Amosando publicacións coa etiqueta Etnografía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Etnografía. Amosar todas as publicacións

11/11/24

Proposta da AELG para honrar a tradición oral das mulleres


O pasado día oito, a Asociación de escritoras e escritores en lingua galega, publicou un manifesto relacionado coa celebración das Letras Galegas do próximo ano (ver entrada anterior).
No mesmo, faise unha reflexión sobre a tradición oral das mulleres e, ao tempo, indícanse unhas pautas para a celebración e recuperación das cantigas dende unha perspectiva de xénero e de defensa da nosa lingua, para tratar de evitar esa imaxe morriñenta e melancólica coa que as veces se tratou estas composicións.
Como pensamos de interese, e tendo en conta que este blog é parte interesada e involucrada na recuperación e dignificación do noso cantigueiro, transcribimos o citado manifesto, asinado por Branca Villares e Eva Teixeiro  da Sección de Literatura Oral da AELG

Canta miña compañeira. Proposta para honrar a tradición oral das mulleres.
Manifesto da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG
 
"Nas Letras Galegas do 2025 honraremos a oralidade: recoñecer a poesía da tradición oral das mulleres como elemento fundamental na transmisión da cultura e lingua galegas supón unha validación longamente agardada por un amplo tecido cultural de base do país. Tamén supón un recoñecemento ao importante traballo de investigación e divulgación realizado á marxe das institucións oficiais por numerosas persoas particulares, asociacións e colectivos que permitiron que esta herdanza do pobo galego chegase ata nós hoxe. 
A Sección da Literatura de Tradición Oral da AELG ten unha ampla traxectoria en relación coa recuperación e estudo destas manifestación literarias, que deberan ter a mesma consideración que a produción escrita. Froito da experiencia, propoñemos unha reflexión previa sobre o xeito de abordar a celebración das nosas letras, de cara a futuras programacións institucionais, presencia nos medios e divulgación nos centros de ensino. 
Neste ano que dedicamos á memoria das que nos precederon no verso musicado, a RAG personificou de xeito audaz a tradición oral feminina en 3 figuras: a muller, na persoa de Eva Castiñeira de Muxía; a complicidade do par de mulleres en Rosa e Adolfina Casás de Cerceda, e a pequena comunidade das veciñas da bergantiñá Mens representada por Prudencia e Asunción Garrido e Manuela Lema. 
A oralidade das pandereteiras demostrou ser eficaz na transmisión da cultura e língua, tamén na conformación da identidade e sentido de pertenza, e merece ser tratada con rigor para tirar o máximo proveito deste ano de recoñecemento e divulgación que temos por diante. 
Ademais a coralidade nas letras do 2025 vén dada non só polas 6 mulleres nomeadas, senón por todas as que foron parte da cadea de transmisión oral: todas elas contribuíron ao legado deste imbricado patrimonio inmaterial, que son as cantigas tradicionais e populares. Implicitamente legáronnos o xeito, ese construír comunidade a través da palabra, do verso rápido, da lingua viva.
 
CONTEXTO: A MÚSICA VOGAL EN COMUNIDADE 
As polavilas, seráns, filandós ou ruadas eran puntos de encontro naturais da comunidade nos que a oralidade transitaba múltiples camiños: contos, cantigas, romances, traballos, xogos e demais lerias. Nestas xuntanzas a interacción no baile era tamén un fin en si mesmo, e as cantigas coa pandeireta o medio máis rápido, común e económico para que acontecese. A súa expresión é popular, cotiá e vulgar, e o seu ámbito privado. 
Enunciamos estas condicións a modo de valorización: desa cotiandade e repetición nace a mestría na interpretación vogal, percutiva e na composición, do popular vénlle ser fiel reflexo de tantos elementos da súa sociedade e da vulgaridade vén a súa frescura e atrevemento (fronte ao distinguido ou extraordinario). Na excepcionalidade, no momento que a veciñanza podía xuntar cartos contratábase un gaiteiro, un dúo, cuarteto, posteriormente acordeonistas, charangas e finalmente orquestras. 
Celebrando as pandeireteiras honramos á música vogal feminina, e debemos facer unha lectura en clave de xénero, pois tradicionalmente as formacións musicais de maior prestixio e recoñecemento social nin foron as pandeireteiras, nin incluíron pandeireteiras. 
As mulleres cantadoras estiveron tradicionalmente ausentes da esfera pública, e foron as grandes esquecidas nos diferentes procesos de patrimonialización de elementos da nosa cultura. De xeito tardío acadaron recoñecemento a través da espectacularización do folclore, para finalmente chegar ao punto actual: unha resignificación da súa figura e reificación do seu legado facendo un xusto recoñecemento a elas como piar na transmisión de lingua e cultura, e conformación de identidade. 
Tamén se observa nos últimos tempos certa renaturalización na súa práctica, grazas á remuda da oralidade. 
Non precisamos vestir de gala nin de acompañamentos e artificios a música das pandeireteiras para celebrar a poesía de tradición oral. O minimalismo musical é aconsellable, e a voz da muller debe ser a protagonista. Temos un nutrido sustrato sociocultural do que botar man para iso, e pensalo de abaixo a arriba semella o máis honesto neste ano de celebración. 

