Amosando publicacións coa etiqueta Cruceiros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cruceiros. Amosar todas as publicacións

03/05/15

As cruces de maio: un costume perdido?

Chegou maio e canda el, no noso concello, a romaría do San Benito do Carballo; precisamente falando desta celebración chegou a nós o coñecemento dun ritual que algún dos nosos veciños asóciano ao propio tres de maio –día da romaría— e outros de xeito impreciso ao mes de maio pero sen poder indicar data exacta, nin se a había.
É coñecido, dentro do ciclo festivo tradicional, o denominado “ciclo de maio” que en principio lévanos a lembrar as festas dos maios celebradas o día un ou tres deste mes que, sobre todo, nas provincias de Ourense e Pontevedra gozan de sona e tradición.
Pois ben, este ciclo festivo, seguindo a Clodio González Pérez, comezaría xa a mediados do mes de abril e continuaría ata os primeiros días de xuño. A orixe das celebracións para algúns pérdese na noite dos tempos e para outros estaría máis relacionada co mundo clásico latino. En calquera dos casos mantense presente e, nos casos dos que imos falar, é o resultado do sincretismo que a relixión católica foi facendo das antigas festividades rituais.
Existe constancia de rituais agrarios que en época romana e coincidindo co 25 de abril levábanse a cabo na honra da deidade, Robigo, protectora dos cereais e encargada de evitar parasitos e mofo que impedisen o seu crecemento –as chamadas Robigalia-- nos que se procedía a diferentes cerimonias protectoras dos cultivos que unha vez cristianizados convertéronse nunha especie de bendición dos campos.
Aínda hoxe, no concello, trasladada a honra ao San Marcos celébrase na capela da Freiría (O Carballo) unha minguada romaría con procesión ritual ao redor dun cruceiro improvisado para a ocasión. Lembran os veciños unha festa á que se achegaban dous carros –un deles de Higinio “Pallota”—con algo de bebida e comida ata o lugar, e mesmo levábase orquestra. Este ano pouco máis de vinte persoas se xuntaron o domingo 26 para a dita celebración.
Rematado abril, o 3 de maio ( que na antiga Roma era o derradeiro día das Floralia, festas dedicadas á deusa Flora) que en Carballo na actualidade está monopolizado polo San Benito de Palermo, era o día no que se adoitaba colocar nos campos de cereal, predominantemente centeo, unha cruz no medio das leiras feita de sabugueiro (sambucus nigra) e colocada a mesma sobre unha vara da mesma árbore, para que fose vista aínda despois de medrar o cultivo. A mesma era recollida ao tempo de recoller o cereal. Hai quen lembra que tamén se empregaban ramalliños de oliveira –en Carballo habíaa en Guntín e na Fraga— Hoxe é un costume perdido pero veciños e veciñas das parroquias de Condes, Carballo e Xiá lembran da súa nenez e mocidade. Mesmo hai –como xa dixemos-- quen a asocia ao día de San Benito:“acordo ao meu pai deixar do día anterior preparadas as cruces, e antes de marchare ao San Benito, ir aos campos colocar as cruces”.
O 3 de maio nalgunhas zonas de Galicia aínda se celebra a festa da Invención da Santa Cruz e queda a citada data recollida no noso refraneiro:
 “Pola Santa Cruz de maio 
pastores deixade o gado.
 Se non o quereis deixar 
ide con el todo o ano" 
Recollido en Donís (Cervantes) fai referencia a que por estas datas os veciños comezaban a subir o gando ás malladas da Serra dos Ancares.
A fotografía que ilustra a entrada é recollida do libro "Festividades Cíclicas em Portugal" de Ernesto Veiga de Oliveira por non termos outra referencia gráfica e aínda que reflicte unha cruz de flores a súa intencionalidade ritual é a mesma da que falamos nesta entrada. En concreto a fotografía foi tomada en Condeixa no distrito de Coimbra.

Seguir lendo...

