, serviulle a bandexa e díxolle que botase a moeda.
O Xan sen darse conta botou a cara en vez da cruz e isto significaba que as meigas farían con el o que elas decidisen.
Preguntáronlle se quería ir por terra ou polo aire. El elixiu "terra" e entón, levárono arrastras polas silveiras e os toxos ata espetalo nunha braña en Anxeriz.
Recollida por Marcos Estapé en Cela ( O Seixón)

Seguir lendo...

02/02/09

Lenda : A pita e a modorna de Vilapedre

Ao carón da modorna hai unha casa. Hai moito tempo nesa casa tiñan unha pita que ía comer todos os días á modorna.
Nunha ocasión o dono decidiu seguila, e cando chegou á modorna díxolle á xente que alí vivía que viña buscar a súa pita.
Eles dixéronlle que non se preocupase pola pita, que había ser ben pagada. como pago déronlle un saco, indicándolle que non o abrise ata chegar á casa.
Marchou o home , pero como o saco lle pesaba moito, no medio do camiño parou e abriuno , vendo que só tiña pedras. Tirounas e foise para a casa. Cando chegou notou que lle caera unha pedra por dentro da chaqueta. Xa non era unha pedra, convertérase en ouro. volveu mirar onde tirara o resto pero xa non estaba alí.
Esta lenda foi recollida por Jennifer Morandeira, sendo a informante Julia Corral.

Seguir lendo...

03/01/09

A Freiría

Este lugar da parroquia de S. Xiao do Carballo, 'fratria' no latín medieval, refírese a freires, 'frates' en latín, frades en galego.
Isto infórmanos que estamos diante dun conxunto de frades co seu mosteiro e facenda. Neste lugar atopamos a capela de S. Marcos.
Este topónimo tamén está relacionado co remate da lenda da Cova da Serpe. Cóntase que a filla de D. Lopo das Seixas, Berta, unha vez falecido o seu amante en combate singular coa serpe, decidiu rematar os seus días apartada do mundo e, para cumprir o seu desexo, fundou un mosteiro neste lugar.
Non moi afastado da Freiría ( menos de 500 m.) e na mesma parroquia, hai tamén outro toponimo posiblemente relacionado coa vida monacal:Bernadal .
Unha das posibles explicacións etimolóxicas do topónimo faría alusión aos monxes bernardos de Sobrado que por esta zona tiveron posesións.
Lembremos que o mosteiro de Sobrado dos Monxes pertence á Orde do Císter, coñecidos como monxes bernardos.
Este Bernadal podería tamén facer referencia aos pastos "vernales/vernatales" referidos aos pastos de primavera. Pastos que moi ben poderían ser propiedade do mosteiro de Sobrado e seren utilizados nesa estación.

Seguir lendo...

02/01/09

Unhas aparicións nas Pardellas no ano 1.949

Nas Pardellas ( Condes) hai 60 anos houbo unhas estrañas aparicións das que deu conta o xornal "El Progreso" na súa edición do día 15 de xuño do ano 1.949.
A nova, co título "Unos niños ven apariciones de la Virgen", vai reproducida a continuación e relata polo miúdo os feitos :
Los niños José Pérez Vázquez, Antonio y Manuel Serén García y Antonio Iglesias Rauco, de doce y diez años de edad, se hallaban el 27 de mayo jugando en el lugar referido. Según manifiestan a la caída de la tarde escucharon un gemido y al mirar a una peña allí existente se quedaron sorprendidos al ver una aparición que, dicen, es la Santísima Virgen.
Se asustaron y marcharon a casa sin decir nada a sus familiares. A la noche José Pérez Vázquez experimentó una crisis nerviosa y afirmó haber visto otra vez a la aparición de la peña. Todos los días, atraídos por aquel hecho, volvían al mismo lugar, y siempre, según afirman, vieron aparecer a la Virgen. Al fin, el día 7 de junio decidieron dar cuenta a sus padres de lo que ocurría. Al tratar los familiares de convencerles de que todo aquello era una simple invención de los niños, éstos con gran firmeza y con juramento afirmaban ser cierta la aparición.
Los padres se trasladaron también al lugar de Pardellas, y los niños volvieron a afirmar que veían a la dama. Enterada la gente del pueblo comenzó a acudir a aquel lugar. El pasado domingo se reunieron allí unas cuatrocientas personas. A las once de la noche los niños afirman ver a la Virgen, así como un resplandor que cruza el lugar donde decían se les aparecía.
Pero ya no son sólo los cuatro niños los que ven a la dama sino que son los veinte que allí acudieron y que todos coinciden en afirmar que la aparición va vestida con hábito blanco y que tiene un rostro y manos muy pálidos. Uno de los niños pidió a la aparición una flor y dice que con la mano le hizo seña de que se acercase. En este momento, la multitud, que sabía que los niños hablaban a la dama aparecida, se acercó impetuosa al lugar donde se hallaban los niños, al lado de un muro. Como el lugar es pendiente, las primeras filas derribaron el muro, bajo el cual cayeron los niños. La confusión fue grandísima en aquellos momentos.
Todos los niños dieron muestras de la mayortranquilidad, sin experimentar miedo alguno y todos fueron sacados de entre los escombros sin la menor lesión.
Lo extraño es que en medio de la confusión los niños seguían que veían a la Virgen, gritando que estaba allí, que la veían. Entre estos niños figuraba Ángel Barreiro Gil, de 16 años. De las personas mayores sólo una mujer de cincuenta años afirma ver a la aparición.
Para evitar incidentes se han tomado ya las debidas precauciones y los hechos son el comentario de toda aquella zona, que, como es natural, no sabe si se trata de una alucinación colectiva de los niños o de verdaderas apariciones.
Nosotros, nos limitamos a dar una versión de los hechos, tal como nos los ha referido una persona de entero crédito y que asistió a alguno de ellos.
"El Progreso" 15 de xuño de 1.949

Seguir lendo...

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.