SOBRE O CONTIDO FORMAL DAS CANTIGAS HERDADAS 
Un xeito de abordar o estudo de tipoloxías na poesía de tradición oral son os ciclos do ano ou os ciclos vitais: 
 - Arredor do ciclo do ano temos cantigas de Nadal, Panxoliñas, aninovos e xaneiras, Reis, entroidos, cantos de pascua, maios, cantigas de traballos, segundo a zona ou a estación, etc. 
 - Arredor do ciclo vital temos os arrolos, primeiros xogos e cantigas, xogos de roda e recitados, rondas e namoros, cantos de voda, brindos, romances e responsos, etc. 
Mais debemos entender que as mulleres cantaban e compoñían versos non só nestas ocasións, senón en calquera momento ou con calquera motivo, acompañando calquera traballo ou tarefa repetitiva e pesada. Así temos labradas, cantos de segas, mondadeiras de millo, mazadeiras de liño, cantos de mazar o leite, de andar os camiños, etc. 
Cómpre destacar que debido á espectacularización do folclore, nos últimos anos fóronse seleccionando para expoñer e perdurar cantigas de/para contextos festivos. Estas non son necesariamente representativas da riqueza herdada: temos un complexo emocionario explicitado nas cantigas de transmisión oral, e este é o momento de reivindicalo. Temos cantigas que falan e transmiten tristura, soidade, pranto, esperanza, xúbilo, medos, arelas... e que coa súa entoación e interpretación adquiren unha dimensión que transcende a escrita: a consonancia como esencia da comunidade. 

A CREACIÓN E COMPOSICIÓN COMO EXPRESIÓN DE COMUNIDADE 
As músicas de tradición oral son unha expresión colectiva do pobo: hai cantigas que son flor dun día e outras que se repiten e mesturan coas seguintes. Sempre hai unha mestura entre o herdado e o que xorde pola necesidade de narrar algo novo, ou polo mero gosto de xogar coa linguaxe e a sonoridade. 
A propia comunidade regula o que perdura: o que se escolle para seguir cantando, o que vai de boca en boca e percorre distancias e tempos, o que o pobo vai facendo variar para preservar o sentido. Sen creación e actualización, só nos queda recreación: un cativo atisbo da riqueza doutrora. Honrar a oralidade é necesariamente traballar na creación e expresión orixinal e propia, e vivir a experiencia de entoalo en comunidade. 

O POUSO DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER NAS CANTIGAS 
Moitas coplas de tradición oral reflexan o que hoxe denominamos violencia contra as mulleres. O adoutrinamento está implícito, mais non implica necesariamente aceptación das violencias, pois as coplas contan aquilo que queremos que sexa escoitado a modo de denuncia, burla/caricatura, ensinanza ou advertencia. 
A poesía popular ten tamén linguaxe retórica e figurada, os seu propios códigos e tamén contextos: non é o mesmo unha copla insidiosa nun contexto de entroidada ou desafío entre iguais que noutra cantiga.
As nosas cantigas son reflexo do tempo e sociedade que as compón, e non xurdiron con vocación de trascender. Por isto mesmo, non semella pertinente tildalas simplemente de machistas e relegar á propia muller ó papel de vítima. Isto sería xulgar coa moralidade do presente elementos do pasado. 
Pero sendo nós quen as elevamos a canon cando as seleccionamos para cantar ou espectacularizar, si é nosa, entón, a responsabilidade de explicar debidamente os contextos e tamén as modalidades de violencia. Non aconsellamos obvialas nin censuralas, senón que recomendamos promover a reflexión e debate sobre elas. Poden ser poderosa ferramenta de educación social, e espertar conciencia crítica cara a outros tipos de violencia. 
Especial mención merecen tamén tódalas cantigas herdadas que falan dos oficios de mulleres: muiñeiras, costureiras, panadeiras, taberneiras, criadas... incluso pandeireteiras foron historicamente vilipendiadas pola súa condición de mulleres traballadoras. É tempo de falar de memoria, e explorar posibilidades na busca de certa reparación. 

O CASTELÁN NAS CANTIGAS 
A presenza do castelán nas cantigas de tradición oral ten múltiples causas. 
A oralidade é permeable e faise eco de modas e influencias no rural e urbano, e arremedar o castelán foi unha delas. Isto documentouse abondosamente no caso das parrandadas, petitorios ou testamentos de entroido (sarcásticos) ou no romanceiro vulgar. Máis tamén temos cantigas chegadas de outras zonas da península ou da emigración que foron naturalizadas, xunto coas súas melodías, cadencias e ritmos. A oralidade transcende fronteiras, e o seu carácter lúdico fai que acepte influxos regularmente. Non podemos pensalas simplemente como froito dunha subordinación política ou cultural,e tampouco ten sentido negalas ou desbotalas, pero si podemos e debemos facer unha escolla. 
Pese á presenza destas cantigas en castelán, as aulas e espazos da música tradicional foron nestes anos bastións de sensibilización e normalización do galego, e un medio natural no que mocidade puido aprender e practicar a língua, e finalmente soltarse a falala de xeito habitual. 
Promoveremos a creación en galego. Tamén podemos seleccionar ou desbotar libremente as cantigas herdadas para traballar a nosa lingua. Incluso podemos traducir ao galego coplas que atopemos en castelán, e dicilo con honestidade: son camiños que se percorreron en ambos sentidos en diferentes momentos da historia. 
O importante é non desaproveitar este ano de celebración da tradición das pandeireteiras para crear novos espazos de normalización lingüística e consolidación de falantes. 