19/02/13

Un cruceiro en Silvela

Hai uns días achegámonos ata Silvela co obxectivo inicial de tirar unhas fotografías á igrexa parroquial. Na procura das súas chaves demos con este cruceiro, do que xa tiñamos información gráfica por unha reportaxe que nos pasara hai tempo a Asociación Cultural Cova da Serpe.
Un veciño, Celestino de 98 anos, home natural de Cumbraos, Sobrado, dos que 35 lévaos en Silvela, contounos a historia que el coñecía non por tela vivido en directo aínda que por idade si podía.
Pois ben, o que lembraba coincidía coa que tiñamos recollida nós, grazas a unha nova publicada no seu momento no diario lugués "El Regional".
Á historia de Celestino, engadímoslle as datas que, evidentemente tiramos da citada publicación.
Na corte da súa casa, unha rapaciña de 13 anos, Mercedes Cabado, coidaba "por orden de sus padres" unha vaca acabada de parir.
A prensa indica que un can penetrou na corte asustando de tal xeito á vaca que esta "enfurecida la persiguió corneándola". A rapaza quedou tan malferida que á noite do día seguinte faleceu.
Os feitos ocorreron rematando o ano 1923, concretamente o día 7 de decembro.A noticia apareceu publicada  no devandito xornal o día 12 dese mes.
A casa era á da Torra, orixe da familia que hoxe rexenta a Panadaría Casanova na vila friolesa. 
En memoria da alma da defunta decidiron erixir pouco despois o sinxelo cruceiro que ilustra a entrada e testemuña un feito ben tráxico para a familia e a comunidade veciñal.

Seguir lendo...

15/10/10

Cruceiro de San Martiño de Condes.

Está situado ao pé da igrexa parroquial. Érguese sobre unha plataforma de tres chanzos cadrados e unha base cúbica. O fuste é cilíndrico, labrado en peza única, con lixeira éntase e estrías, salvo nos extremos. O fuste e o cicelado das estrías segue un esquema moi semellante aos cruceiros Anxeriz, pero é moito menos esvelto. De feito, hai unha acusada desproporción entre o fuste, e o capitel e a cruz, que resultan demasiado pesados. Con todo, o esquema xeral é moi clásico.
O capitel aséntase sobre un sobresaínte collarino e presenta tres corpos ornamentais: o inferior en molduras abertas en abanico, o medio decorado con follas de acanto, e o superior con volutas nas esquinas e cabezas de anxos no medio.
A cruz ten sección cilíndrica e decoración de nós nas arestas. No anverso represéntase a Cristo seguindo a iconografía tradicional: pés cruzados e cabeza ladeada sobre o seu lado dereito. Presenta unha plástica moi elemental, apenas se traballan os detalles anatómicos. No reverso aparece a Dolorosa, que tamén segue un esquema de formas básicas: rasgos elementais no rostro, e mans entrelazadas á altura do peito e que resultan demasiado grandes e pesadas. Está feita en dúas pezas (pódese observar o corte da pedra á altura da cintura). Viste cun manto que lle cobre a cabeza e que debuxa dúas ondas no perfil, e saia longa con pregamentos.
Supoñemos que o cruceiro é do S. XVIII, resultando unha adaptación popular das formas barrocas.

Seguir lendo...

09/05/10

Cruceiro de Santa Marta.

O cruceiro está situado no campo da festa da capela de Santa Marta (parroquia de Vilalvite). Aséntase sobre plataforma de tres chanzos. O fuste é monolítico, de sección cadrada nos extremos e no resto coas arestas rebaixadas. Ten un capitel troncopiramidal invertido que remata en tres pequenos banzos que serven de base á cruz. Esta é de sección cuadrangular coas arestas rebaixadas, excepto na base. É unha cruz florenzada, pois os extremos rematan en lóbulos.
No anverso represéntase a Cristo cun inxenuísmo parecido ó que tamén aparece en Vilafiz. Como todos os cruceiros, está concibido para 'disfrute' colectivo, e aínda que comporten unha forte carga espiritual ou simbólica, buscan a funcionalidade inmediata. Por iso prevalece o contido sobre a forma, resultando unha imaxe elemental portadora dunha mensaxe recoñecible por toda a comunidade. Eliminado o superfluo, chegamos a un esquema universal, neste caso a unha imaxe naif, marcadamente frontal e hierática, coas palmas das mans abertas, con nula expresividade no rostro, e con desproporcións anatómicas evidentes (a pesar dun intento torpe de resaltar a musculatura do torso). E con todo, a imaxe resulta enormemente atractiva.
Na base non figura inscrición que nos permita datar a obra, e a atemporalidade da arte popular dificulta calquera datación, se ben o fuste e o capitel parecen relativamente recentes. A nosa proposta, ben ampla, iría desde o último terzo do S. XIX ata o primeiro terzo do XX.