O PERIGO DA FOTO FIXA 
A oralidade nútrese do cotián, é lixeira e fugaz. Non sente o peso da relevancia ou a coherencia perpetua, pois non ten vontade de trascender. Ten sentido no aquí e agora. 
Chegaron a nós na cadea de transmisión versos sublimes en significante e significado. 
É recomendable facer pequenos achegamentos ao corpus folclórico e familiarizarse coa linguaxe deste arte da man das mulleres de referencia: coñecer coplas, entender cómo se constrúen métrica e musicalmente, os ritmos bailables que as acompañan, algunhas das figuras poéticas que empregan, as posibilidades narrativas, as variedades dialectais e léxico, etc. Todas estas son cuestións relevantes, que fan rico e complexo o legado das pandeireteiras, pero nas que corremos o risco de nos perder. Corremos o risco de esquecer os principais valores da tradición oral, así que non confundamos a práctica deste arte coa mera selección e reprodución. Entidades uniformizadoras como a Sección Feminina percorreron ese camiño, e a súa selección, estandarización e espectacularización case matan por completo os valores fundamentais da oralidade. Non nos limitemos a reproducir os sucesos, ou a sesudos estudos dos procesos se contamos con pouco tempo. 
A destreza na expresión oral non se adquire con tediosas explicacións e transmisión de coñecemento en vertical: practícase en horizontal. Celebrar a oralidade é outogar a palabra. Escoitar, retroalimentarse, contar e cantar libremente o que somos, o que nos move, o que nos divirte, o que nos preocupa. Facilitemos espazos e formatos para que teñan lugar experiencias significativas ao redor da linguaxe.
Coidamos que estas consideracións serán útiles de cara á patrimonialización da poesía popular de autoría feminina e a oralidade. Agardamos que traian froitos significativos para a normalización lingüística e cultural do país, rachando co desleixo institucional e dando comezo a unha nova maneira de entender a produción oral da colectividade, libre de prexuízos. 
Branca Villares e Eva Teixeiro, da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG."

Seguir lendo...

10/07/24

O Cancioneiro Popular Galego no Día das Letras Galegas do 2025

Pandeireteiras de Mens (1982 ( RAG)
O pasado cinco de xullo, venres, a Real Academia Galega decidiu establecer o Cancioneiro Popular Galego como protagonista da celebración do Día das Letras Galegas do próximo ano 2025. 
Toma o relevo de Luísa Villalta, homenaxeada este ano, que precisamente escribía 
 "...cansada coma min no cansazo do pai cego 
no cansazo do avó en silencio 
e da nai rota de recoser as coplas aprendidas na saia da avoa"
Nomear o Cancioneiro Popular Galego lévanos a lembrar o inxente traballo de recollida a finais dos anos setenta do pasado século de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina por Galicia adiante que quedou reflectido no traballo publicado pola Fundación Barrié na década dos oitenta. 

Volumes do Cancioneiro  de Schubarth e Santamarina
Ese saber que acubillan centos e centos de mulleres que permitiron que eses cantos de seitura, de festas,... sucesos locais, romances, coplas de cego... non se perdesen e chegasen a nós son o eixo da celebración do próximo 17 de maio.
Personifica a RAG a homenaxe en Adolfina e Rosa Casás Rama, na pandereteira Eva Castiñeira e nas Pandereteiras de Mens (Prudencia Garrido, Asunción Garrido e Manuela Lema). 

Foliada na Vila da Igrexa ( Ver notas)
Pero son moitas máis as que non aparecen pero si están: Manuela da Barro, as tocadoras das Festas da Pandeira do Piornedo: Dolores de Villariños (a homenaxeada este próximo agosto) a nosa benquerida Inés de Naipes (arca ben grande de sabedoría), Marilú do Corralín; de Anxeriz (Tordoia) a Julia Vázquez Rosende coñecida pola súa particular versión do "Resistirei" pandémico, a recitadora Erundina López Pérez, de Cumeiro , Vila de Cruces, que vía Reme López (anteollinhos) tennos achegado romances, coplas, cantigas...
E tantas e tantas outras mulleres que cantaron, cantan e cantarán.

Festa da pandeira, Piornedo, 2022
Friol non queda á marxe desta celebración e deste recoñecemento. Nos anos que mantemos este caderno foi interese primario a recollida e recuperación do cancioneiro vivo no concello. Publicamos todo o que fomos capaces de recoller, pódese ver nesta ligazón que nos achega ao patrimonio cantareiro friolés 
Mención especial hai que facer do traballo pretérito que fixera a asociación "Foliada friolense" á que todos os adxectivos que poidamos imaxinar serían poucos para pór en valor o labor realizado. Non esquecemos tampouco ás irmás de Anxeriz Lola e Carme Lage Morandeira (falecidas no 2017 e 2011 respectivamente) que a través de Álvaro Santos achegaron a esta páxina parte importante da súa memoria cantareira. 
Carmen Lage Morandeira gravando un canto de Nadal
E tampouco non esquecemos a achega que o alumnado do colexio friolés fixo ao longo de moitos cursos deste século XXI e que nos permitiu coñecer versións de romances e coplas cantadas ou recitadas por, por exemplo,  Mª Paz Viñas , Julia e Gloria Corral todas elas veciñas de S Martiño de Prado. 
En resume unha celebración pangalaica na que son moitas as que estarán de festa e moitos os que seguiremos aprendendo da súa memoria e cariño polo noso.
Queremos aproveitar tamén a entrada para indicar que neste apartado da memoria , aínda que a RAG fixouse na figura feminina, tampouco non debemos deixar de lado aos cantareiros que tamén os hai e moi bos.
E sabendo que a homenaxe vai ser ao Cancioneiro Popular Galego sería ben non esquecer para próximas edicións o resto do corpus da Literatura Oral tan abondosa coma rica.

Notas
A fotografía da Foliada no Vilar da Igrexa é sacada do libro "Fuliada na Vila" de Richi Casás

Seguir lendo...

03/05/24

Hoxe 3 de maio seguimos falando do san Benito de Carballo

S  Benito de Carballo
Hoxe celébrase, como todos os 3 de maio, a romaría do san Benito do Carballo. 
Xa temos publicado diferentes entradas (ver ligazón) en relación á festa e mesmo temos publicado un vídeo, gravado hai xa quince anos, e que podemos ver ao final desta entrada.
O caso é que en data tan sinalada para Carballo, decidimos subir a este blog unha das múltiples achegas que no seu momento ( curso 2011/12) fixo ao blog da rapazada No Campo da Feira, a daquela alumna Bibiana Díaz Fernández veciña da propia parroquia.
Esta entrada publicaba un milagre deste santo, narrado pola avoa de Bibiana, Trinidad Rodríguez Argerey que sen máis preámbulos pasamos a relatar: 
"Un bo día, un fregués da parroquia de Carballo foi á igrexa. Dende o remate da misa, este home dixo: 
-Quédate santo mouro, que eu non te vou volver visitar tan rápido. 
Acto seguido, marchou da igrexa e foi a unha taberna próxima. Alí, entrou aparentemente san e cando quixo saír, non podía camiñar porque se quedara teso. 
Despois, un home que se atopaba no establecemento foi ata onde o cura a pedirlle axuda. O cura foi ver ó enfermo e díxolle que se quería volver camiñar tiña que ir visitar ó santo e pedirlle desculpas polo ocorrido, arrepentirse de corazón. 
O cura botoulle a bendición á devoción de San Benito ao enfermo e entón este púxose a camiñar. Sen perder tempo, foi visitar ao santo e deulle un bico, e prometeulle que iría todos os domingos que puidera á misa. Así foi como este home volveu á igrexa case todos os domingos ao santuario e nunca máis estivo enfermo e morreu moi vello.
O blanquieiro visto desde fóra

Deixamos tamén ligazón a outra das  achegas de Bibiana, relacionadas con Carballo e moi ligada tamén ao día de hoxe. Se a ledes entenderedes o porqué. Ler aquí 
O vídeo, do que falamos na cabeceira, vai  a continuación.
Bo día e boa romaría !



Seguir lendo...

14/02/24

De triduos, cinza e sardiñas

Enterro da sardiña. Lugo 1985 (Foto J L Vega) 

Hoxe catorce de febreiro dependendo da óptica coa que miremos o calendario celebramos o san Valentín, o Enterro da Sardiña ou o Mércores de cinza.
Desde fins do século XVII (que nós saibamos) a igrexa católica instaurou os chamados Triduos de Carnaval que, pese ao nome,  é  un conxunto de exercicios relixiosos que se celebran ao longo dos tres días máis importantes do Entroido ( domingo, luns e martes) e realízase nos templos para desagraviar e expiar os “excesos” das festividades profanas que desenvolve o pobo eses mesmos días.
Como punto final a igrexa remata coa imposición da cinza o mércores que inicia a Coresma. 
Estes triduos, dependendo do momento histórico, tiveron un maior ou menor impacto na poboación: a tempos máis escuros maior importancia. Na actualidade seguen a celebrarse pero cun perfil máis baixo e mesmo (cremos) de xeito moi puntual.
Se botamos a vista atrás vemos que El Progreso do 16 de febreiro de 1915 informa sobre a celebración “en todas las iglesias” segundo costume, “en los tres días de Carnaval, el triduo de desagravios".
Lemos no mesmo diario o 28 de febreiro de 1936 esta nova de Monforte de Lemos: "No podían faltar en estos días de Carnaval en que tanto se ofende a Dios, cultos de desagravio al Crucificado. En varios templos estuvo expuesto el Santísimo y fueron muchos los fieles que acudieron a visitarle. 
En la iglesia conventual de Santa Clara se celebró además, un solemne triduo que estuvo concurridísimo y en el cual ocupó la sagrada cátedra el notable orador P. Gaite, que pronunció tres sermones de gran provecho espiritual"
Pois ben, Friol non queda á marxe desta práctica e así vemos no Boletín do Bispado de Lugo de 21 de maio de 1900 na epígrafe “Cultos en las parroquias” ( pax, 224) como  Fernando Piñeiro, cura párroco de Ousá e Cotá naqueles tempos, indica no seu informe que "se han hecho los ejercicios preceptuados por el señor Obispo". (...) "El 25, 26 y 27 de febrero ( domingo, luns e martes de Entroido) tuvimos el triduo con la estación de desagravios, plática y Santo Rosario..."
Só temos esta referencia destas dúas igrexas friolesas pero de seguro era común, se non en todas, na maioría.
Na actualidade mantense o rito da imposición da cinza.


Aínda que non en todos os lugares, hoxe celébrase tamén o profano Enterro da sardiña no que hai coplas, críticas, ladaíñas, ferretes, plañideiras, e desde logo enterro que con gran dor dos asistentes informa que o Entroido rematou ou case.
Certo que dependendo dos lugares o ciclo de Entroido xa se pechou onte coa queima do Meco ou prolóngase ata o vindeiro domingo.

Fotografías
A primeira pertence ao Arquivo Histórico Provincial de Lugo e obtivémola do muro do facebook " Ollar Galicia. Fotografía antiga"
A segunda é extraída do muro O parladoiro de Friol e reflicte a queima do meco do CPI Dr L. Súarez. 

  

Seguir lendo...

09/02/24

Meu carriño cantareiro

 


Estabamos expectantes por ver a o meco deste ano e resulta que nos sorprenden coa obra dun bo fragueiro e de seguro uns bos axudantes.

O carro que nosa terra é máis cun simple elemento de transporte, é un elemento icónico da nosa cultura reflectido en cantigas

Se queres que o carro cante 

 móllalle o eixe no río 

 despois do eixe mollado 

 canta coma un asubío. 

Se queres que o carro cante 

 bótalle o eixo de bido 

 as treitoiras de carballo 

 e as cuñas de sanguiño

 Cantado en poemas dos nosos egrexios: Ramón  Cabanillas (ver ligazón)

Meu carriño cantareiro! 