Seguir lendo...

28/04/10

Historia dunha cruz de pedra na Porreira


Hai tempo liamos no xornal provincial "El Regional" a noticia dun triste suceso ocorrido na Porreira, parroquia de Narla. Recollía, a mesma, un desgraciado accidente que provocou o falecemento dun rapaz de 18 anos : Celestino Ferreiro Yáñez. "...hallábase éste manipulando un revólver viejo , sistema Smit, cargado con dos cápsulas"... (sempre a afección ás armas !), disparouse impensadamente producíndolle a morte ao citado rapaz.
Este luns achegámonos á Porreira na procura dunha casa da que xa falaremos no seu momento. Cando chegamos á aldea chamounos a atención unha grande e robusta cruz de pedra chantada nun pedestal e axustada ao mesmo con pequenas calzas de ferro.
Por curiosidade, petamos na porta dunha casa que resultou ser a casa ( nova), que sería, a do infausto Celestino.
A súa "sobriña-neta" Josefa --85 anos-- relatounos a orixe da cruz e o motivo, que segundo ela, era debida a "unha disgracia". Sen dar máis datos. Contou tamén como a morte orixinara a colocación da citada cruz. Cruz que foi labrada por un veciño da Bouza de Arriba, que era canteiro.
Lembra a boa da Sra Josefa como, sendo ela moi nena, tiña noción de ser testemuña do fatal accidente. Tan nena como que o feito ocorreu o 14 de outubro de 1928; ela pola tanto sería unha meniña. Pero o impacto foi tal, que lembra o suceso con claridade nidia; se cadra , produto das innumerables veces que o seu pai relataría, nas longas noites de inverno ao carón da lareira, o sucedido. " Caeu , onde está cruz, e aínda estivo tempo alí tirado" --evidentemente na espera de que chegase o xuíz.
Contounos, asemade, como xa se achegaran en tempos recentes, individuos coa intención de mercar a citada cruz, pero " o meu papá nunca a quixo vender, nin eu penso facelo. Non sei os fillos".
A casa é a de Francisco da Porreira, a conversa ben agradable, e a cruz lembra unha desgraza coa forza da pedra que foi labrada, e disposta a dar testemuña pétrea dun feito que, de seguro, marcou a vida na aldea durante longo tempo.
Xa por último, tamén indicou, cargando de valor a testemuña e valor da ofrenda, como noutrora había máis cruces polo monte " pero como eran de madeira --por razóns diversas-- foron desaparecendo". Citou como exemplo, unha no monte, coñecida como a Cruz do Luís.
Hemeroteca e memoria viva cruzáronse no noso camiño e do feito deixamos constancia.
A noticia apareceu publicada o 19 de outubro de 1928.

Seguir lendo...

03/04/10

Os cruceiros de San Xiao de Roimil.

Un dos cruceiros está situado á entrada do adro da igrexa parroquial. É de factura recente. Presenta a particularidade de que no fuste aparece representado San Xiao (sobre este e o significado do seu culto, véxase San Xiao do Carballo) cun falcón pousado na man dereita e vestido con levita. O fuste elévase sobre unha plataforma de chanzo único e unha base de forma troncopiramidal con arestas de modelado cóncavo. O terzo inferior do fuste ten sección cuandrangular, e nel figuran en relevo os símbolos da paixón de Cristo (tenaces, martelo, escaleiras, cravos, coroa de espiñas...). O resto do fuste é cilíndrico. O capitel álzase sobre un collarino liso. Ten follas de acanto, volutas e flores entre as volutas. A cruz de remate ten as arestas rebaixadas e sección cuadrangular nos extremos. No anverso, e baixo unha cartela, represéntase a Cristo, e no reverso á Virxe, con manto e sobre unha serpe enroscada. As dúas figuras están inspiradas na iconografía tradicional.
O outro cruceiro está moi cerca, e situado nun cruce de camiños que conduce á igrexa, á beira da estrada. Tamén é de factura recente, agás o fuste e o remate que serve de base á cruz, que parecen claramente reutilizados dun cruceiro anterior. Neste caso, o cruceiro carece de imaxes.

Seguir lendo...

Cruceiro de Santa María de Vilafiz.