O de xugo e cabezalla 

coa puntita da navalla 

pulidos da miña man!

ou o poeta chairego Manuel  María ( ver ligazón)

Non canta na Chá ninguén 

por eso meu carro canta 

canta o seu eixo tan ben  

que a señardade me espanta 

Carro que de un ou outro xeito aparece nas festas do san Xoán, no Entroido: ben cargando con mecos ou sendo escondido ou desprazado do seu lugar (antigamente contábanse moitas anécdotas ao respecto).

Pois ben, este carro que encabeza a entrada, encabeza tamén, hoxe, as coplas de Entroido que nesta páxina publicamos de vez en cando ( facer facémolas sempre) 

Esperemos gocedes da súa lectura senón azucre ou mel...nas filloas!

 COPLAS

O Entroido xa chegou 

ide preparando a orella, 

*pra que estea saborosa 

nós tentaremos quecela 

Diremos que pra as facer 

sempre pedimos licencia

e como non nola dan 

escribimos sen decencia 

 Este carro que aquí vedes 

non é un carro electoral !

Non teñas medo que vaia 

buscarte para ir votar !

E non van os lacazáns 

 repartindo cal posesos 

cartos de todos a esgalla 

pra manterse no goberno? 

Xa chegan as eleccións 

xa comezou a campaña,

ou consigo moitos votos 

ou o meu non se me amaña. 

Moito remexo este ano

espero teña o seu pago

un sillonciño ben alto

eu por menos non che paso!

Algo mais que pan e queixo 

éche fonte milagreira 

cando pensas que secou

volve como volve a feira!

 Sei que no centro da vila

pasou algo milagroso

a propaganda de algúns

sei que a comeu un raposo

Como sigan os refachos

a soprar con tanta forza

veremos o dezaoito

a algún cheo de vergonza.

E pra que rematen ben 

e teñades un bo martes 

coidadiño co lacón 

e tamén coas outras carnes!. 

E xa para rematar 

as coplas con alegría

pensade que queda pouco 

pra rematar a INVERNÍA

Deixamos para rematar un vídeo cos primeiros mecos deste século creados por Modesto Fernández e o seu alumnado


Bo Entroido!

Seguir lendo...

08/02/24

Tres novas, algún considerando e unha addenda


Hoxe xoves de comadres, sen orde de prelación ningunha, facémonos eco de tres (boas)  novas ás que engadimos uns considerandos e unha addenda como reza o título. 


En primeiro lugar celebrar a esperada proxección do vídeo que resume as actividades de “Cóntame un mundo” realizadas na vila friolesa o pasado mes de xullo, da man de Raquel Queizás e Alba Vales e que tan boa acollida tiveran (ver ligazón).
Poderase ver o próximo sábado dezasete de febreiro no centro sociocultural, aínda sen rematar de dixerir o Entroido e en plena xornada de reflexión ( lembrade que o domingo dezaoito podemos optar por seguir co desmantelamento dos servizos públicos ou non. Somos nós quen decidimos).

En segundo lugar celebrar o traslado da feira para o centro da vila. Aínda que máis ben habería que dicir que a feira volve ao lugar de onde nunca debeu saír. 
Corre a lenda entre a veciñanza que fala que o anterior alcalde gabábase de non facer gasto no comercio local. Nós non sabemos se sería certo, pero se cadra ese desleixo foi o que orixinou o desterro da feira ás aforas da vila, deixando esta orfa dun mercado que animaba ao pobo friolés a achegarse e facer algo de gasto nos locais comerciais (que nestes tempos toda achega é pouca). 
Pois ben, aínda que tardou máis do desexado ( este goberno municipal está na súa terceira lexislatura) e non sabemos se aproveitando a coxuntura electoral, devolven a feira á vila.
O que en tempos foi "feira do catro”, (ver ligazón) que no 2006 pasou a celebrarse o primeiro domingo de mes, e que desde hai máis de dez anos levábase a cabo no Mercado gandeiro volve ao seu. 

Por último unhas palabras para o cocido e posterior corrida do Entroido que se desenvolverá este sábado dez de febreiro. Organizada desde tempo atrás pola asociación Carballo Vivo vai collendo xa ton tradicional. Como todos os anos o punto de encontro é o seu local social ( antiga escola de Carballo). Á actividade está convidada toda a veciñanza, non só @s soci@s. 
Cremos que chegou o momento de propoñer un estudo serio e pormenorizado do vello Entroido friolés. Algunha entrada hai neste blog con información textual e mesmo gráfica tanto do Entroido nalgunha parroquia, como do carnaval vilego. Porén, é necesario recoller, revisar e recuperar toda a información que de seguro as persoas de idade teñen na súa memoria dos Entroidos da súa mocidade, ou da dos seus antepasados. 


Entroido 2006

No colexio friolés en tempos de Pepita Regueiro, Teresa Vila, Ana Núñez, Carlos Veiga,... desenvolvéronse actividades no propio centro co correspondente desfile pola vila. 
Nós mesmos temos participado elaborando unidades didácticas sobre este ciclo festivo onde non faltaba as coplas tan típicas destas festas.
O entroido xa está aquí 
darémoslle volta a todo!
Se quedase algo a dereitas 
dirían que estamos tolos. 
Das coplas do Entroido 2001 

Por non falar dos mecos ( xa tradición) elaborados polo alumnado de 4º da ESO na área de Plástica
Devecemos por ver a creación deste ano! 
Meco do Entroido 2007


Pois iso: alguén debería animarse a completar o estudo. 
Dicimos isto porque observamos como en moitos lugares da xeografía galega estase a facer esta recuperación, ben a través dos propios concellos ou pola diferentes asociacións culturais, e pensamos: por que en Friol non ? 
Mercado, Colmeiro