Está situado no campo da festa, fronte á igrexa parroquial. Elévase sobre unha plataforma cadrada de dous chanzos. A base cúbica presenta un perfil quebrado por tres marcadas molduras. O fuste monolítico é de sección cadrada nos extremos e no resto ten as arestas rebaixadas. O capitel é moi sinxelo, pois só se destaca por arestas.
No anverso da cruz figura unha 'tosca' talla de Xesús, pero que posúe o encanto naif da arte popular. Segue a iconografía tradicional, pero os volumes son moi básicos e as desproporcións anatómicas evidentes. O rostro apenas está suxerido por unhas incisións elementais. A coroa é unha simple sucesión de triángulos. As extremidades son formas tubulares, sen articulacións e cunha marcada rixidez. Con todo, ten esa 'inmediatez' expresiva que fai da arte popular unha arte universal, formada a partir dun esquema conceptual básico e facilmente recoñecible por todo o mundo, e que as vangardas históricas conseguiron revitalizar. Para que logo digan "agora veñen os señoritos a ensinarnos como se fan as cousas". Pois así, nin máis nin menos. A nós parécenos unha obra preciosa, pola 'inmediatez' e sinceridade expresivas.

Seguir lendo...

19/02/10

Cruceiro de Miraz.

Está situado no adro da igrexa parroquial de Santiago de Miraz. Elévase sobre unha plataforma de tres chanzos de base cadrada. O terceiro chanzo, que serve de base e que ten as arestas rebaixadas, presenta unha inscrición na que se pode ler AÑO DE 1962 MIRAZ. Pensamos que esta data se corresponde cunha reforma, reconstrución ou reutilización dun cruceiro anterior, pois o fuste e o capitel son claramente máis antigos, seguramente do S.XVIII. De feito, se nos fixamos ben no fuste e no capitel, as similitudes cos cruceiros de Anxeriz son evidentes. Igual que estes, o cruceiro de Miraz ten un fuste de características semellantes: monolítico, con estrías (salvo nos extremos) de cicelado máis fino no terzo inferior, e cunha lixeira éntase. O mesmo podemos dicir do capitel de bóla (sobre este tipo, véxase Ulloa en fotos), que ten o mesmo tipo de decoración.
A parte máis moderna (suponse, de 1962) é a cruz, de arestas acanaladas e con decoración de modillóns de rolos na intersección inferior dos brazos da cruz. No anverso represéntase a Cristo baixo unha cartela, con coroa de espiñas e a cabeza inclinada cara abaixo. Segue a iconografía tradicional. No reverso represéntase á Virxe co neno, nunha recreación libre.
A proximidade de Miraz con Anxeriz, fai pensar nunha mesma escola ou tradición canteira.

Seguir lendo...

01/02/10

Cruceiro de Anxeriz.

Este cruceiro de factura case idéntica ó da anterior entrada, está situado fronte á igrexa de Santa María de Anxeriz. De feito, a descrición dada para o cruceiro de Ferreira é válida para este. Parece unha copia na que só se advirten diferenzas nunha análise detallada. Desde logo está mellor conservado, pero a factura, o estilo e a iconografía, son os mesmos. Aparentemente o fuste, que está inclinado, parece máis fino que o de Ferreira. O capitel é case idéntico: a única diferenza apreciable é a moldura superior ondulada, na que os óvalos cóncavos non son tan nítidos. A Piedade presenta a mesma composición, se ben a talla é un pouco máis tosca e elimina os detalles en zig-zag que decoraban a saia da Piedade de Ferreira. Tamén desaparece algún detalle anatómico, como as costelas marcadas do Cristo que aparecían no anterior cruceiro.
O cruceiro de Anxeriz está datado en 1766, é dicir, 34 anos despois do cruceiro de Ferreira. A partir de aquí podemos establecer varias hipóteses: foi feito polo mesmo autor máis de trinta anos despois; foi feito pola mesma escola de canteiros ou por algún discípulo, ou sinxelamente é unha copia. En calquera caso son bos exemplos para comprender a evolución deste tipo de creacións, e como os canteiros reinterpretaban o léxico arquitectónico clásico ata converter un capitel nunha forma case esférica de libre creación.

Seguir lendo...

31/01/10

Cruceiro de Ferreira (Anxeriz).