E vai a addenda:
O cartel anunciador do cambio de lugar da feira ( védelo nesta entrada) ) indica “A feira do mes volve ao pobo” 
Ao pobo non pode volver, porque o pobo é a alma máter da feira! Sen el non hai feira! 
Explicámonos: Como temos unha lingua moi rica, pobo en galego é exclusivamente o grupo humano,... de persoas cunhas características propias que o identifican , así falamos (pouco) do xenocidio do pobo palestino, do pobo galego chamado ás urnas, e mesmo podemos falar dun pobo friolés ben guiado. 
Porén se nos queremos referir a unha entidade de poboación, sexa a que sexa, debemos empregar outros substantivos e non trasladar o “pueblo” castelán ao noso “*pobo”.
Así podemos falar da vila de Friol, do concello de Friol, da parroquia de Carballo, da aldea de San Martiño, do barrio da Milagrosa,... Sería máis correcto, entón, que o citado cartel fixese gala de que 
“A feira do mes volve á vila”

Bo Entroido!

Seguir lendo...

30/12/23

Téñenche unha areíña de sal de máis...

Queremos pechar as publicacións deste ano 2023 cun conto.
Non cos contos que nos contan a diario e que chegan a nós polas máis sorpresivas vías e que de non estarmos alerta, xeran expectativas erróneas caendo no engano no que pretenden que vivamos os especialistas das fraudes.
Sen irmos máis lonxe estes días andan engaiolando a orella dos dependentes avellentados co conto dos 5000 euros, que din universais.
E nestoutra ler o DOG onde aparece o contido real. 
O demais sonche contos!
E imos ao noso:  
De Lois Carré Alvarellos  xa falamos nunha entrada anterior e mesmo editamos o conto "Se calo , revento"  do seu libro "Contos populares da Galiza" contos recollidos por Carré  nas súas viaxes por Galicia adiante (viaxes nas que non esqueceu Friol ).
Na recompilación aparecen, xa dixemos,  tres relatos recollidos no concello friolés:
Hoxe publicamos o que leva por título "Téñenche unha areíña de sal de máis"-pax 237- dentro do capítulo dedicado aos contos de curas
Di así :
Foi nos tempos aqueles en que non chegaba o sal pol-as aldeias mais que unha vez en cada ano, cando no tempo da matanza víñano trael-os arrieiros coas suas arreatas cangadas, e daquela, nas casas, poñíase un ataño debaixo do picho do baño pra aproveital-a  salmoira; e, ele foi, que o siñor cura da parroquia, que era moi comillón e gustábanlle moito as papas, tiña un viaxe e deixoulle dito á criada:
--Oes, pra cando veña, xa me terás unha boa cunca de papas. 
--Ben está, si siñor.
E o siñor cura marchou, e cando foron horas, a criada fixo as papas; dun barcal tirou a i-auga que o siñor cura non quería senón da fonte do picho, que tiña sona de sel-a millor da parroquia, e do ataño da salmoira botou unha pinguiña coa garfela. 
Cando chegou o siñor cura xa era ben tarde, e traguía tanta fame, que engulipou ele soio meio pote de papas, e xa arrotaba de farto cando dis a criada:
-- E logo, siñor cura, seique están boas? 
-- Oooáaa ! , téñenche unha areiña de sal de mais, -- respondeu. 
E foi daquela que a criada deprocatouse que fixera as papas na salmoira; craro, figurádevos, cómo non había pasar se todol-os ataños eran imitantes? 
Recollido en San Xian de Friol.
(Respectamos a propia grafía do autor)

Seguir lendo...

19/10/23

Tradición e Tics, sóavos?

Presentación en xullo de 2021
Hoxe a prensa facíase eco dunha nova relacionada co uso das novas tecnoloxías e o seu emparellamento coa tradición oral. Algo ao que non somos alleos e que puxemos en práctica en tempos pretéritos no concello de Friol.

En concreto, e baixo o suxestivo título "Un GPS para guiarse por la tradición popular de Friol: del primer vino de las mujeres a cómo se «parlafeaba»" desenvólvese a noticia que informa dunha nova ferramenta para o móbil que vai permitir paseos pola vila friolesa acompañados pola voz de varias veciñas que participaron no proxecto creado polo servizo Aula de las Artes da Universidade Carlos III de Madrid, co apoio da Fundación Obra Social La Caixa. ( ver ligazón) Está impulsado pola cooperativa Indaga e para aplicalo en Lugo tivo o apoio da Rede Museística provincial. 

Cartel anunciando actividade
Despois de varias charlas, para desempoar a memoria, da veciñanza do concello; faladoiros coordinados por Raquel Morado e Adrián Gallero, comezados a fins de marzo do 2021, o material recollido ( as gravacións) foi presentado en xullo do mesmo ano. 

Hoxe está ao noso dispor na app "Arquitecturas de la memoria"; esta aplicación descárgase de Play store, e unha vez instalada no móbil actívase automaticamente ao chegar a capitalidade friolesa. 

Logo da App
Cremos máis que Interesante a proposta e esperamos teña continuación para xerar roteiros acompañados pola voz da veciñanza completando camiñadas e aproveitando o lecer para non esquecer que temos pasado e que somos o que somos grazas a ese pasado soportado evidentemente pola nosa lingua, unha lingua que permitiu chegar a onde estamos e que debemos defender como ferramenta vehicular e de cultura e deixala en herdanza aos que veñen tras nosa. 


Recollendo información
Este 2023, no centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos non sobraría deterse e reflexionar sobre o que está a ocorrer coa nosa lingua e o desleixo que algunhas institucións poñen de manifesto no seu uso e nas súas publicacións... e non hai que ir moi lonxe para velo

Só queda agradecer a Ana Castro Rodríguez o ter completada a información e a  achega das imaxes que ilustran esta entrada.

Seguir lendo...

09/01/20

Madialeva (II)


O sábado pasado presentouse en Miraz, como xa dixemos, e con gran afluencia de público, a novela gráfica Madialeva de Ana Moreiras
O libro recolle diferentes historias locais contadas desde esta parroquia friolesa e nas que aparecen os diferentes personaxes que conforman e conformaban a sociedade tradicional. Así aparecen as figuras de dúas mestras de distinto e distante proceder, caciques, señores, curas, veciñas afoutadas, a emigración, os primeiros pasos de Inditex, a ilusión xerada pola República, o drama da guerra e por último como algo novidoso o empoderamento da muller.
Todo isto que a autora recolle en Miraz reflicten, coas variantes que cada lector teña a ben segundo a súa propia novela persoal, historias que ben puideron suceder en Mondriz (Castro de Rei), Ove (Ribadeo) Ferreira ( Guntín) Palmeira (Ribeira),…ou en calquera outro punto da nosa xeografía.
Coa lectura deste texto, nós lembramos as tardes que, dentro do proxecto Algo máis que pan e queixo, dedicamos á escoita da veciñanza que se xuntaba no local social de Carballo e que debullaba historias, esas pequenas historias que non aparecen nos libros de texto e que conforman o noso ser e estar, e que neste caso quedaron recollidas neste blog.
Animamos á lectura desta novela sobre todo á veciñanza friolesa pois de seguro que nomes e historias, con certo grao de implicación faranse facilmente recoñecibles e, aínda que hai pingas de ficción, permítesenos percorrer e acompañar a xeografía humana da parroquia e do concello e lembrar outras contadas da citada freguesía das que nestas páxinas temos dado conta. 
En hora boa á autora.
En Lugo os exemplares, que nós saibamos, pódense adquirir nas librerías Trama e Totem

Seguir lendo...

10/06/18

Para espallar



Onte desenvolveuse no Centro sociocultural friolés, por un lado a entrega dos premios de investigación convocados, por segundo ano consecutivo, pola asociación cultural Carballo Vivo coa colaboración da USC e do propio Concello.
Xa comentamos na entrada anterior quen eran os premiados e a satisfacción que en nós xeraba que o segundo premio recaese nunha exalumna nosa.
No acto protocolario de entrega dos premios, tanto o representante da Universidade, como o da propia asociación convocante, fixeron fincapé na importancia de espallar a existencia destes premios como os mesmos traballos, que en definitiva, repercuten nun maior coñecemento do noso patrimonio municipal e polo mesmo na necesaria esixencia dun maior compromiso na súa conservación.
Na quenda dos premiados non queremos esquecer as cariñosas palabras de Ana Fariñas cos coordinadores do que foi Friol: algo máis que pan e queixo,  proxecto que hoxe ten continuidade nas mans de Carballo Vivo.
Despois da presentación por parte de Xabier Moure do primeiro premio, Mámoas e petróglifos de Friol, traballo feito en colaboración con Brais Rodríguez, este último puxo voz pública a unha queixa que xa escoitaramos en diferentes ocasións no concello, sempre en voz queda: A lóxica recuperación do espazo feiral tradicional para a celebración da feira que se vén facendo os primeiros domingos de cada mes; petición que foi acompañada dunha estrondosa ovación. Habería que tomar nota.
A segunda parte do acto, breve, foi a presentación da segunda ruta polas parroquias do concello, en concreto por Cotá, que se desenvolverá o próximo día 23 de xuño. 
Por último, o grupo de teatro da asociación representou novamente "Unha escola en branco e negro" obtendo un novo éxito, tanto  de interpretación por parte das actrices como de público, do que esperamos que entre as risas xeradas pola posta en escena da montaxe, quedase o pouso das mensaxes críticas que a mesma destila.
Rematou a xornada cunha cea. 
Queremos agradecer a toda a veciñanza que participou nas actividades programadas a súa asistencia ás mesmas. En definitiva é ela a encargada de poñer en valor isto que é noso, que debemos coñecer e defender.
Xa para rematar queremos permitirnos felicitar especialmente as mulleres que restando tempo do seu tempo, co cariño e dedicación da que son capaces -- que non é pouco--  foron quen de artellar unha montaxe teatral dinámica e divertida que esperamos sexa a primeira dunha longa serie.
Parabéns 

Seguir lendo...

24/05/18

Unha visión profana das aparicións das Pardellas (1949)

Continuando coa incorporación a este blog das achegas dos Obradoiros da Memorias desenvoltos na parroquia de Carballo, hoxe achegamos a peculiar visión que sobre as aparicións marianas nas Pardellas (Condes) precisamente a finais do mes de maio do ano 1949.
Aquí a tedes

Seguir lendo...

23/04/18

O 3 de maio na memoria dos nosos maiores

Xa falamos noutras entradas do S. Benito, das Cruces de maio e do S. Marcos da Frieiría.
Deixamos aquí agora uns retallos da sesión do Obradoiro da Memoria celebrado en maio do 2014 en Carballo, e no que a veciñanza da parroquia fai lembranza destas celebracións.
Estes rituais que veñen de antigo e evidentemente foron cristianizados no seu momento, desenvólvense por toda a xeografía galega baixo diferentes advocacións.
Acordamos desta sesión do Obradoiro, que tiñamos arquivada, ao sermos coñecedores dun ritual que se leva a cabo en Laza ( concello ben coñecido polo seu Entroido e os seus peliqueiros) baixo a epígrafe do Santo Cristo que cun gran valor etnográfico seguen a celebrar nestes tempos e que xira sempre ao redor do día 3 de maio, como o noso S Benito, aínda que os tempos actuais obríganos a achegalos á fin de semana máis próxima a esta data.