Como moitos cruceiros, está situado nun cruce de camiños en dirección a Ferreira, na parroquia de Anxeriz. Aséntase sobre unha plataforma de triplo chanzo e unha base cúbica coas arestas superiores rebaixadas, na que figura unha inscrición que nos permite datar a obra en 1732. O fuste carece de base, é cilíndrico, moi esvelto e presenta unha lixeira éntase. Está labrado en peza única e decorado con estrías: no terzo inferior as estrías son finas incisións na pedra, e no resto do fuste son estrías profundas de cicelado cóncavo. Remata nunha moldura en bocel que serve de base ao capitel.
O capitel, case esférico, afástase dos canons clásicos. Está delimitado por unha moldura inferior en talón, e unha moldura superior ondulada e decorada por óvalos cóncavos. O corpo do capitel está feito en dúas pezas e percorrida por sobresaíntes relevos en gota que converxen no centro sen tocarse.
Sobre o capitel aséntase unha cruz de sección cuadrangular e arestas rebaixadas. No anverso represéntase a Cristo na cruz seguindo a iconografía tradicional: co pano de pureza anoado no seu lado esquerdo, con tres cravos (pés cruzados), e aínda con vida mirando ó ceo. No reverso represéntase a Piedade. A Virxe sostén o corpo inerte do fillo mentres se lamenta co rostro cara ó ceo. Aséntase sobre cabezas de anxos. Leva a cabeza cuberta por unha toca que orixina tres pregamentos á altura do pescozo. Parece levar unha especie de túnica ou capa sobre o vestido. Este presenta unhas incisións en relevo na parte central da saia que asoma sobre a capa, e remata na parte inferior en perfil ondulado.
O conxunto presenta un visible deterioro na zona da cruz e do capitel. Presenta evidentes similitudes co cruceiro de Anxeriz fronte á igrexa parroquial, do que xa falaremos.

Seguir lendo...

07/11/09

A Casa Grande de Lousende ( e II )

Falamos, na entrada anterior, de que tiñamos razóns para pensar que as imaxes da desaparecida capela da Casa Grande de Lousende permanecen na propiedade.
Por un lado é a opinión da veciñanza –"cando o río soa…"-- pero por outra parte, así o cremos porque o descubrimento da casa foi produto da casualidade...
Achegámonos ata o cruceiro de Lousende para fotografalo. Coñeciamos a lenda e queriamos facer unha entrada coa mesma. Unha vez cumprido co traballo continuamos camiño e chegamos ata Lousende e quedamos 'impactados' polo que, a primeira vista, parecía o que era – unha casa grande—e polo que non era – unha capeliña flanqueada por dous cruceiros.
Explicámonos: Da Casa Grande xa falamos, e ao tempo comentamos que houbera unha capela ao pé da mesma que fora derruída. Pois ben a cruz que a coroaba foi trasladada ao pendello, que nos fixo crer estar diante dunha capeliña ( fotografía).
Por outro lado tamén nos chamou a atención os dous cruceiros, cunha imaxe da Virxe por un lado e un Cristo crucificado polo outro. Un á esquerda e outro á dereita do “pendello-capela” .
Pedestal e fuste dos mesmos observábase claramente que eran de factura posterior ao cruceiro en si.
Chamounos a atención tamén o que nos pareceu as diferentes pezas dunha fonte ornamental da mesma feitura dos cruceiros. Ao pouco demos tamén cun escudo labrado en pedra…
Facendo cábalas estabamos cando apareceu a actual propietaria da Casa Grande e aclarou todo: A cruz do que crimos capela fora colocada cando se demoleu a verdadeira capela. Os cruceiros, o escudo e as pezas da fonte foran comprados a un señor que se dedica á compra-venda deste tipo de patrimonio. A fonte aínda está pendente de ser colocada no lugar diante da casa que lle teñen reservado.
Polo tanto todo estaba “des-ubicado”, pero deunos pé a coñecer unha historia que tiñamos diante e que non deramos con ela. Así se escribe… o blog.

Seguir lendo...