Nota: A fotografía que ilustra a entrada é da romaría celebrado no ano 1964 e é dun grupo de amigos do barrio da Ponte de Lugo no S Benito dese ano. ( fotografía publicada no diario El Progreso o 3 de maio de 2014

Seguir lendo...

01/02/18

Memoria do Entroido

Hoxe, Xoves de Compadres, nos inicios dun novo ciclo festivo do Entroido, incorporamos a este blog a gravación que, sobre esta festa no concello friolés, realizamos en febreiro do 2014 dentro das sesións do Obradoiro da Memoria desenvoltas en colaboración coa asociación Carballo Vivo.
Interesante documento videográfico que recolle as lembranzas dun Entroido non tan afastado no tempo. Paga a pena dedicarlle cinco minutos.


Este vídeo foi publicado inicialmente no blog Ao pé do carballo

Seguir lendo...

22/12/17

Consello do Apalpador

Nestes días de festas, nas que xogan un papel cada vez máis preeminente os agasallos, non está de máis consultar aquelas ideas, que desde os centros escolares de toda a xeografía galega, achegan á comunidade escolar referencias literarias axeitadas para un público infantil e xuvenil necesitado de suxestións motivadoras para mergullarse no fantástico mundo da lectura.
Desde hai tempo, dinamizado polo Equipo da Biblioteca do centro friolés, elabórase un tríptico que oferta diferentes títulos cos que poder sorprender á rapazada. Moitos destes títulos serán, sen dúbida, o inicio de aventuras e mundos que están por descubrir.
Nestes tempos nos que a figura do Apalpador vai asentándose aos poucos, como tradición recuperada na nosa comunidade, é de agradecer os seus sabios consellos.
Aquí tedes:

Seguir lendo...

07/06/17

Se calo, revento (sic)

Lois Carré Alvarellos (1898-1965), fillo de Uxío Carré Aldao, fixo ao longo da súa vida unha máis que interesenate recolleita de romances, lendas e contos da tradición oral galega.
No ano 1968 publicouse polo Museo da Etnografía e Historia da Junta Distrital do Porto, o seu libro Contos populares da Galiza no que aparecen un monte de historias recollidas polo autor nas súas viaxes pola nosa terra.
Nesta recompilación aparecen tres relatos recollidos no noso concello:
Un co título de "Téñenche unha areíña de sal de máis"-pax 237- dentro do capítulo dedicado aos contos de curas, outro titulado "As fabas"-pax 405- dentro do capítulo dos contos porcos, irreverentes e ouscenos, e o que nós publicamos aquí -pax 167-: "Se calo, revento".
Reproducimos o texto tal como foi publicado, respectando a grafía empregada polo autor: 
"Ela era unha rapaza que tiña un mozo que lle non querían na casa; o seu pai lle non deixaba tunar, e tampouco podía ir â misa a non ser cando a levaba de par a nai; os domingos, as mozas do seu tempo adivertíanse no turreiro, e, ela, miña xoya !, estábase na casiña como as vellas. Pra poder sair un pouco, xuraba e perxuraba que lle non daría lado ao mozo, e se a nai quería de deixala ire, o pai, terne que terne, seguía a negal-o consentemento.
Un día, foi tanta a teimosía da rapaza, que a nai en cabo deixouna ir vel-o baile do turreiro, mas impoñéndolle como condizón que non había falar cô mozo, e pra se asegurare de cómo o non facía, pois de vela, o pai íâ escadullar,fíxolle levar a unha irmán pequecha que había dicir canto vise.
Foise a rapaza, e de chegando onda mozarría , viu decontado o rapaz a lle facel-as veiras; ela botábao fora, mas, dicíalle ele tan lindas cousas, que cando a irmanciña a lle turrar pol-a saia lembráballe o que a nai dixera na casa, tirou unha perra que levaba no peto do mandil, e díxolle â pequena: 
--Toma, e cala ; ti lle non dirás cousa â madre , non si?. Si ês boa, heiche dar máis.
A cativa atolecía coa súa perra no peto, cantas cousas podía ela mercar… 
E, a moza, falou canto quixo cô seu rapaz, e ainda botou unhas xeiriñas no baile. Ao chegal-a noite, cando na casa perguntoulle a nai:
--Tí non falarías cô rapaz?
A moza moi perena asegurou que non ,e como se estrevera no seu falar a dicir como a irmanciña podía de o revorar así, baise a pequena e volvéndolle a perra berroulle alritada:
--Toma, garda a tua perra, que eu se calo revento"

Seguir lendo...

11/12/16

Nunha aira de Lugo (Miraz)

Esta semana coñecemos  a través do muro de facebook "Es de Friol se..." un vídeo co título que encabeza esta entrada.
Despois de velo consideramos case unha obriga inserilo neste blog, pois recolle unha conversa na que se reflicte unha visión pouco frecuente no concello e bastante atinada da realidade xeral e friolesa en particular que foi o que nos animou a publicala neste recanto.
A magnífica montaxe debémoslla á autora do vídeo, Ana Moreiras, con orixes friolesas e hoxe exercendo a docencia no IES A Cachada de Boiro, a quen agradecemos a súa autorización para o uso do vídeo.
Aquí queda e prestádelle atención que ben o merece.

"Hai anos os vellos e vellas xuntábanse nas airas ó final do día para contaren contos. Un fermoso hábito que manteñen hoxe algunhas persoas, entre elas tres mulleres ás que puiden escoitar no Curral de Raposo, Miraz (Friol). A súa conversa faime repensar a paisaxe luguesa e o papel da muller na sociedade rural de hoxe" (Ana Moreiras)

Seguir lendo...

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.