06/11/09

O cruceiro de Lousende. Lenda

Na parroquia de San Martiño de Prado, no lugar de Lousende, atópase un cruceiro do que se conta unha lenda.
O cruceiro é simplemente unha cruz, sen ningún tipo de adorno, de ao redor dos dous metros de alto e sen pedestal; chantado directamente na terra. Está situado ao pé do río Narla , actualmente na estrada que une Prado coa citada aldea, mesmo ao lado da ponte que salva o río.
Uns dez metros río arriba vese a estrutura e os vargos da vella ponte, máis ben pontella, que debía dar servizo ao camiño vello, hoxe só ‘adiviñable’.
Conta a historia ( “xa a contaban os pais dos meus pais… e a miña nai vai para 103 anos o dezanove de marzo, vaia ‘usté’ a saber”..., di o informante, veciño de Lousende) que hai xa moitos anos viñan dúas mulleres, de noite , de volta para a casa, despois de ir a unha festa. Ao cruzar o río atopáronse cun lobo. Unha delas tivo a fortuna de “dar subido a un albelo”, pero a outra non gozou de tanta sorte e foi morta alí mesmo polo lobo.
Non se sabe moi ben se en memoria da defunta , ou como ofrenda pola salvación da que salvou a vida – quizás polas dúas razóns—o feito é que se fixo un cruceiro que rememora tal feito e que aínda segue en pé.
Dicía Castelao que “cada cruceiro é unha oración de pedra que fixo baixar un perdón do ceo, polo arrepentimento de quen o pagou e polo gran sentimento de quen o fixo”.

Seguir lendo...

16/09/09

O cruceiro de Cotá.

Atípico cruceiro en Galicia, pois segue pautas nada habituais no noso territorio. O cruceiro de Cotá chama a atención porque segue o modelo de cruz irlandesa, sen columna e sen capitel. Levántase sobre unha estrutura de triplo chanzo e pedestal rectangular cuxo lado maior coincide cos brazos da cruz. Trátase dunha cruz latina de elevado pé e labrada en peza única. A parte central é unha circunferencia, ó estilo das cruces irlandesas, nas que a cruz estaba inscrita nunha roda solar. Na primitiva cultura irlandesa o sol era o deus supremo, e conforme se impón o cristianismo, este símbolo solar acaba impoñéndose por asimilación. Nun dos lados da circunferencia represéntase a San Martiño compartindo a capa co pobre, representado en baixo relevo e de forma moi arcaizante, con formas ríxidas, vestimentas xeométricas e sen concesión algunha ó volume, seguindo a tradición nórdica. No outro lado da circunferencia figura unha custodia co Santísimo Sacramento en mármore (pensamos que é un engadido posterior).
Toda a cruz está percorrida por unha decoración de círculos con radios curvados, dez en cada lado, que recordan ás esvásticas célticas ou ben ós bubóns alusivos á peste que aparecen nas cruces de peste bretoas dos SS XVI e XVII. Os bordos laterais da cruz decóranse con motivos avolutados que evocan o gótico flamíxero.
No pedestal figura unha placa de mármore conmemorativa na que se le "En memoria do Congreso Eucarístico XXII. Junio 1911". Seguramente o engadido da custodia en mármore é desta época, pero é moi probable que a cruz sexa bastante anterior, de 1772, como difícilmente se le na inscrición en pedra nun dos lados da base.

Seguir lendo...

10/09/09

Cruceiro de San Mamede de Nodar

O cruceiro, do S.XVIII, está situado fronte á igrexa.
Segundo consta na inscrición do pedestal, foi feito no ano 1706; é, polo tanto, unha obra do barroco xa tardío. A plataforma no que está asentado está formada por tres banzos. O fuste é poligonal e mostra no lado anverso unha imaxe de San Pedro sostendo as chaves do ceo na man dereita. Viste de túnica e apoia os pés nunha peaña.
O capitel composto é moi clásico, con follas de acanto e volutas. Sobre el susténtase unha cruz de aristas rebaixadas e cos extremos rematados en lóbulos.
No lado anverso e baixo unha cartela figura a imaxe de Cristo. Segue o modelo das crucifixións hispánicas barrocas: coroado de espiñas, con tres cravos, cos pés cruzados, e co pano de pureza anoado ó lado esquerdo. Polo xeral, Cristo na cruz aparecía ou ben mirando cara ao ceo en diálogo co Pai Creador, ou ben coa cabeza inclinada cara abaixo buscando contacto emocional co espectador, como é o caso que nos ocupa.
No reverso aparece a Inmaculada seguindo unha tipoloxía iconográfica que tivo enorme difusión na metade norte peninsular durante o Barroco: vestida con túnica e manto, sobre peaña e coas mans en actitude orante, seguindo un esquema compositivo en forma de pirámide.

Seguir lendo...

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.